Unha acción ecoloxista responsabiliza a gandaría industrial de Coren da contaminación do rural galego

Protesta contra as macrogranxas diante das instalacións de Coren no Porriño © Stop Gandaría Industrial

Activistas de varias organizacións rodearon con sinais as instalacións de Frigolouro no Porriño, o maior centro de procesado de porco do país. Culpan á integradora Coren e ao modelo de gandaría intensiva da degradación ambiental que sofren comarcas coma A Limia, O Deza, Bergantiños ou A Terra Chá

Activistas ecoloxistas levaron a cabo este martes unha acción de protesta diante das instalacións de Coren no Porriño no marco da "semana de loita" da Coordinadora estatal Stop Gandaría Industrial que busca denunciar e visibilizar o seu rexeitamento ás macrogranxas "polos perigos ambientais, socio-económicos e de saúde derivados deste modelo intensivo de cría e engorde de gando".

Activistas de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), acudiron ao maior centro de procesado de porco do país, as instalacións de Frigolouro no Porriño, da integradora Coren, e colocaron medio cento de sinais reclamando a prohibición da gandaría industrial. Estas organizacións apuntan á integradora Coren e o modelo agrogandeiro industrial priorizado pola Xunta como uns dos responsables "da excesiva carga gandeira e deficiente xestión de refugallos que contamina comarcas galegas".

"A gandaría industrial contribúe moito ao cambio climático e á contaminación por nitratos da terra e da auga, mentres a agricultura e gandaría tradicionais producen alimentos de calidade, preservan a biodiversidade e protexen un ben esencial como a auga", sinalan

"A gandaría industrial contribúe moito ao cambio climático e á contaminación por nitratos da terra e da auga, mentres a agricultura e gandaría tradicionais producen alimentos de calidade, preservan a biodiversidade e protexen un ben esencial como a auga", sinalan.

Manoel Santos, voceiro da acción da Coordinadora en Galicia, explica que “a gandaría industrial concéntrase en producir moito, producir rápido e producir ao máis baixo custo posíbel, máis non ten en conta as consecuencias ambientais, sociais e de malos tratos animais, entre outras. Queremos concienciar á poboación do grave impacto que está a ter a proliferación sen control da mesma. Cómpre unha moratoria para pór freo á concesión de novas licenzas ou ampliación das xa existentes e transitar cara a outro modelo máis ecolóxico e extensivo, reducindo a carga gandeira cando menos un 50% para 2030".

A contaminación da auga por nitratos no Estado español é tan grave que levou á Comisión Europea a denunciar a España ante o Tribunal de Xustiza da UE por incumprimento da Directiva de Nitratos, o que podería rematar nunha multa millonaria

A contaminación da auga por nitratos no Estado español é tan grave que levou á Comisión Europea a denunciar a España ante o Tribunal de Xustiza da UE por incumprimento da Directiva de Nitratos, o que podería rematar nunha multa millonaria.

Malia as reiteradas denuncias, a Xunta segue sen declarar ningunha Zona Vulnerable á Contaminación por Nitratos, pese aos efectos nocivos que a gandaría está a causar en comarcas como A Limia, O Deza, Bergantiños ou A Terra Chá entre outras. Esta declaración corresponde ao Goberno galego, que se resiste a facela, malia que recentemente recoñeceu que cando menos o 10% da superficie agraria galega, unhas 60.000 hectáreas, están contaminadas por nitratos. De igual xeito, os acuíferos ou augas subterráneas tamén están moi contaminadas, especialmente na Limia, por mor da agrogandaría industrial e no río Louro, onde se sitúa Frigolouro, por mor da presión industrial.

Protesta contra as macrogranxas diante das instalacións de Coren no Porriño © Stop Gandaría Industrial

A Xunta recoñece que o 10% da superficie agraria galega, unhas 60.000 hectáreas, están contaminadas por nitratos

Ademais, a gandaría intensiva é tamén unha gran xeradora de gases con efecto invernadoiro (GEI) en toda a súa cadea de produción. Dende 1990 a emisións da mesma non paran de medrar, xunto a outras coma o transporte, mentres que as procedentes do sector enerxético baixan. Galicia é, despois de Catalunya, a comunidade autónoma con maior xeración de GEI provocadas pola ganadería industrial, co 12% do total.

As macrogranxas provocan "despoboamento ao perderse explotacións tradicionais e familiares"

Finalmente, as entidades que levaron a cabo a protesta lembran que as macrogranxas "non fixan poboación ao territorio", senón todo o contrario, provocando un "despoboamento progresivo ao perderse explotacións tradicionais e familiares". Así mesmo, subliñan que "o modelo de gandaría integrada promovido por corporacións coma Coren xera pouco emprego ao estar altamente industrializado".

Protesta contra as macrogranxas diante das instalacións de Coren no Porriño © Stop Gandaría Industrial

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.