As viaxes directas Oviedo-Madrid quedan nunhas 3 horas e 20 minutos, fronte ás 4 horas e cuarto desde Lugo con transbordo en Ourense, á espera de que remate a mellora da liña Lugo-Ourense e que os trens Avril melloren todas as conexións
Tras dúas décadas de obras e 4.000 millóns de investimento nuns 50 quilómetros de lonxitude, este mércores 29 inaugúrase e o xoves entra en servizo a variante de Pajares, o novo trazado para a alta velocidade entre Asturias e a Meseta que ten nos seus túneles paralelos principais de 24 quilómetros cada un a súa obra máis significativa. A súa apertura, dous anos despois da inauguración da alta velocidade entre Galicia e a Meseta, deixará as conexións directas Oviedo-Madrid nunhas 3 horas e 20 minutos, o que suporá, con diversos matices, que moitas localidades da Mariña volvan quedar máis preto da capital estatal en tren por Asturias que pola cidade de Lugo.
A progresiva mellora das infraestruturas ferroviarias nos últimos anos no noroeste peninsular aínda non chegou ao auténtico tren da Mariña, o obsoleto antigo Feve de vía estreita que comunica Ferrol con Asturias, pero si permitiu ir acurtando progresivamente os tempos de viaxe coa Meseta tanto desde Lugo cidade como desde o triángulo urbano asturiano conformado por Avilés, Xixón e Oviedo. Deste xeito, en función de cada mellora que se foi implantando, os tempos de viaxe entre A Mariña e a Meseta foron sendo mellores por un ou outro lado do río Eo.
O primeiro a ter en conta para estes cálculos é o tempo de recorrido por estrada ata a estación de tren, aproximadamente dunha hora e 10 minutos entre Ribadeo e Lugo e uns dez minutos máis ata a estación de tren de Oviedo. Cara ao outro lado da Mariña hai unha hora e 20 minutos entre Burela e Lugo e case dúas horas entre Burela e Oviedo, opción que xa rebaixa notablemente os beneficios do tren asturiano.
En función de cada mellora que se foi implantando nos últimos anos, os tempos de viaxe entre A Mariña e a Meseta foron sendo mellores por un ou outro lado do río Eo, e as mudanzas aínda seguirán nos próximos meses
Pero hai máis matices. A nova viaxe entre Oviedo e Madrid de 3 horas e 20 minutos será directa, sen transbordos como os obrigados a través de Lugo, sexa polas obras que veñen obrigando desde hai case dous anos a viaxes por estrada entre Lugo e Ourense, ou porque de momento os trens máis rápidos Madrid-Ourense, os auténticos AVE, non pasan aínda desa cidade, sendo o resto das urbes galegas atendidas cos servizos Alvia máis lentos.
Deste xeito, o tempo máis rápido actualmente para un billete de tren Lugo-Madrid, que implica de momento autobús entre Lugo e Ourense, é de 4 horas e 15 minutos, unha hora máis que as viaxes directas Oviedo-Madrid a partir do 30 de novembro.
Ademais, a maioría das conexións diarias Lugo-Madrid que ofrece Renfe achéganse máis ás cinco horas que ao tempo máis rápido, mentres que os trens a Oviedo contarán cunha maior homoxeneidade nos tempos de viaxe arredor das anteditas 3 horas e 20 minutos.
Están en estudo tamén trens directos a Madrid desde Avilés, o que achegaría aínda máis a alta velocidade asturiana
Esta situación seguirá a mudar en cuestión de meses a un e outro lado do río Eo coa posta en funcionamento a comezos do próximo ano dos trens Avril que permitirán estender os servizos AVE ao resto de cidades galegas, pero que tamén mellorarán a conexión coas urbes asturianas. O remate das obras entre Ourense e Lugo e a posibilidade en estudo de conexións directas de Madrid con Avilés, a cidade asturiana máis próxima á Mariña, farán que as contas teñan que ser refeitas progresivamente.