Más Madrid de Carmena gaña as eleccións pero a dereita suma para gobernar mentres que Maragall gaña a Colau e ERC obtén por primeira vez a alcaldía de Barcelona.

Más Madrid de Carmena gaña as eleccións pero a dereita suma para gobernar mentres que Maragall gaña a Colau e ERC obtén por primeira vez a alcaldía de Barcelona.
Restablecido o tráfico ferroviario entre Ourense e Zamora que quedara cortado polas obras do AVE. O corte estendeuse finalmente 48 horas máis do previsto. Ata a entrada en servizo definitiva da liña de alta velocidade Madrid-Galicia a circulación de trens neste treito obrigará a limitacións de velocidade de ata 30 quilómetros por hora en varios puntos.
Este domingo (12:30) o Obradoiro xoga a permanencia na ACB. Para permanecer na categoría debe gañar ao Barça; tamén a manterá se o Gipuzkoa perde fronte ao Real Madrid ou o Estudiantes cae ante o Joventut. O Breogán, pola súa banda, xoga este domingo o seu último partido na máxima categoría fronte ao Burgos tras consumar o descenso na pasada xornada.
26M | O PSdeG de Pontevedra denuncia na Xunta Electoral o reparto de panfletos a prol de ENCE no centro da cidade durante a xornada de reflexión por parte de persoal da compañía. Recólleo Pontevedra Viva. A eventual marcha da celulosa fóra da ría estivo, outra volta, moi presente na campaña electoral. (Imaxe: PSdeG Pontevedra)
O que arde, de Oliver Laxe, premio do xurado na sección Un certain regard no Festival de Cannes. É o primeiro filme proxectado en galego en toda a historia do festival. Para preparalo, o realizador conviviu con bombeiros forestais que loitan contra o lume nos montes de Ourense.
26M | Horizonte 2019: unha aplicación informática desenvolvida por 40 investigadores de diversas universidades, entre elas a de Santiago, convida a comprobar a afinidade coas diferentes forzas políticas que concorren ás eleccións ao Parlamento europeo do vindeiro domingo mediante un test anónimo. Pode realizarse nesta ligazón
Adif estende ata este domingo o corte da liña entre Ourense e Zamora polas obras do AVE iniciado hai 15 días e que debía finalizar este venres. A empresa pública non foi quen novamente de cumprir as súas propias previsións, incumprimentos que lle vén censurando a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC). Ademais do actual corte, e doutros puntuais que se producirán a finais deste ano, ata a entrada en servizo do AVE o próximo ano a circulación de trens entre Zamora e Ourense estará condicionada en varios puntos por limitacións de velocidade de ata 30 quilómetros por hora.
A Mesa do Congreso decide suspender os deputados independentistas cataláns en prisión preventiva tras o informe dos letrados da Cámara ao respecto. Junqueras, Sànchez, Rull y Turull serán inhabilitados dos seus cargos co apoio da maioría deste órgano, no que os representantes de Unidas Podemos votaron en contra. (Imaxe: Congreso dos Deputados)
A primeira ministra británica, Theresa May, dimite como líder do Partido Conservador tras non ser quen de sacar adiante o Brexit. A renuncia, que será efectiva o 7 de xuño, é o primeiro paso para a súa saída tamén do Goberno: "Está claro para min que o mellor para o Reino Unido é que un novo primeiro ministro lidere este esforzo", di.
O Ministerio de Fomento abre hoxe o treito de Arzúa a Lavacolla da autovía Lugo-Santiago. Ao entrar en servizo en campaña non pode ser inaugurada cun acto oficial. Hai 20 anos que se inaugurou o primeiro treito da A-54, o Santiago-Lavacolla.