Salvamento Marítimo busca tres persoas que saíron pescar este venres desde Corcubión a Carnota e non regresaron. Están mobilizados medios aéreos, marítimos e terrestres.
Fálase
Un incendio na conserveira Jealsa en Boiro mobiliza bombeiros de varias vilas da contorna e barcos de gardacostas. A Axencia Galega de Emerxencias rexistrou o lume ás 14.26 horas e xa alertou tamén o seu grupo de apoio loxístico. [Imaxe: CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral da Xunta]
👉 AMPLIAMOS | Un incendio na conserveira Jealsa en Boiro activa o Plan de Emerxencias de Galicia e mobiliza bombeiros de varias vilas
A última hora deste venres publicáronse no DOG as novas restricións fronte á COVID que estarán en vigor desde as cero horas deste domingo, tras o remate do estado de alarma, avanzadas o xoves polo presidente da Xunta. Aquí pode lerse o documento oficial e neste mapa interactivo consultarse de xeito máis visual.
O persoal da CRTVG converte o seu venres negro número 155 nunha reivindicación da "perspectiva galega" nos medios, unha "obriga dos medios públicos". Sinalan que a CRTVG "non pode servir a outros intereses que non sexan os de Galicia e as galegas; nin aos de quen está en San Caetano nin aos dos que están en Madrid"
Repsol e sindicatos chegan a un acordo sobre o ERTE na refinaría da Coruña, que afectará a 112 traballadores, fronte aos 212 iniciais. Ademais, ningún deles deixará de traballar por completo. A regulación temporal de emprego, que comezará a aplicarse o 11 de maio, redúcese a 4 meses e 20 días, fronte aos seis meses propostos inicialmente. Hai dúas semanas unha manifestación na cidade herculina protestou contra o expediente proposto pola empresa.
A Real Academia e PuntoGal anuncian as gañadoras do seu IV Concurso de microrrelatos nas categorías de infantil e xuvenil, cinco rapazas e un rapaz. Na categoría infantil (ata 11 anos) participaron máis de 300 textos e na xuvenil recibíronse 478 relatos. Agora, todas as pezas gañadoras publicaranse na web relatos.gal
A Xunta restablece o luns “a totalidade” dos servizos de autobús interurbano, que se viran reducidos no marco das restricións para o control da COVID-19. Publícao no Diario Oficial de Galicia deste venres.
Este mércores administráronse máis de 45.000 doses das vacinas contra a COVID, un novo máximo diario en Galicia. No conxunto desta semana a previsión é superar as 250.000 doses. O 79,3% da poboación maior de 60 anos recibiu cando menos unha dose e o 42,5% a pauta completa. En total, o 36,4% da poboación adulta está vacinada e o 18,5% ten a pauta completa
O Goberno dos EUA apoia a suspensión temporal das patentes das vacinas contra a COVID-19 para acelerar a inmunización en todo o mundo. O anuncio chega cando o país americano ten algo máis do 40% da súa poboación vacinada con cando menos unha dose e despois de frear as exportacións de vacinas ata o avance do proceso entre a súa propia cidadanía. Recentemente, grupos da esquerda no Parlamento Europeo defenderon a prol da liberación das patentes, que foron rexeitadas. O mesmo sucedeu nun debate formulado polo BNG no Parlamento galego.
O xulgado autoriza a exhumación dos restos de Déborah Fernández, a muller asasinada en Vigo no ano 2002, co obxectivo de poder procurar novas probas que conduzan á identidade da persoa que a asasinou. Recólleo Faro de Vigo Na imaxe, a nai e a irmá de Déborah Fernández, nun acto en Vigo en 2019 para reclamar a reapertura das pescudas.
- HEMEROTECA (2019) | O caso de Déborah Fernández: 17 anos á procura de xustiza