Galicia vive hoxe outra xornada de altas temperaturas, superiores aos 30 graos en moitos puntos do país. Meteogalicia tamén prevé, non obstante, treboadas na segunda parte da xornada.
Fálase
O Concello da Coruña aproba o Plan de Reactivación Económica e Social para paliar as consecuencias socioeconómicas do coronavirus. O proxecto foi presentado pola alcaldesa, Inés Rey, e está avalado por todas as forzas da corporación municipal (PSdeG, PP, Marea Atlántica, BNG e Ciudadanos). O documento pode ser consultado nesta ligazón
O Ministerio de Inclusión prevé "recoñecer de oficio a 100.000 fogares" o ingreso mínimo vital e comezar a pagalo "a finais de xuño". O ministro Escrivá ratifica ademais que o seu departamento vai fixar "un mínimo que cada comunidade autónoma poderá complementar". O Consello de Ministros aproba mañá a medida. Avanzouno nunha entrevista en Onda Cero
Temor entre o persoal de Alcoa en San Cibrao a que a multinacional anuncie hoxe un alto número de despedimentos no complexo industrial mariñao e mesmo o peche dunha das dúas factorías. O encontro está previsto para este mediodía en Lugo e a empresa admite que vai anunciar "medidas laborais". Paralelamente, Alcoa citou tamén ao seu comité de empresa europeo en Madrid. Máis información, hoxe en Praza.gal
A voceira parlamentaria do PP cualifica no Congreso como "terrorista" ao pai de Pablo Iglesias, detido durante a ditadura por "propaganda antifranquista". Un membro de Vox xa fora condenado a indemnizar o pai do actual vicepresidente segundo do Goberno central e líder de Podemos tras unha acusación semellante á lanzada hoxe por Cayetana Álvarez de Toledo. Previamente, Iglesias referírase a Álvarez de Toledo como "marquesa", título nobiliario que ostenta dende 2013.
A destitución do xeneral da Garda Civil Pérez de los Cobos profunda a fenda entre o Ministerio do Interior e o alto mando do Instituto Armado. Segundo transcendeu, a orixe do cesamento é a negativa do destituído a informar o Goberno central dun informe que, remitíndose a novas dalgúns medios, informacións incompletas e testemuños dubidosos, pretende sinalar a manifestación feminista do 8M en Madrid como clave da expansión do coronavirus.
Quince medios de comunicación editados en diversos puntos do Estado, entre eles Praza.gal, piden ao Goberno central unha nova lei de publicidade institucional rexida por "criterios de respecto á igualdade e á diversidade para fomentar a pluralidade informativa". A proposta íntegra pode consultarse nesta ligazón.
O val do Miño estará en aviso amarelo este mércores en Ourense e Pontevedra por temperaturas superiores aos 34º por unha entrada de aire africano.
O Tribunal Supremo avala que Concello e Xunta limitaron correctamente en 2016 aos barrios históricos de Vigo e Bouzas a liberdade horaria por motivos turísticos, fronte á Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución (Anged) que reclamaba máis liberdade.
12X | Ciudadanos volve reclamar a confluencia co PP para as eleccións galegas. Segundo a súa voceira, Beatriz Pino, faino para frear a "ameaza real" de que en Galicia gobernen as formacións da actual oposición, ás que define como "nacionalistas e populistas". "Xa vemos quen son os aliados do BNG no Congreso", engade.