As derradeiras enquisas públicas do 10N sitúan o PSOE obrigado a pactar ante unha dereita á alza

A lexislación electoral segue a prohibir publicar enquisas nos cinco días previos ás eleccións CC-BY-NC-SA Praza Pública

O PSOE resistindo, pero con tendencia á baixa e afrontando un esquema de pactos mesmo máis complexo que tras as anteriores eleccións xerais se Pedro Sánchez quere seguir gobernando. O PP á alza, pero sen se disparar por mor do crecemento da extrema dereita de Vox, que pode sumar un bo número de escanos aproveitándose dun forte devalo de Ciudadanos. E en Galicia, menor recuperación da prevista para o PPdeG e posible retorno do BNG ao Congreso na derradeira proba antes dos comicios ao Parlamento do ano 2020.

Lonxe do prognosticado polo CIS, as enquisas máis optimistas coas expectativas do PSOE sitúan os de Pedro Sánchez cun número de escanos semellante ao de abril ou un chisco inferior

Son algúns dos titulares que é posible tirar da derradeira vaga de enquisas públicas cara ás eleccións xerais do 10N. Na media noite do 4 ao 5 de novembro entra en vigor a prohibición de divulgar inquéritos, o que non quere dicir que non se continúen a facer. Algúns medios de comunicación e partidos políticos seguirán manexando información demoscópica ata o propio domingo electoral, xornada na que volverá ser legal publicalas unha vez pechadas as urnas.

Ata ese momento, o escenario debuxado varía en función da casa de enquisas, pero coinciden na tendencia xeral. Lonxe do prognosticado do CIS -a oficina demoscópica estatal foi a que máis atinou en abril-, que augurou unha cómoda vitoria co PSOE a crecer, as sondaxes máis optimistas coas expectativas socialistas sitúanos en niveis semellantes aos de abril ou un chisco por riba -así o fan Sigma Dos para El Mundo, SW Demoscopia para Infolibre ou Infortécnica para La Región-

O PP medraría, pero tería dificultades para traspasar o limiar dos 100 escanos mentres a extrema dereita de Vox aspira a ser terceira forza, segundo estes inquéritos

Non obstante, son máis as que auguran que os de Sánchez poden acabar igual ou con menos escanos que o 28A -fano GAD 3 (ABC), NC Report (La Razón), Sociométrica (El Español), IMOP (El Confidencial), IPSOS (20 Minutos), Sondaxe (La Voz de Galicia) ou Gesop (El Periódico de Catalunya). Todas elas ven o PP con capacidade de medrar na contorna da trintena de escanos con relación a abril, cando quedou en 66, pero con dificultades para traspasar o limiar dos 100 en boa medida porque a extrema dereita de Vox podería pasar dos seus actuais 24 á corentena ou mesmo ao medio cento, aspirando a ser terceira forza. Mentres, o gran prexudicado do bloque da dereita sería Ciudadanos, partido ao que poucas enquisas sitúan por riba dos 20 escanos.

Unidas Podemos e as súas confluencias sufrirían un lixeiro descenso que non compensaría Más País, atendendo a estes estudos

Pola esquerda, os inquéritos prognostican que Unidas Podemos e as súas confluencias sufrirían un lixeiro retroceso a respecto dos 42 escanos do 28A sen que o partido de Íñigo Errejón, Más País, os vaia compensar -ningunha das últimas enquisas lles dá máis de media ducia de escanos-. No que atinxe ás forzas soberanistas, estes estudos demoscópicos sitúan a Esquerra como forza preponderante entre o independentismo catalán e ao PNV, mantendo a súa fortaleza en Euskadi. No caso galego, cando menos cinco -GAD-3, IMOP, DYM, Celeste-Tel e Sondaxe- das que ofrecen detalles sobre o epígrafe "outros" dan opcións ao BNG de retornar ao Congreso.

