A crise migratoria en Canarias libra a Rueda de dar explicacións no Congreso sobre os contratos da pandemia

Rueda e Feijóo, conversando ante o Congreso dos Deputados nunha imaxe de 2022 CC-BY-SA Xunta

A comisión de investigación creada en abril e na que tiñan que comparecer outros catro conselleiros de Feijóo vai ser pechada en falso como represalia de Coalición Canaria polo que consideran desatención de Sánchez ás illas

O pasado abril, dous meses despois do estalido do denominado caso Koldo de presunta corrupción na compra de material sanitario e logo de que as sospeitas se estendesen a todo tipo de administracións, o Congreso dos Deputados creou unha comisión de investigación ao respecto. Se o PP puxera en marcha no Senado, onde ten maioría, unha investigación centrada nas compras do Goberno de España, a do Congreso queríana estender os socialistas tamén a outras administracións controladas polos populares. Para iso, entre outros incluíron no listado de comparecentes a Alfonso Rueda e outros catro conselleiros de Feijóo. 

Pero xa non terán que comparecer, porque Coalición Canaria, en represalia polo que considera desatención de Pedro Sánchez á crise migratoria das illas, vén de situarse a carón de PP e Vox e rexeita a continuidade da comisión. Así que a investigación política dos contratos da pandemia queda agora no caso galego a expensas da comisión que se creará no Parlamento de Galicia forzada polo BNG.

Informe do Consello de Contas sobre as adxudicacións do Sergas durante a pandemia e máscara distribuída pola Xunta ao seu persoal coa etiqueta da súa fabricación en China CC-BY-SA Praza Pública

O foco galego da comisión do Congreso estaba posto nas contratacións da Xunta de Feijóo durante os primeiros meses da pandemia. O Consello de Contas detectou neses contratos diversos tipo de irregularidades que ao seu ver non chegarían ao grao de posibles delitos, o que obrigaría a abrir un procedemento específico de investigación. 

O PSOE e os seus socios pactaran unha lista de máis de 130 comparecentes, entre eles unha ducia de galegos, pero finalmente só declararon unha vintena

Pero a comisión de investigación no Congreso pretendía analizar as responsabilidades políticas e propoñer melloras de xestión. Para iso o PSOE, co apoio dos seus socios, incluíu entre os comparecentes ao actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro de Feijóo durante a pandemia, así como o seu vicepresidente segundo, Francisco Conde, agora deputado no Congreso. No listado de comparecentes tamén aparecían o actual conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e os ex-conselleiros de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña, no cargo ata setembro de 2020, e Julio García Comesaña, conselleiro desde aquela ata o pasado abril e agora deputado no Parlamento de Galicia.

Da Xunta de Feijóo tamén estaban citados Antonio Fernández-Campa e José Flores, que foron xerentes do Sergas, e Manuel Heredia, director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. Igualmente terían que comparecer o actual conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, e o seu antecesor ata agosto do pasado ano, José Antonio Redondo. O listado de comparecentes tamén incluía á "persoa que ostente a representación legal do Grupo Eulen en Galicia", no que é directiva no país a irmá de Feijóo, Micaela Núñez Feijóo. Na lista de comparecentes tamén aparecía Miguel Tellado, ex-número 2 do PPdeG e actual portavoz do PP no Congreso.

Hemiciclo do Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

Os traballos da comisión comezaron pero xa non rematarán como estaban previstos. Segundo publicou esta semana a axencia Europa Press na súa web, das 131 comparecencias aprobadas estaban aínda pendentes 110, entre elas, ademais dos galegos, a do ex-asesor que deu nome ao caso Koldo e a do seu xefe, o daquela ministro José Luis Ábalos. Segundo relatan varios medios, estaba pendente de aprobarse unha ampliación do prazo da comisión, que fixaba o 2 de outubro como límite para presentar as súas conclusións, pero Coalición Canaria bloqueouno.

Rueda non comparecerá na investigación do Congreso e agora está por ver se Feijóo ten que comparecer na investigación do Parlamento de Galicia

Nas comisións parlamentarias os deputados presentes nelas, unha reducida parte dos 350 que hai no Congreso, teñen o voto ponderado dos seus respectivos grupos políticos. No caso do Grupo Mixo, no que están Coalición Canaria e o BNG, entre outros partidos que suman un total de 8 escanos, a primeira formación é a representante de todo o grupo na comisión de investigación dos contratos da pandemia. E o que vén de facer é sumar o peso ponderado deses 8 escanos na comisión para sumalos aos votos de PP e Vox e acadar unha maioría que impide a prórroga da investigación. Faino para amosar o seu malestar polo que considera unha constante desatención do Goberno de Pedro Sánchez á crise migratoria que está a rexistrar Canarias. 

Rueda, polo tanto, non terá que dar explicacións no Congreso sobre os contratos da pandemia. Agora está por ver se si o fará Feijóo -e mesmo a súa familia, como quere o PSdeG- na comisión de investigación forzada polo BNG no Parlamento de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.