A centenaria feira monterrosina é, historicamente, un punto de interese político. Rueda, Pontón e Besteiro non faltaron este ano, no que a cita cadrou coa fin do loito oficial pola traxedia de Urda
A Feira de Santos de Monterroso, que se reivindica como a máis antiga do país e é, sen dúbida, unha das máis populares e concorridas, é tamén historicamente un punto de interese político. Sen irmos alén da propia historia da autonomía, son xa varias as xeracións de dirixentes de diversa cor que teñen en destaque no almanaque acudir a Monterroso cada 1 de novembro. Alí obsérvanse redes de contactos, facilidade -ou atrancos- para falar coa xente en contextos espontáneos e mesmo pulsar se, en función de quen o faga, o acto de mercar un queixo, un tarro de mel, uns chourizos ou o que corresponda responde ao hábito ou, máis ben, a unha simulación á procura dunha foto.
Este 1 de novembro chegou xusto ao termo do loito oficial decretado en todo o Estado polo accidente ferroviario que a pasada semana derivou en traxedia en Urda (Toledo), cun balance de vítimas mortais aínda provisional que ascende a 69 falecementos. E, dado o calendario político, serviu tamén en Galicia para as principais forzas políticas como espazo de reactivación do ritmo preelectoral cara ás xerais do 29 de novembro, suspendido pola catástrofe. Boa mostra disto foi a presenza na feira de Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro con cadansúas delegacións populares, nacionalista e socialista.
Rueda foi á Feira de Santos como presidente, pero o matiz preelectoral foi innegable. Non só polas xestualidades inherentes a un evento coma este -saúdos, apertas, bicos ás señoras, parafraseando os Malandrómeda-. Tamén porque incrustado na comitiva do presidente percorreu a feira o ex-vicepresidente da Xunta, deputado no PP no Congreso e cabeza de cartel dos populares na provincia de Lugo para o 29N, Francisco Conde. A cota máis estritamente presidencial cubriuna cunha visita institucional ao Concello no que tamén foi debut público de Nicolás Vázquez como conselleiro de Medio Ambiente.
Ana Pontón tamén acudiu á Feira de Santos acompañada por quen encabeza a candidatura lucense da súa formación para o 29N, Olalla Rodil. Xunto a elas, representantes do BNG no Parlamento, no concello e noutros puntos da provincia. En declaracións á prensa a líder do Bloque tivo moi presente o acontecido en Urda, mais alén diso salientou que visitar Monterroso é facelo ao "corazón dunha das comarcas máis produtivas de Galiza", a da Ulloa, a mesma "á que o PP quería poñer no seu territorio a bomba ambiental de Altri" e prexudicar "os produtos agrogandeiros" como os que se "exaltan" na feira.
[Pontón e Besteiro coinciden en pedir unha investigación "até o final" do accidente de Urda]
José Ramón Gómez Besteiro tamén centrou a súa mensaxe política da xornada na solidariedade coas vítimas do accidente de Urda e no apoio a unha investigación que aclare o acontecido e mais a esixir as "responsabilidades que correspondan". O líder socialista, que estivo igualmente na vila ulloá canda a referentes do PSdeG na provincia lucense coma o cabeza de cartel ao Senado, César Mogo, atopouse na cúpula de Monterroso -epicentro da feira- co presidente Rueda, a quen saudou antes de conversaren uns minutos. Este luns, a axenda de Besteiro tende xa tamén cara ao 29N, retomando a presentación de candidaturas cun acto en Vilagarcía cos cabezas de cartel por Pontevedra.