As sondaxes auguran que as combinacións para formar un goberno liderado polo PSOE serían aínda máis complexas que tras o 28A mentres o bloque da dereita segue a subir

O panorama debuxado polas derradeiras enquisas públicas da campaña augura que o principal obxectivo de Pedro Sánchez coa repetición electoral, simplificar a formación de alianzas, está lonxe de cumprirse. Para un pacto pola esquerda seguiría precisando a Unidas Podemos e cando menos a Esquerra Republicana e agora, posiblemente tamén a Más País. Se Sánchez dese en ensaiar outras fórmulas, agora nin sequera podería aspirar a un pacto con Ciudadanos e só a colaboración co PP -mediante unha abstención, por exemplo- sería unha vía factible.

Pola banda dereita, practicamente ningunha enquisa prognostica unha eventual alianza que leve a Pablo Casado ao Palacio de La Moncloa. Non obstante, os inquéritos si ven o bloque da dereita en condicións de seguir medrando nos días finais da campaña e algunhas delas sinalan que apenas unha quincena de escanos separan a PP, Ciudadanos e Vox de ultrapasar o limiar dos 175 da maioría absoluta. Nese caso, Casado sería presidente e seríao, ademais, apoiado nunha extrema dereita reforzada.

Resistencia do PSdeG ás portas dos comicios de 2020

Para as circunscricións galegas as fontes demoscópicas son menores. Apenas tres das enquisas divulgadas no remate do prazo legal ofrecen un prognóstico detallado sobre o reparto dos vinte e tres escanos que reparten A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. As que si o fan sitúan o PSdeG en condicións de recuncar como primeira forza -condición que nunca conseguira ata o 28A-, pero tamén dan oportunidades ao PP de regresar á primeira posición.

PSdeG e PP pugnarían pola primeira posición en escanos polas circunscricións galegas, Unidas Podemos podería aspirar ao terceiro e o BNG estaría en condicións de regresar ao Congreso cun ou dous escanos

Concretamente, Sondaxe para La Voz de Galicia augura que o 10N os de Alberto Núñez Feijóo non darán pasado dos 9 escanos de abril, mentres que os socialistas aguantarán os 10. A maior variación con relación ao 28A sería, segundo este tracking, a desaparición de Ciudadanos e o reparto dos dous escanos que este partido logrou nas anteriores xerais entre En Común-Unidas Podemos, que ascendería a 3, e o BNG, que volvería ao Congreso cun escano pola Coruña.

Tamén DYM para Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña coincide en prognosticar que o PSdeG seguirá á fronte tras o 10N con 10 escanos e no retorno do BNG cun escano pola Coruña, segundo Sondaxe, ou cun pola Coruña e outro por Pontevedra, segundo DYM. Non obstante, os inquéritos publicados por Faro de Vigo e La Opinión tamén introducen unha variable: a posibilidade de que Vox entre no Congreso cun escano pola Coruña. Tamén Infortécnica, que sítúa a PP e PSdeG pugnando pola primeira posición en escanos, augura oportunidades a Vox, mentres que desbota o retorno do BNG.

Prognóstico para as galegas de 2020

No caso das enquisas publicadas por Faro de Vigo e La Opinión, o seu traballo de campo esténdese tamén ás eleccións galegas de 2020. Segundo os datos divulgados por ambos xornais este 4 de novembro, a esquerda estaría ás portas de poder volver gobernar en Galicia once anos despois.

Segundo DYM para 'Faro de Vigo' e 'La Opinión', a esquerda estaría ás portas de poder volver gobernar Galicia unha década despois

Sen ofreceren estimación de escanos, estes inquéritos aseguran que os de Alberto Núñez Feijóo pasarían do 47,6% dos votos nas eleccións galegas de 2016 a algo máis do 41%, unha caída de seis puntos que lles impediría chegar aos 38 escanos da maioría absoluta en solitario. Si poderían continuar gobernando da man da extrema dereita de Vox, que podería entrar no Pazo do Hórreo.

Este estudo demoscópico bosquexa un escenario político en Galicia de práctico empate técnico entre esquerda e dereita. Así, o socialista Gonzalo Caballero estaría ás portas de xuntar votos para ser investido presidente se o PSdeG, que medraría tres puntos, lograse o apoio do BNG -que medraría 9- e de Galicia en Común, no caso de que esta formación concorrese baixo estas siglas, indica o estudo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.