20 anos do pelotazo de Barreiros: permisos para mil vivendas nunha semana nunha vila de 3.000 habitantes

Licenzas outorgadas só entre o 1 e o 5 de setembro de 2006 en Barreiros segundo os feitos probados da sentenza que analizou o alí sucedido, e unha das construcións a medio rematar desde aquela que agora o Concello quere derrubar CC-BY-SA Praza Pública

Leiras a 3 euros o metro cadrado viraban en solo urbano a 600 euros grazas á permisividade do Concello do PP. Agora gobernado polo BNG, traballa nun plan de urbanismo coa prioridade de "ordenar" a desfeita e derrubar o inacabado, non o xa habitado

Só entre o 1 e o 5 de setembro de 2006 o Concello de Barreiros, gobernado daquela polo PP, outorgou licenzas urbanísticas para levantar preto de mil vivendas. En todo aquel ano foron preto de 3.000 as vivendas autorizadas nun municipio que contaba con 3.200 habitantes e hoxe con 200 menos. Coa crise inmobiliaria dos anos seguintes parte daquelas vivendas non chegaron nin a iniciarse, mentres outras, malia que os seus permisos eran ilegais, si se comezaron pero non remataron, deixando uns sete quilómetros de costa da Mariña Lucense salpicados por esqueletos de formigón.

A casuística urbanística foi moi variada, pero vinte anos despois a permisividade urbanística daquel goberno local do PP, absolto nos tribunais por falta de probas de que o fixesen a mantenta e cunha auxiliar administrativa como única condenada, segue condicionando o día a día do Concello. Desde 2019 goberna o BNG co apoio do PSdeG, coa nacionalista Ana Ermida como alcaldesa, que segue avanzando na elaboración dun complexo plan de urbanismo coa prioridade de "ordenar" a desfeita mentres insiste en pedir axuda á Xunta para mellorar servizos insuficientes como o abastecemento.

Oferta de chalés en Barreiros hai dúas décadas con "auga e luz" como algo extraordinario, nunha imaxe dunha publicación da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

En 2006 en Barreiros, sen plan de urbanismo e rexéndose por unhas normas subsidiarias provinciais, outorgáronse licenzas para preto de 3.000 vivendas en leiras que o goberno local considerou que contaban con servizos de abastecemento, saneamento, electricidade ou accesos que as convertía en solo urbano cando na realidade non existían eses servizos. Unha década despois o borrador do plan de urbanismo que comezou a tramitar o Concello constatou que se unha leira tiña un valor duns 3 euros o metro cadrado, 'convertida' en solo urbano pasaba a 600 euros o metro. "A plusvalía xerada exclusivamente pola clasificación como solo urbano de parcelas dedicadas a cultivos, foi ata do 20.000%", chegou a dicir aquel borrador de plan urbanístico aínda pendente de aprobar outra década máis tarde.

 "A plusvalía xerada exclusivamente pola clasificación como solo urbano de parcelas dedicadas a cultivos, foi ata do 20.000%", chegou a admitir o borrador do plan de urbanismo encargado polo PP

Ante a permisividade do goberno local, que quería facer da vila o "Sanxenxo do norte", a comezos de 2007 a Xunta daquela gobernada por PSdeG e BNG interveu o urbanismo de Barreiros, xusto antes de que a crise inmobiliaria paralizase o sector noutros moitos concellos. O PP asegurou que a intervención de Barreiros foi unha persecución política, idea na que se ratificou cando en 2014 o Tribunal Supremo anulou esa paralización do bipartito por un defecto de forma, porque non se expuxera ao público a nova normativa urbanística que se impuña a o Concello antes de ditala.

Tras esa anulación do Supremo, a construción desaforada non volveu, pero os construtores reclamaron á Xunta indemnizacións millonarias pola paralización das súas vellas promocións. Porén, o TSXG sentenciou reiteradamente que non tiñan dereito a eses cartos porque ao analizar cada caso concluíu que, aínda que as actuacións fosen paralizadas indebidamente, a realidade era que cada unha delas non cumprían cos requisitos esixidos pola normativa urbanística.

