A protesta polo peche do paridoiro de Verín persegue a Feijóo, que xa evita ligalo á baixa natalidade

Protesta contra o peche do paridoiro de Verín durante a inauguración da nova biblioteca de Ourense CC-BY-SA CdE

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, reflexionaba esta fin de semana, durante unha entrevista coa Cadena SER, que ao PP lle "faltou pedagoxía" á hora de anunciar o peche da sala de partos de Verín. Santalices, médico e tamén dirixente dos populares ourensáns próximo a Baltar, insistiu en que "temos que saber explicar" o acontecido e evitou aclarar se, neste asunto, a súa posición política está co presidente da Xunta ou co titular da Deputación de Ourense e líder do seu partido nesa provincia.

Vinte e catro horas despois da emisión desa entrevista, Santalices foi un dos membros da comitiva que, encabezada polo ministro de Cultura en funcións, Jose Guirao, e mais polo propio Alberto Núñez Feijóo, inaugurou a nova biblioteca do Estado en Ourense, proxecto que se remonta aos tempos de Aznar e que acumulou máis dunha década de atraso. A inauguración non puido ser allea ao conflito de Verín, que se fixo presente mediante unha protesta de veciñanza da vila apoiada por organizacións como a Marcha Mundial das Mulleres.

O ministro de Cultura en funcións e outros cargos do PSOE achegáronse ás persoas que se manifestaban contra o peche CC-BY-NC-SA PSdeG

"O problema non é só parir; se o meu fillo se pon malo ás tres da mañá, a quen lle pido contas?"

Os berros de "Verín non se pecha" ecoaron durante o acto oficial, antes do cal o ministro Guirao se achegou ás persoas mobilizadas. "O problema non é só parir", explicou unha das participantes na protesta, co seu fillo de curta idade en brazos. "Se o meu fillo se pon malo ás tres da mañá e lle dá unha convulsión pola febre e pasa algo no camiño, a quen lle pido contas, a ese señor?", expuxo ante o ministro en referencia a Feijóo, tal e como recolle La Región. O hospital de Verín "ten servizos e está preparado, que lles paguen o que corresponde aos pediatras e que os manden, é o que teñen que facer", resumiu outra das manifestantes ante Guirao.

Toda a comitiva puido escoitar, dende o interior do anovado complexo de San Francisco, a sonora protesta contra un peche que dende hai días Feijóo evita volver ligar á baixa natalidade da contorna de Monterrei. Faino aínda que o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, afirmaba a pasada semana que o "desencadeante" da fin do atención dos partos en Verín foi o baixo número de nacementos.

Despois de que o Sergas volvese sinalar o número de nacementos como "desencadeante" do peche, Feijóo reitera que se hai pediatras, o paridoiro pode abrir mesmo en "24 horas"

Entres os ecos das condenas xudiciais ao Sergas pola súa política de persoal en Ourense -que, como informou Praza.gal, precipitaron a decisión-, Feijóo reiterou a preguntas da prensa, que no caso de que sexan cubertas as dúas prazas de pediatría, o paridoiro sería reaberto "en vinte e catro horas", tal e como afirmara a pasada semana na sesión de control do Parlamento. 

O día anterior, con veciñanza e persoal de Verín a protestar contra o peche ás portas da Cámara, galega, o presidente afirmara que "se os veciños queren usar o paridoiro desde o punto de vista das súas decisións persoais, nós non temos inconveniente en que sexa baixo a súa responsabilidade, pero nós temos que garantir a seguridade dos bebés e iso pasa por atopar pediatras"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.