A Xunta rexeita explicar á Valedora por que dá axudas por rapidez e non por necesidade

Petición que formulou a Valedora do Pobo á Xunta en varias ocasións e que o Goberno galego rexeitou responder CC-BY-SA Praza Pública

Criticadas polo Consello de Contas, as axudas por concorrencia non competitiva, entregadas ás primeiras solicitudes ata que se esgoten os cartos, son un terzo das subvencións totais do Goberno galego, que rexeita explicar por que as usa e se as vai mudar

Este mércores, ás 9 da mañá, coincidindo co primeiro día da rapazada nos colexios, milleiros de familias estaban diante do ordenador agardando nunha cola electrónica para pedir o Bono Concilia da Xunta, que se outorga ás persoas máis rápidas en solicitalo ata que se esgoten os cartos en lugar de ás máis necesitadas. Este ano, ademais, deixando fóra os campamentos municipais e limitando a axuda pública só ás actividades privadas nunha decisión tomada con efecto retroactivo, cando as familias xa contrataran os servizos.

En xeral, máis da metade das subvencións que outorga a Xunta, 470 dos 861 millóns de euros repartidos en 2024, último ano fiscalizado polo Consello de Contas, entregáronse aos seus destinatarios sen ter en conta se eran os que máis as precisaban ou se había outros máis necesitados deses cartos públicos. 158 millóns foron subvencións directas e outros 312 millóns, un terzo do total, foron entregadas ás primeiras solicitudes recibidas ata que se esgotaron os cartos. 

Contas vén criticando en sucesivos informes ese xeito de repartir os cartos públicos advertindo do risco que supón de fraude e información privilexiada. E agora é a Valedora do Pobo a que desvela que, tras recibir varias queixas de cidadáns que quedaron sen subvencións por non ser o suficientemente rápidos, pediu á Xunta que lle indicase as razóns polas que elixiu ese sistema malia os seus "inconvenientes" e que lle dixese se vai seguir usándoo en próximas convocatorias. Pero a Xunta rexeitou responder á defensora da cidadanía. 

En 2024, último ano fiscalizado polo Consello de Contas, as subvencións directas foron o 18% e as repartidas ás solicitudes máis rápidas o 36% © Consello de Contas

A Xunta vén empregando o sistema de concorrencia non competitiva, de entrega das axudas por orde de recepción da solicitude ata que se esgoten os cartos, para todo tipo de subvencións, desde as dirixidas á conciliación familiar ás destinadas a obras de mellora en vivendas ou espazos públicos, e tanto a particulares como a autónomos, empresas ou concellos. A Xunta mesmo se gaba publicamente de repartir millóns de euros nuns poucos minutos, como fixo a comezos deste ano cando informou de que os 2 millóns de euros previstos para axudas a particulares para corrección de impactos paisaxísticos quedaron esgotados "nos primeiros 16 minutos" do prazo de solicitude. Hai dous anos unhas axudas similares dun millón de euros dirixidas a concellos quedaron esgotadas en 9 minutos e 9 segundos. 

A Xunta mesmo se gaba de repartir millóns nuns poucos minutos mentres o Consello de Contas ve riscos de fraude

Hai uns meses o Consello de Contas fixo público un informe específico sobre "riscos na área de subvencións" da Xunta dentro da súa área de traballo de prevención da corrupción. Entre as súas recomendacións Contas pediu á Xunta "incrementar o emprego das axudas en concorrencia competitiva fronte aos procedementos de concesión directa" polo "risco de limitación da concorrencia" que supón. O ente fiscalizador tamén pediu "manter e estender a todas as bases das axudas en concorrencia non competitiva a fixación dun intervalo de tempo entre a convocatoria das axudas e a apertura do prazo de presentación de solicitudes" polo "risco de fraude" que supón un prazo demasiado curto.

Sede do Consello de Contas de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Contas sinalou no seu informe que "ligada ao risco de subministración de información privilexiada está a selección dos beneficiarios por orde de presentación das solicitudes ata o esgotamento de créditos cando as axudas se convocan en réxime de concorrencia non competitiva". "Sendo o réxime de concorrencia competitiva o procedemento ordinario de concesión das subvencións, o risco está en que a maior parte das subvencións se concedan á marxe deste réxime, ou que a Administración leve a cabo unha interpretación laxa daqueles supostos nos que a normativa vixente non permita outorgar subvencións directas sen concorrencia competitiva", salientaba o ente fiscalizador.

Tras aquel informe específico sobre subvencións, en abril Contas publicou a súa fiscalización xeral da Xunta de 2024, o último exercicio analizado, e nela concreta que, en liña cos anos anteriores, dos 861 millóns repartidos en subvencións, 158 millóns (18,43%) foron por concesión directa, 312 millóns (36,25%) foron por concorrencia non competitiva e menos da metade foron por concorrencia competitiva, 390 millóns (45,31%).

Varias persoas con discapacidade queixáronse á Valedora por quedar sen axudas para a accesibilidade de vivendas sen que se ponderase a súa situación con respecto a outros beneficiarios

Neste contexto varias persoas presentaron queixas ante a Valedora do Pobo logo de quedar sen axudas para mellorar a accesibilidade de vivendas por presentaren as súas solicitudes cando os cartos das convocatorias xa se esgotaran, nalgúns casos apenas unha hora ou minutos despois de abrirse os prazos. Malia teren acreditados distintos graos de discapacidade, esa circunstancia non foi ponderada en relación co resto de solicitudes e a resposta que obtiveron da Xunta foi que as súas peticións non foran o suficientemente rápidas.

Nas súas análises dos casos, feitos agora públicos, a Valedora lamenta que "non existe un baremo para comparar as circunstancias das persoas solicitantes e establecer prioridades" e"o único que se valora é a prontitude na presentación da solicitude". Ante esa situación, a Valedora dirixiu varias peticións similares á Xunta para "que se indiquen as razóns polas que se elixiu o sistema de concorrencia non competitiva, que ten os inconvenientes apuntados, e que se traslade se nas posteriores convocatorias elixirase un sistema que permita priorizar as axudas que se concedan". Pero a Xunta rexeitou dar esas explicacións. 

Resposta oficial da Xunta sobre as súas axudas á conciliación outorgadas ás peticións máis rápidas ata esgotar os cartos CC-BY-SA Praza Pública

O pasado maio foi o PSdeG o que obtivo como resposta da Xunta, a unha pregunta sobre as axudas á conciliación repartidas empregando o mesmo sistema, que ao outorgarse ás solicitudes máis rápidas "todas as familias compiten en igualdade de condicións". 

E nesta mesma liña vén de facerse pública unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que rexeita o recurso dunha nai que quedou fóra desas axudas á conciliación porque a súa solicitude foi presentada cando xa se remataran os cartos. O tribunal limítase a aplicar a normativa imposta pola Xunta e constata que efectivamente a solicitude chegou cando xa se esgotaran os cartos. Pero a sentenza axudas a poñer cifras ao problema. Só nesas axudas á conciliación para a contratación de campamentos ou persoas a domicilio, só na convocatoria de 2024 e só na provincia de Pontevedra "quedaron sen ser atendidas, polo esgotamento de crédito, 2.135 solicitudes". Este mércores, novamente, as familias máis rápidas tiveron máis éxito que as máis necesitadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.