Documento no que hai unha década o borrador do PXOM de Barreiros reflectía as plusvalías que se conseguían nas leiras do concello hai dúas décadas Dominio Público Plan de Urbanismo de Barreiros

As licenzas en que se amparaban esas actuacións, concluíu o TSXG en 2023, non eran legais. Pero uns anos antes a xustiza tamén establecera que o Goberno local do PP non era culpable penalmente por outorgalas. Os políticos quedaron absoltos, os construtores quedaron sen indemnizacións, moitas construcións quedaron a medio levantar e a única persoa condenada nos múltiples procesos xudiciais abertos foi unha auxiliar administrativa do Concello por manipular o rexistro municipal en beneficio dunha promoción puntual de 51 vivendas. 

Pero a desfeita urbanística de hai agora 20 anos segue tendo repercusións no presente de Barreiros. A vila segue acollendo cada verán máis poboación da que toleran os seus limitados servizos municipais, especialmente os de abastecemento e saneamento. Para o abastecemento a alcaldesa segue pedindo axuda da Xunta porque o Concello só ten capacidade para "parchear" pero "fai falta unha nova infraestrutura". Mentres que para o saneamento o Estado está avanzando no deseño dunha nova depuradora para o núcleo de Reinante que "vai moi rápido para o que agardaba", asegura a rexedora.

E seguen chegando ordes de derruba de edificacións declaradas ilegais pola xustiza malia levar dúas décadas habitadas que agora ten que xestionar o actual goberno local. Un goberno local que ao tempo pon o foco en que o prioritario a derrubar sexa o construído a medias, para o que está a declarar caducadas licenzas outorgadas a comezos de século pero nunca completamente executadas. 

"O que fixemos foi declarar caducadas as licenzas que estaban sen iniciar ou nunha fase inicial, porque entendemos que é beneficioso para o interese xeral, pero non as que a construción estaba avanzada", di a Ana Ermida. "En ningún caso o noso interese é derrubar o habitado", engade, referíndose a un recente caso de varios chalés con orde de derruba xudicial "ditada desde 2012" e que agora lle toca executar ao actual goberno local. Unha derruba que segundo lle transmiten desde a xustiza non se podería evitar acelerando a aprobación do plan de urbanismo, que non por iso deixa de ser prioritario.

Urbanismo disperso na costa de Barreiros CC-BY-NC-SA Xunta / Plan de Ordenación do Litoral (2008)

"O obxectivo desde o primeiro momento foi ter un plan de urbanismo, pero tivemos que revisar o anterior porque estaba feito por un goberno cunha proposta totalmente contraria á nosa", di a agora alcaldesa do BNG, Ana Ermida

"É o obxectivo que tivemos desde o primeiro momento, un plan de urbanismo", reitera Ermida, que lembra que cando chegou á alcaldía en 2019 "os traballos encargados polo anterior alcalde estaban en caixas que non pasaran polo funcionariado municipal". Nese momento, di, "tivemos que revisar todo porque estaba feito por un goberno municipal cunha proposta completamente contraria á nosa", unha revisión que levou "dous ou tres anos". 

"Despois o equipo redactor púxose a facer os traballos e agora temos xa os planos pendentes de que se informe o seu cumprimento xurídico e técnico e o equipo redactor segue traballando no resto de documentación, como o estudo económico", explica a alcaldesa, que como moitos outros rexedores de toda cor por toda Galicia salienta o lenta que é a elaboración dun plan de urbanismo. Unha ordenación que resulta máis complexa que a facilidade que había hai dúas décadas para construír en Barreiros. "Que tolemia foi aquilo", lamenta a rexedora cando se lle lembran as licenzas para mil vivendas nunha soa semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.