Un tremor de terra de magnitude 3,9 mbLg con epicentro en Laza foi percibido ás 00:35 da pasada noite en gran parte de Galicia. É un movemento sísmico máis dentro do enxame que, nos últimos días, concentra máis de 70 tremores na provincia de Ourense, segundo datos do IGN. GCiencia está a analizar nas últimas xornadas o acontecido. (Imaxe: IGN)
Fálase
A Xunta deixa Lobios como único concello en nivel máximo de restricións pola COVID-19 dende as 00:00 do sábado, día 22. Segundo vén de comunicar Sanidade, case unha trintena de concellos cambian de nivel. No alto pasan a estar Cambados, Vilanova de Arousa, Moraña, Ponte Caldelas, Mos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Oleiros. No medio quedan Barbadás, O Barco de Valdeorras, Santiso, Boiro, Rianxo, Padrón, Ordes, Valga, Ames, Carral, Fisterra, Cee, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Cangas, Moaña, Salceda de Caselas, Chantada, Viveiro e Cervo. Ademais, a Xunta equipara o horario de peche dos bares ao dos restaurantes, quedando ambos fixados na 1 da madrugada e ambos condicionados a teren medidores de CO2 para poder facelo.
- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta polo coronavirus dende o 22 de maio
Ramón Sarmiento renuncia á reelección como secretario xeral de CCOO-Galicia, cargo que ocupará Amelia Pérez. O aínda líder de Comisións anunciouno durante a súa intervención no 12º congreso da central.
O Xulgado suspende as actuacións sobre o Pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario debe considerarse parte do predio. O Estado solicitou que se determinase que bens son integrantes das Torres e o Concello de Sada reclamou que se inclúa o mobiliario como parte do Pazo. A xustiza estimara o recurso dos Franco e permitíralles retirar o mobiliario.
A Xunta habilita os puntos de vacinación fronte á COVID para obter o contrasinal do sistema Chave365 co que relacionarse dixitalmente coa administración galega. Ata agora xa se podía obter o contrasinal nos centros de saúde e no resto de oficinas de atención ao público da Xunta.
O persoal de Alcoa na Mariña ratifica o acordo para para iniciar a venda e suspender a folga. A multinacional iniciará contactos cos seis posibles compradores que lle derivou o Goberno central.
A Xunta adía a mañá, xoves, a reunión do comité clínico que abordará os seguintes cambios nas restricións pola COVID-19, tanto no que atinxe a medidas por concellos como ás que se aplican ao conxunto de Galicia. A razón do adiamento, segundo a Consellería de Sanidade, é que o Consello Interterritorial de Saúde (composto polo Estado e as autonomías), que se ía xuntar ás 16h, finalmente farao ás 18h, hora prevista para o comité da Xunta, cuxo encontro xa fora adiado do martes ao mércores por ser festivo o pasado luns.
Feijóo di que o Turismo “debe ser unha prioridade política e económica” para a recuperación. O presidente participa en Madrid nun foro impulsado polo Grupo Hotusa, do chantadino Amancio López Seijas.
- HEMEROTECA | Saudades da orde perdida con arrecendo a La Toja
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anuncia unha viaxe a Ceuta e Melilla este mesmo martes para "amosar a determinación" coa que, di, o seu Executivo está a abordar a "inusitada crise migratoria" desencadeada nas últimas horas. O Ministerio do Interior asegura que devolveu en quente case 3.000 persoas a Marrocos e evita culpar directamente do acontecido ás autoridades marroquís.
Falece aos 76 anos o cantautor italiano Franco Battiato. O emblemático artista estaba enfermo levaba retirado uns tres anos da vida pública. (Imaxe: Ale3me)