Tras reunirse con cargos comunitarios, a conselleira de Medio Ambiente augurou "caos social e económico" no litoral por culpa do Goberno, e agora a Comisión Europea di que non lle deu "ningunha información" e defende as competencias estatais
Os días 16 e 17 de marzo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, viaxou a Bruxelas cunha axenda centrada en defender a caza do lobo e a ocupación da costa. Sobre esta segunda cuestión a conselleira reuniuse con "varios membros da Dirección Xeral de Mercado Interior", segundo a propia Xunta, para criticar que o Goberno de España quixese reformar o regulamento de Costas para restrinxir as concesións no litoral, como lle pedira precisamente a Comisión Europea.
Tras ese encontro, a Xunta emitiu unha nota de prensa na que dixo que "tras coñecer e analizar o contido" do texto proposto polo Estado, "confírmase que a decisión non responde a unha exixencia de Bruxelas". Porén, agora a Comisión Europea vén de desmarcarse desa valoración da Xunta e responde ao Parlamento Europeo que "non facilitou ningunha información nin fixo ningún comentario" ao respecto á conselleira.
Tras o encontro de marzo con cargos comunitarios a conselleira presentou a reforma do regulamento de Costas por parte do Estado para limitar ou condicionar a ocupación do litoral como unha medida que suporá "caos social e económico en todo país". Fíxoo ao tempo que ela mesma admitía que "nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terían os cambios".
A UE abriu un procedemento de infracción a España para limitar as concesións de Costas por iren contra o libre mercado
Naquel comunicado tras a reunión con cargos europeos a Xunta trasladou que "tras coñecer e analizar o contido do anteproxecto co que o executivo central pretende modificar o Regulamento de Costas confírmase que a decisión non responde a unha exixencia de Bruxelas". Sobre esa cuestión foi preguntada expresamente a Comisión por parte do eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, que quixo saber que información trasladara a Comisión á conselleira tanto en relación á reforma proposta polo Goberno de central como ao procedemento de infracción que ten aberto contra España por outorgar concesións ou prórrogas no litoral de xeito discrecional, o que motivou a reforma legal.
A resposta que agora vén de dar a Comisión é que se reuniu coa conselleira a petición desta e que "respectando as súas obrigas de confidencialidade, non facilitou ningunha información sobre o citado procedemento de infracción distinta da que xa era de dominio público". A Comisión engade que "como comentario de validez xeral, insistiuse durante a reunión en que corresponde a España organizar internamente o reparto de competencias entre as autoridades centrais e autonómicas, de conformidade coas súas normas constitucionais".
A Comisión tamén di que "non facilitou ningunha información nin fixo ningún comentario sobre as medidas que adoptaron as autoridades centrais españolas neste contexto", en referencia á modificación do regulamento para restrinxir as concesións no litoral e así responder ao procedemento de infracción europeo. A Comisión limítase a deixar constancia que días antes da visita da conselleira o Goberno de España iniciara a consulta pública desa modificación do regulamento de Costas.
Antes de abrir o procedemento de infracción contra España, a Comisión Europea xa levaba tempo salientando que as concesións no litoral non son ilimitadas e que prorrogalas como quere o PP "vulnera" o libre mercado.