O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este sábado o parque natural das Dunas de Corrubedo, onde cualificou cun "suspenso" a política medioambiental da Xunta. Caballero avogou por unha lei galega contra o cambio climático e lembrou que só dous dos seis parques naturais galegos contan cun plan de usos e xestión; no caso de Corrubedo “houbo que agardar 30 anos para que saíra adiante", apuntou. Ademais, denunciou que só tres das 72 especies en perigo de extinción contan en Galicia co plan de recuperación que esixe a lei.
