PSOE e BNG asinan o acordo de orzamentos da Coruña para 2024. As contas, de 375 millóns, entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro e priorizan as políticas sociais, a revitalización dos barrios e a mobilidade sostible.
Fálase
Investigan como posible violencia de xénero a morte dunha muller cuxo cadáver apareceu este xoves no Porriño cun pano na boca. Así o publica na súa web Europa Press, que sinala citando fontes policiais que o cadáver puido ser trasladado desde outro lugar ata onde apareceu, nas inmediacións dunha estación da ITV no polígono industrial das Gándaras.
Morre Nené Barral, alcalde de Ribadumia ata 2001 e pendente desde aquela de xuízo por contrabando.
Desconvocada a folga en Renfe prevista para este venres. Sindicatos e Ministerio de Transportes acordan traballar xuntos na transferencia de Cercanías a Catalunya e o futuro de Renfe Mercadorías, as dúas cuestións que levaran a convocar os paros. O ministerio advirte de que ao cancelarse a folga tan preto do inicio dos seus servizos mínimos pode haber problemas puntuais a primeira hora da mañá.
O PP pide a Vox que non se presente ás eleccións galegas. Miguel Tellado, vicesecretario de Organización Territorial, advirte á ultradereita de que "non ten posibilidade en ningunha das catro provincias" e que "sería intelixente" evitar dividir o voto da dereita. "Hai que fiar fino para soster a maioría e mantela", explicou en EsRadio.
Preacordo para que persoal das auxiliares de Endesa realicen o predesmantelamento da central das Pontes e 80 traballadores manteñan o emprego. O pacto chega a poucas horas da folga xeral parcial que convocou hoxe a CIG nas Pontes para reclamar unha "transición xusta" na vila.
O Consello de Ministros saca a concurso a liña de bus Vigo-Madrid, operada ata agora por Avanza. A nova concesión será por nove anos e cun custo estimado de 54,1 millóns de euros. [Imaxe: Avanza]
O Supremo cita a Baltar o 12 de decembro para unha "declaración voluntaria" na súa causa penal por conducir a 215 por hora un coche oficial da Deputación de Ourense. A maxistrada instrutora do procedemento aberto contra o agora senador aforado ofrécelle exercer o seu dereito de defensa cunha comparecencia ás 10 da mañá desa xornada.
Terceiro día consecutivo de atrasos e incidencias na rede ferroviaria galega, con demoras nas conexións entre Ourense e A Coruña e no Eixo Atlántico. Problemas en varios trens provocan traslados en autobús e atrasos a numerosos viaxeiros.
Israel e Hamas pactan unha "pausa humanitaria" de catro días que inclúe a liberación de reféns. A milicia palestina liberará 50 reféns e a cambio Israel fará o mesmo con 150 presos, todos menores de 19 anos ou mulleres. O pacto inclúe tamén a entrada de máis axuda humanitaria en Gaza. [Imaxe: Ashraf Amra, UNRWA]