"Se hai algo peor que o páramo ermo da política galega son os galegos que chegan ao poder en Madrid"
Din que os mortos son todos bos. E o mesmo poderíase asimilar aos cesados e dimitidos por orde superior; pero non é certo. A morte e a dimisión -un tipo de morte política- do mesmo xeito que os nomeamentos, non supoñen a transformación da maldade en bondade, mais que no animo de oportunistas serviles . Aínda que tamén xoga niso un papel importante o volume de fondos públicos que o dimitido (ou a dimitida) achegase ás súas apoloxetas, e se eses fondos teñen unha cláusula post-mortem (política) como unha sorte de seguro post-venda.
A política galaica, por desgraza, está chea de especímenes que -ademais de non facer nada efectivo pola súa terra- financiaron grandes campañas de publicidade para dar o salto á política, se non se cruzou no seu camiño unha gasolineira ou as dimensións duns túneles, como escusa perfecta para tapar outras circunstancias, provocadas por ambicións desmedidas que levaron a tentar mover as cadeiras de brazos de quen non debían, primeira causa de mortaldade polo que se denomina “suicidio político”. Claro que o afastamento dos focos achegoulles -como contrapartida nada desdeñable- que ninguén se vise referenciado como responsable político da traxedia de Angrois por vender un burro vello como cabalo de carreiras, sen prever as necesidades e condicionantes que teñen as carreiras de cabalos. E, ademais, para pór os focos e atribuír culpas e penas, xa teñen ao pobre maquinista, cuxa existencia (esnaquizada) vénlles de perlas aos que así poden dedicarse tranquilamente á “asesoría de intermediación”.
É certo que Galicia non se destaca pola calidade dos seus políticos, especialmente desde a desaparición física de Fraga e política de Beiras, últimos dinosauros dunha raza política excepcional que aínda non tivo continuidade a esa escala. Só a vida municipal aluma algúns indicios de esperanza. Pero se hai algo peor que o páramo ermo da política galega son os galegos que chegan ao poder en Madrid. A diferenza de cataláns ou vascos, que varren para a casa sen desmaio, por non falar de andaluces ou valencianos, os galegos teñen o feo defecto de varrer contra a casa.
Un presidente de goberno, dous ministro/as, polo menos unha secretaria de estado de obras públicas (ou como se chame cada catro anos) e un secretario xeral do mesmo ministerio trouxeron como resultado que aínda non haxa estratexia nin avances no corredor ferroviario europeo do Atlantico, que o AVE non chegue a Lugo (ben, nin a Santiago, Coruña, Pontevedra ou Vigo), que nada se saiba dos novos trens Avril, que nada se fixo na moi necesaria modernización da liña férrea A Coruña-Ferrol, como nada tampouco se fixo da conexión entre ambas as cidades (e os seus portos de augas profundas) con Lugo, Monforte e a rede europea, que nada se saiba das variantes de Peares-Canabal e Rubian, que sacou do caixón un Secretario de Estado madrileño, Julio Gómez Pomar, e un ministro de Santander, Íñigo de la Serna, e que volveu meter un secretario xeral e unha secretaria de Estado, ambos de Lugo. Unha autovía esencial entre Lugo e Santiago sen finalizar despois de mais de 20 anos, e un saída sur de Vigo, que só arrinca grazas á presión do Goberno Portugués, en clara sintonía co traballo do Eixo Atlántico.
Non caiamos no erro de preverlles grandes destinos futuros na política a quen teñen grandes ambicións, pero escasa capacidade de resiliencia política
Así que a conclusión é clara. Líbranos señor (ou quen corresponda) dos galegos no Goberno de España, presentes e futuros, porque dos pasados non ten remedio xa. E non caiamos no erro de preverlles grandes destinos futuros na política a quen teñen grandes ambicións, pero escasa capacidade de resiliencia política. Amén de moitos anticorpos e algúns mortos no armario. Que non caducan. O meu consello desinteresado é que sigan dedicándose á “asesoría de intermediación” con carcasa legal, ou aos negocios familiares, ata que -como di a inesquecible canción de Serrat- "el cante de un socio, les cierre el negocio por lo menos por seis años y un día".