O Sindicato Labrego advirte de que "as macrogranxas son incompatibles cun rural vivo" e reclama a fin da "frivolidade" ao respecto

Macrogranxa de vacas leiteiras © COAG

"As macrogranxas son absolutamente incompatibles cun medio rural vivo". É a advertencia que o Sindicato Labrego Galego (SLG) se vén de ver obrigado a reiterar ante o que interpreta como "frivolidade coa que certos sectores están a instrumentalizar" as declaracións que o ministro de Consumo, Alberto Garzón, realizou a finais de decembro ao xornal británico The Guardian, nas que subliñou a diferenza entre a produción cárnica en explotacións extensivas e sostibles e a que desenvolven explotacións intensivas como as macrogranxas, cos consecuentes efectos sobre o medio ambiente e a calidade dos produtos.

Ao fío das críticas contra o ministro Garzón, o SLG insta "os partidos políticos galegos a expresar publicamente se están coas macrogranxas da industria cárnica ou coas explotacións familiares" que, resaltan, son maioritarias en Galicia

Semanas despois desas declaracións, empresas impulsoras desas granxas -primeiro- e diversas formacións políticas encabezadas pola dereita -despois- lanzaron críticas nas que dixeron interpretar as consideracións do ministro como un ataque xeral ao sector gandeiro. Diante destas consideracións, o SLG repite a súa postura: as macrogranxas non son o modelo produtivo que queremos na nosa terra" e por iso, dada a polémica, "instamos os partidos políticos galegos a expresar publicamente" se "están coas macrogranxas da industria cárnica ou coas explotacións familiares de labregas e labregos".

Vacas dunha explotación gandeira en extensivo, nos Ancares © osabordosancares.com

Exemplifica o SLG que "abondarían 23 macrogranxas como a que se pretende construír en Noviercas (Soria), con máis de 23.000 vacas, "para destruír as 29.282 granxas de bovino que traballan actualmente no noso país". Porque "na Galiza, a media de vacas por granxa son 18 e o 90% dos cebadoiros teñen unha pequena dimensión e un funcionamento a escala familiar".

"A produción intensiva de carne en macrogranxas reduce biodiversidade e contamina solos e augas", sinala o SLG, que lembra os problemas de contaminación por nitratos na comarca da Limia

Fronte a este modelo, subliñan, "a produción intensiva de carne en macrogranxas reduce biodiversidade e contamina solos e augas", ademais de "acelerar o despoboamento". Ao tempo, ofrecen "un produto final que obvia por completo o benestar animal", xa que se caracteriza polo "emprego intensivo de antibióticos, fertilizantes e unha ampla gama de produtos" con "forte impacto contaminante". 

Na mesma liña, agregan, "a contaminación de augas por nitratos asociadas aos puríns da gandaría industrial sen terra" xa "evidenciou hai poucos meses esta realidade" en puntos do Estado como Navarra ou na crise ecolóxica do Mar Menor (Murcia), mais tamén en Galicia, onde un recente estudo da Universidade de Vigo sobre a comarca da Limia "concluíu que tres fontes naturais e máis da metade dos pozos analizados presentan contaminación por nitratos atribuíbeis á agricultura e gandaría intensivas". 

Esa mesma circunstancia vén sendo sinalada na Limia polo movemento ecoloxista dende hai anos, pero a cuestión xa transcendeu o eido do activismo. Non en van, A UE levou a España ante a xustiza pola contaminación por nitratos e pide que se sinalen zonas vulnerables en Galicia

Vacas dunha explotación galega, nunha imaxe de arquivo © R.Reboiro

"Os impactos social e medioambientalmente negativos da produción industrial de alimentos veñen sendo constatados cientificamente nas últimas décadas", nas que tamén se viviron diversas "crises especificamente xeradas pola cría industrial de gando", lembra o SLG para citar episodios como as vacas tolas, a gripe aviaria ou a gripe porcina. Por todo isto, lamentan que "entre as voces que están a diluír o fondo da cuestión ao fío da polémica" se atope o ministro de Agricultura, Luis Planas. 

"Demandamos responsabilidade política e mediática, non ceder ante a influencia dun sector tan poderoso como é o cárnico industrial a nivel do Estado español"

"Demandamos responsabilidade política e mediática, non ceder ante a influencia dun sector tan poderoso como é o cárnico industrial a nivel do Estado español", conclúe o SLG, xa que "canto máis macrogranxas, menos granxas familiares". E " cantas menos granxas familiares, máis despoboamento e máis extensión de terra a expensas desa produción esquilmadora que arrasa cos recursos naturais.

As consideracións do SLG contrastan coas de Unións Agrarias, que en días pasados respondeu ás declaracións de Garzón reclamando a "rectificación" ou o "cesamento" do ministro. Unións interpretou as consideracións do titular de Consumo como "un ataque gratuíto ao sector gandeiro" e atribuíu as críticas ás macrogranxas á produción en extensivo, cando non o foron. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.