Tras perder a Xunta medio ano antes, o 15 de xaneiro de 2006 os populares galegos daban a súa presidencia a Feijóo co beneplácito dos principais baróns, un proceso que presentaría despois como primarias, igual que fixo en 2022 na sucesión de Casado
O 15 de xaneiro de 2006, hai agora 20 anos, Manuel Fraga entregaba a presidencia do PPdeG a Alberto Núñez Feijóo. Con 83 anos, e medio ano despois de perder a presidencia da Xunta por un único escano, o veterano político pedía "perdón por non ser quen de facer máis" mentres o seu sucesor, con 44 anos, admitía que no partido había quen o vía como "un pouco chulo" porque tiña "o estilo de Álvarez Cascos".
Aquela remuda no PPdeG chegou co beneplácito dos principais baróns provinciais, nun proceso que Feijóo presentaría despois como primarias malia non selo. O mesmo que faría despois ao asumir en 2022 a presidencia do PP estatal tras descabalgar a Pablo Casado.
En 2006 o proceso para elixir a Manuel Fraga nunca foi presentado polo partido como unhas primarias. Os afiliados debían elixir en cadansúa agrupación a 2.000 compromisarios que participarían nun congreso no que libremente votarían o nome do novo presidente do PP galego. E para participar nese proceso os posibles candidatos debían obter previamente o aval de 400 deses compromisarios.
Feijóo dixo a Fraga non saber que tipo de apóstolo del sería, pero que nunca sería "un Xudas"
Os catro nomes que se postularon naquela carreira -Feijóo, Xosé Cuíña, José Manuel Barreiro e Enrique López Veiga- foron descolgándose progresivamente a medida que os baróns provinciais foron amosando as súas preferencias. E finalmente foi a decisión do daquela presidente do PP e da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, de deixar de apoiar a Cuíña e pasar a secundar a Feijóo a que decantou o proceso e forzou a progresiva retirada do resto de candidatos. Tamén en 2022 outro Baltar, o fillo, sería o encargado de ratificar que Rueda sucedería a Feijóo á fronte do PPdeG.
Así que Feijóo chegou ao XIII Congreso do PPdeG, celebrado no Pazo de Congresos de Santiago na fin de semana do 15 de xaneiro de 2006, como o único candidato que sería ratificado polos compromisarios.
Aquel domingo o seu antecesor, Manuel Fraga, despediuse do cargo pedindo perdón por non ser quen de facer máis, "pero tentar, tentouse". E o presidente entrante, que pouco máis de tres anos máis tarde se faría coa presidencia da Xunta, dáballe as grazas e aseguraba non saber que tipo de apóstolo de Fraga sería "pero nunca serei un Xudas".
16 anos despois tamén os baróns estatais do partido substituíron a Casado por Feijóo, pero este xa non dedicou tantos eloxios ao seu antecesor, cuxo liderado contribuíu a socavar
Naquel discurso de asunción da presidencia do PPdeG Feijóo presentou o seu partido como "galeguista" e "galaico-español". E mesmo confesou que unha das daquela altas dirixentes estatais, Loyola de Palacio, lle afeara a súa imaxe. "Das a sensación de que es un pouco chulo", revelou Feijóo que lle dixera a súa compañeira de partido, ao que el matizou que podía ser así porque tiña "o estilo de Álvarez Cascos", ministro de Fomento co que fora presidente de Correos entre 2000 e 2003, antes de volver a Galicia como conselleiro de Fraga.
16 anos despois daquel congreso galego en Santiago, Feijóo mudaría a presidencia do PPdeG pola do PP logo noutro congreso, en abril de 2022 en Sevilla, que tamén tentou presentar como primarias malia ser froito dun acordo dos líderes rexionais do partido.
Foi tras un proceso no que o propio Feijóo contribuíu a socavar o liderado do seu antecesor, Pablo Casado, coas declaracións que fixo poucas horas despois de estourar unha crise interna no partido a conta da suposta corrupción da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. A dirección de Casado, dixo Feijóo, non debía provocar "ningún incendio" interno por moito que dubidase da actuación de Ayuso, pronunciamento ao que nas horas seguintes foron sumándose outro baróns nunha espiral que acabaría co galego á fronte do partido.
Pero se no congreso de Santiago de hai 20 anos todo foran eloxios de Feijóo para o seu antecesor, no congreso de Sevilla evitou comparacións apostólicas.