'Chile despertó': máis dun millón de persoas maniféstanse en Santiago de Chile contra as políticas do goberno de Sebastián Piñera e na defensa de mudanzas sociais e económicas. Calcúlase que é a maior mobilización popular dende a fin da ditadura de Pinochet. (Imaxe: @modatima_cl)
Fálase
O Goberno central dedica case 25 millóns a Alcoa San Cibrao das axudas para compensar emisións de CO2. O acordo do Consello de Ministros autorizou aumentar as subvencións por esta contaminación até os 172,23 millóns de euros.
O deputado Antón Sánchez (Común da Esquerda) reclama o cesamento dun cargo da Xunta que cargou contra a exhumación de Franco e viu "revanchismo" nela. Juan Gómez, xefe de servizo de Conservación da Natureza en Ourense, expresouse deste xeito en varias publicacións en Facebook. A conselleira de Medio Ambiente, departamento do que depende, retrucou no Parlamento que se trata dun "funcionario de carreira" e por esa condición accedeu á xefatura, se ben Sánchez matiza que ese é un posto de libre designación. "El saberá o que di", concluíu Ángeles Vázquez.
As enquisas manteñen o PSOE en cabeza cara ao 10N, pero sen crecemento e co PP asentado nos 100 escanos. Mentres, Ciudadanos está en risco de caer á quinta posición, superado por Vox. É un promedio de inquéritos que publica eldiario.es
Boris Johnson pide ao Parlamento británico eleccións anticipadas o 12 de decembro tras a derrota do seu plan do Brexit na Cámara.
A Xunta recorrerá a paralización do parque eólico do Oribio e Feijóo minimízaa salientando que “neste momento en Galicia estamos tramitando 20 parques eólicos”. Malia que o TSXG paraliza cautelarmente un acordo adoptado polo actual Goberno galego que permitiu iniciar os traballos por dubidar da vixencia da avaliación ambiental feita durante os gobernos de Fraga, Feijóo salienta que a autorización do parque foi emitida en 2007 polo bipartito.
A Xunta outorga o título de embaixador de Honra do Camiño de Santiago ao Consello de Europa, institución que declarou o Camiño en 1987 como primeiro itinerario cultural europeo. Os anteriores galardoados con esta distinción creada en 2013 obviando outras previas foron o príncipe Felipe, o rei emérito, Vicente del Bosque e Mariano Rajoy, único que aínda non recolleu o título.
A Garda Civil ordena protexer a funeraria de Becerreá que participa na exhumación de Franco. Unha empresa de mármoles de Cuenca que tamén participa no proceso foi ameazada e a súa sede sufriu pintadas de grupos fascistas.
EPA | O paro aumenta en 3.100 persoas no terceiro trimestre do ano en Galicia; son 9.500 persoas menos no paro que hai un ano. No mesmo trimestre as persoas ocupadas en Galicia aumentaron en 6.900 e quedan en 1,1 millóns, o que supón 9.200 por riba da cifra de hai doce meses. Máis información, hoxe en Praza.gal
Esta mañá o cadáver de Francisco Franco é exhumado do mausoleo do 'Valle de los Caídos' en cumprimento do mandato parlamentario que pon fin a 44 anos de homenaxe ao ditador no recinto que el mesmo mandou construír. O máis destacado da xornada, hoxe en Praza.gal. Nas imaxes, distribuídas polo Goberno de España, preparativos da exhumación.