O novo goberno portugués toma posesión e o primeiro ministro, António Costa, sinala entre as súas principais promesas novas subas do salario mínimo co "objetivo de atingir os 750 euros em 2023". No inicio da anterior lexislatura, subliña, estaba en 505 euros. O novo gabinete socialista terá que presentar agora o seu programa á Assembleia da República.
Fálase
Gonzalo Caballero anuncia que o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, é proposta do PSdeG para ser novo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, cargo que os socialistas poderán manter en virtude dos resultados das eleccións de maio. Ata agora o posto exerceuno o alcalde do Barco, o tamén socialista Alfredo García. A Fegamp renovará os seus órganos directivos a finais de novembro.
O BNG asina unha declaración a prol da autodeterminación con outras formacións soberanistas do Estado e Feijóo cualifícaos de "anti España" e "anti Galicia"
10N | Un novo promedio de enquisas volve situar o PSOE como primeira forza nas xerais, pero estancado e á baixa mentres o PP se asenta nos 100 escanos e a extrema dereita de Vox segue á alza grazas ao devalo de Ciudadanos. O traballo, publicado por La Vanguardia, apunta a que os populares recuperarán a condición de primeira forza en Galicia que perderon o 28A.
'Chile despertó': máis dun millón de persoas maniféstanse en Santiago de Chile contra as políticas do goberno de Sebastián Piñera e na defensa de mudanzas sociais e económicas. Calcúlase que é a maior mobilización popular dende a fin da ditadura de Pinochet. (Imaxe: @modatima_cl)
O Goberno central dedica case 25 millóns a Alcoa San Cibrao das axudas para compensar emisións de CO2. O acordo do Consello de Ministros autorizou aumentar as subvencións por esta contaminación até os 172,23 millóns de euros.
O deputado Antón Sánchez (Común da Esquerda) reclama o cesamento dun cargo da Xunta que cargou contra a exhumación de Franco e viu "revanchismo" nela. Juan Gómez, xefe de servizo de Conservación da Natureza en Ourense, expresouse deste xeito en varias publicacións en Facebook. A conselleira de Medio Ambiente, departamento do que depende, retrucou no Parlamento que se trata dun "funcionario de carreira" e por esa condición accedeu á xefatura, se ben Sánchez matiza que ese é un posto de libre designación. "El saberá o que di", concluíu Ángeles Vázquez.
As enquisas manteñen o PSOE en cabeza cara ao 10N, pero sen crecemento e co PP asentado nos 100 escanos. Mentres, Ciudadanos está en risco de caer á quinta posición, superado por Vox. É un promedio de inquéritos que publica eldiario.es
Boris Johnson pide ao Parlamento británico eleccións anticipadas o 12 de decembro tras a derrota do seu plan do Brexit na Cámara.
A Xunta recorrerá a paralización do parque eólico do Oribio e Feijóo minimízaa salientando que “neste momento en Galicia estamos tramitando 20 parques eólicos”. Malia que o TSXG paraliza cautelarmente un acordo adoptado polo actual Goberno galego que permitiu iniciar os traballos por dubidar da vixencia da avaliación ambiental feita durante os gobernos de Fraga, Feijóo salienta que a autorización do parque foi emitida en 2007 polo bipartito.