Desconvocada a folga en Renfe prevista para este venres. Sindicatos e Ministerio de Transportes acordan traballar xuntos na transferencia de Cercanías a Catalunya e o futuro de Renfe Mercadorías, as dúas cuestións que levaran a convocar os paros. O ministerio advirte de que ao cancelarse a folga tan preto do inicio dos seus servizos mínimos pode haber problemas puntuais a primeira hora da mañá.
Fálase
O PP pide a Vox que non se presente ás eleccións galegas. Miguel Tellado, vicesecretario de Organización Territorial, advirte á ultradereita de que "non ten posibilidade en ningunha das catro provincias" e que "sería intelixente" evitar dividir o voto da dereita. "Hai que fiar fino para soster a maioría e mantela", explicou en EsRadio.
Preacordo para que persoal das auxiliares de Endesa realicen o predesmantelamento da central das Pontes e 80 traballadores manteñan o emprego. O pacto chega a poucas horas da folga xeral parcial que convocou hoxe a CIG nas Pontes para reclamar unha "transición xusta" na vila.
O Consello de Ministros saca a concurso a liña de bus Vigo-Madrid, operada ata agora por Avanza. A nova concesión será por nove anos e cun custo estimado de 54,1 millóns de euros. [Imaxe: Avanza]
O Supremo cita a Baltar o 12 de decembro para unha "declaración voluntaria" na súa causa penal por conducir a 215 por hora un coche oficial da Deputación de Ourense. A maxistrada instrutora do procedemento aberto contra o agora senador aforado ofrécelle exercer o seu dereito de defensa cunha comparecencia ás 10 da mañá desa xornada.
Terceiro día consecutivo de atrasos e incidencias na rede ferroviaria galega, con demoras nas conexións entre Ourense e A Coruña e no Eixo Atlántico. Problemas en varios trens provocan traslados en autobús e atrasos a numerosos viaxeiros.
Israel e Hamas pactan unha "pausa humanitaria" de catro días que inclúe a liberación de reféns. A milicia palestina liberará 50 reféns e a cambio Israel fará o mesmo con 150 presos, todos menores de 19 anos ou mulleres. O pacto inclúe tamén a entrada de máis axuda humanitaria en Gaza. [Imaxe: Ashraf Amra, UNRWA]
O vigués Rubén Pérez será nomeado este mércores novo secretario de Estado no Ministerio de Xuventude e Infancia. A ministra Sira Rego sitúa como número dous o impulsor da Marea de Vigo e actual responsable de política municipal na dirección federal de Esquerda Unida.
Atrasos de case unha hora en varios trens en Galicia nunha nova xornada de incidencias na rede ferroviaria. Problemas nun tren que partía da Coruña cara a Ourense provocou demoras en varios traxectos a primeiras horas da mañá.
Centos de persoas volveron concentrarse este luns nunha trintena de cidades e vilas galegas contra a invasión israelí de Gaza, que xa provocou a morte de varios milleiros de palestinos, entre eles nenos e nenas nunha ampla porcentaxe. As concentracións, baixo o lema 'Non é unha guerra, é un xenocidio', foron convocadas por Mar de Lumes, Galiza por Palestina e BDS Galiza.