A principal plataforma de vítimas de Angrois ve "impecable" a sentenza: "Dinamita a verdade oficial"

Lectura do manifesto da plataforma de vítimas de Angrois, na praza do Obradoiro o pasado 24 de xullo, undécimo aniversario do accidente CC-BY-NC-SA CA

"Once anos despois demóstrase xuridicamente que isto foi unha traxedia evitable debida á cobiza, ás présas, á covardía, ás mentiras e a neglixencias de moita xente e institucións moi poderosas"

"A loita serve e todo o mundo debe aprender desta terrible lección para que non volva suceder". A principal asociación de persoas afectadas polo accidente de Angrois, a Plataforma Víctimas Alvia 04155, foi un dos axentes máis activos para pular en todas as frontes contra a "verdade oficial" que pretendeu reducir o acontecido na curva da Grandeira a un descoido do maquinista. Por iso ven "impecable" a primeira sentenza xudicial sobre o caso, que certifica que o accidente non foi só produto dunha distracción do condutor.

O ditame xudicial, evidencian nunha primeira reacción, chega "demasiado tarde". Pero "once anos despois demóstrase xuridicamente" que, "como defendemos dende o principio", "isto foi unha traxedia evitable debida á cobiza, ás présas, á covardía, ás mentiras e a neglixencias de moita xente e institucións moi poderosas".

Vítimas de Angrois, esixindo unha investigación política do accidente ante o Congreso en decembro de 2013 CC-BY-SA Plataforma Víctimas Alvia 04155

Que a xuíza Fernández Currás condene o ex-xefe de Seguridade na Circulación do Adif, Andrés Cortabitarte, ademais de ao maquinista, contribúe a "desmontar a verdade oficial que quixeron impoñer dende o principio". Isto é, resumen, "que se fixo unha investigación independente, que non era un accidente de alta velocidade e que o maquinista era o único responsable".

"Sen recursos conseguimos enfrontarnos e derrotar a toda a maquinaria do poder que formaron os gobernos, negándose a unha investigación independente e culpabilizando o maquinista exclusivamente"

O mantemento desa versión, resalta a plataforma, era "evitar calquera tipo de responsabilidade e contaminar a opinión pública para ocultar a verdade, as neglixencias e os incumprimentos normativos en materia de seguridade". Pero "nunha nova versión de David contra Goliath", sen "recursos nin medios", consideran, o colectivo logrou "enfrontarse e derrotar toda a maquinaria de poder que formaron os gobernos do PP e PSOE, negándose a realizar unha investigación independente que esixía Europa e culpabilizando o maquinista exclusivamente.

Nesa "maquinaria", advirten, non estiveron só os sucesivos gobernos de España. Tamén "a Fiscalía e a Avogacía do Estado defendendo ao ADIF, o Consello Xeral do Poder Xudicial cambiando o xuíz" durante a instrución ou "a Xunta impoñendo peritos". Todo por unha "razón de Estado" que "supuña protexer o Adif, a Fomento, á alta velocidade e aos seus contratos" na persoa de Cortabitarte.

Jesús Domínguez, presidente da Plataforma Víctimas Alvia 04155, intervindo na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo coa intermediación de Ana Miranda (BNG) CC-BY-NC-SA BNG

Pero a sentenza "afirma que resulta incomprensible que se conciba unha liña de alta velocidade sen os sistemas de protección". Por iso "esiximos que se retracten e pidan perdón todas as persoas e institucións públicas que non fixeron o seu traballo, que nos mentiron facendo publicidade enganosa ao dicir que a liña contaba cos sistemas de protección" ou "terxiversaron e tentaron ocultar a verdade, engadindo máis dor e sufrimento".

O colectivo esixe "que pidan perdón todas as persoas e institucións que non fixeron o seu traballo, que nos mentiron dicindo que a liña contaba cos sistemas de protección" ou "terxiversaron e tentaron ocultar a verdade, engadindo máis dor e sufrimento"

Nesa esixencia de perdón inclúen o actual presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, como máximo representante do Estado e da "maquinaria" que tentou "ocultar a verdade". Tamén "ao PP e en concreto ao señor Feijóo, que foi dos primeiros en dicir que culpar o maquinista era o sentido maioritario da sociedade". Asemade, sinalan os ex-ministros Blanco e Pastor.

Pero "a loita segue", agregan. "Quedan aínda pendentes as conclusións da comisión de investigación parlamentaria e que se faga unha investigación técnica independente como esixe Europa". Así e todo, a sentenza é xa "un triunfo" que a Plataforma Víctimas Alvia 04155 dedica "a todos os que nunca puideron defenderse e pagaron coas súas vidas a infamia e a vileza doutros".

Manifestación das vítimas de Angrois ante a estación ferroviaria de Santiago, este 24 de xullo CC-BY-NC-SA Praza.gal / Cedida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.