A Consellería de Sanidade prepara a segunda onda de tests de seroroprevalencia coa que completará o estudo autonómico da Covid-19. O total de persoas contactadas na primeira onda de test foi de 61.836 e Sanidade realizará outros 50.925 tests. A primeira fase rematou con moi poucos positivos e peticións de médicos para cancelalo, dubidando da fiabilidade dos tests
Fálase
A Xunta critica que o Goberno central non autorice a práctica da pesca deportiva na Fase 1, que se inicia o luns en Galicia. O Goberno galego autorizou hai uns días a actividade da pesca fluvial, unha medida que foi denunciada por organizacións ecoloxistas como ADEGA e Ríos con Vida e pola Federación Galega de Pesca. A orde ministerial que este sábado publica o BOE tampouco permite a caza.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirma que deben ser os concellos os que decidan en que núcleos ou parroquias se aplica o novo criterio para a obriga de establecer franxas horarias para dar paseos ou facer deporte. Este venres o Goberno galego difundiu unha lista xenérica de parroquias que non chegan a 5.000 habitantes, pero cada localidade debe establecer se se trata de núcleos separados e rurais.
Veñen de coñecerse os gañadores e gañadoras da V Gala do Libro Galego, organizada polas asociacións de editoras, librarías e escritores e escritras galegas. Entre os premiados e premiadas aparecen Suso de Toro, Juan Casto Rivadulla, Susana Sanches Arins, Paula Carballeira, Emma Carballeira ou María Yáñez, responsable de Vinte, galardoada na categoría de Xornalismo Cultural.
O BOE vén de publicar a orde ministerial que detalla as condicións e normas que rexen algunhas actividades permitidas na Fase 1 do desconfinamento, como a apertura do pequeno comercio e dos bares, a realización de espectáculos culturais ou as reunións sociais permitidas (de ata 10 persoas)
O Concello de Lugo organiza o seu primeiro concerto online para celebrar o Día de Europa. A partir das 12.30 horas poderanse seguir as actuacións de Laura LaMontagne & PicoAmperio e de Rodrigo Cuevas nas súas contas nas redes sociais.
Galicia na súa totalidade pasa á Fase 1 do proceso de desconfinamento, segundo vén de comunicar Fernando Simón, responsable do CCAES. Toda a información, nuns minutos en Praza.gal.
Persoal mobilizado da CRTVG protesta no seu 103º venres negro, reivindica o xornalismo como "servizo público" e advirte de que "a información rigorosa e independente cómpre máis ca nunca". A CRTVG acumula meses sen control do Parlamento.
Alberto Núñez Feijoo asegurou este venres que "se está traballando" en decidir que "quincena" sería a máis segura dende un punto de vista sanitario para a celebración das eleccións ao Parlamento galego, apuntando ao momento en que haxa menos posibilidades dun rebrote da pandemia de coronavirus. O presidente da Xunta mantivo a porta aberta a escoller o mes de xullo para a convocatoria dos comicios.
O Foro Económico de Galicia empeora as súas previsións sobre o impacto da crise do coronavirus e prevé un descenso do PIB galego entre o 8,5% e o 12,7%. Engade que un rebrote no outono que obrigase a un novo confinamento podería incrementar a caída ata o 19%