Varios medios e contas de Twitter ligadas á resistencia kurda fronte ao Estado Islámico en Siria informan da morte dun miliciano supostamente orixinario de Ourense que loitaba baixo o alias Baran Galicia.
Fálase
Nigrán homenaxea ás dúas veciñas de Chandebrito que morreron nos incendios do 15 de outubro. A veciñanza descobre unha placa nunha fonte á que acudían no marco da recuperación de varios elementos etnográficos da parroquia.
As obras en Rande reduciron a circulación esta pasada noite a un só carril por sentido malia o anuncio de Fomento de que quedarían dous dispoñibles. Pecháronse os novos carrís da ampliación e todo o tráfico tivo que empregar un dos dous vellos taboleiros centrais. O ministro tamén prometera que os traballos pendentes realizaríanse pola noite pero están a afectar á circulación tamén durante o día.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala o decreto de pisos turísticos da Xunta fronte ao recurso que presentara a Comisión da Competencia. O xuíz asume todas as alegacións formuladas polo Goberno galego fronte ás consideracións de Competencia, que consideraba a norma “contraria á competencia e aos principios de regulación económica eficiente”. En todo caso, as dúbidas de Competencia xa obrigaran ao Goberno galego a corrixir o seu texto inicial cunha "instrución interpretativa", figura que a Xunta só empregou tres veces na súa historia.
Os falecementos ligados á gripe ascenden en Galicia a 130 nos meses transcorridos da tempada de vixilancia, que comeza en outubro, segundo os últimos datos do Sergas. Son seis menos que en toda a tempada anterior, a 2016-17, pechada en maio do pasado ano con 136 mortes. Os falecementos por esta enfermidade acadaron máximos no que vai de século tras décadas de descensos.
O líder do PP en Santiago declárase "satisfeito" polo acto no que recolleu lixo das beiras do Sar e o guindou ao río para denunciar "contaminación". "Grazas a ese traballo de divulgación, o problema é coñecido en toda Galicia e en moitos sitios de España", afirma o ex-conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Nós TV recolle as súas declaracións.
O Goberno de Rajoy leva aos tribunais a Cifuentes pola suba salarial para os traballadores da Xustiza en Madrid, un acordo dun incremento retributivo de 120 euros mensuais para os funcionarios. O recurso a este pacto chega en medio da folga do persoal xudicial en Galicia, que reclama, entre outras cousas, o aumento do complemento autonómico.
A Xunta convoca os sindicatos a unha nova xuntanza o luns para intentar deter a folga do persoal de Xustiza, que hoxe cumpre a súa oitava xornada de paro indefinido. Neste xoves, Feijóo lanzou a poboación parada e precaria contra os funcionarios.
A falta de apoio na Eurocámara a Luis de Guindos para vicepresidir o Banco Central Europeo desconcerta o Goberno de España. Cóntao eldiario.es. Antes de ser ministro De Guindos ostentou un alto cargo en Lehman Brothers e foi clave en procesos como o rescate bancario ou a venda de Novagalicia Banco.
O Goberno central estuda usar o 155 para ir contra o modelo de inmersión lingüística catalán e impulsar o castelán a través da opción do idioma para os pais no sobre de matrícula para os pais.