Besteiro anuncia un “plan de choque” para rescatar a sanidade pública que duplicará os profesionais da saúde mental

José Ramón Besteiro atende os medios, este luns, en Burela CC-BY-SA PSdeG

O candidato socialista presentou un gran acordo de país con 15 eixos baseado en rescatar a Atención Primaria, duplicar os profesionais de saúde mental e axilizar as probas diagnósticas, entre outras medidas

José Ramón Besteiro puxo o énfase este luns no eido sanitario e anunciou un plan de choque para incrementar o investimento na sanidade pública, reforzando a Atención Primaria, garantindo a cita co médico de cabeceira en menos de 48 horas e acceso a un centro sanitario en menos de media hora para toda a cidadanía. Ademais, habilitará o uso das instalacións hospitalarias en horarios ampliados con contratacións extraordinarias para rematar coas listas de espera de consultas, probas diagnósticas e cirurxías.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta comprometeu con médicos e persoal sanitario un gran acordo de país con 15 eixos para recuperar a sanidade pública, universal e de calidade logo dos recortes do PP. Besteiro presentou este acordo nun encontro sectorial con persoal sanitario en Burela, baseado en rescatar a Atención Primaria, duplicar os profesionais de saúde mental e axilizar as probas diagnósticas, entre outras medidas.

Besteiro, durante o encontro mantido este luns con médicos e persoal sanitario en Burela. CC-BY-SA PSdeG

“A sanidade publica está enferma coas políticas de Rueda pero temos solucións. Hoxe se funciona é polo esforzo dos seus traballadores e non pola súa dirección”, di Besteiro

Besteiro comprometeuse a recuperar de forma progresiva o investimento recortado polo PP, que fixo de Galicia a segunda Comunidade Autónoma con menos investimento, apenas un 14% do orzamento. “A sanidade publica está enferma coas políticas de Rueda pero temos solucións. Hoxe se funciona é polo esforzo dos seus traballadores e non pola súa dirección”, engadiu.

Alertou de que actualmente hai 11.500 nenos e nenas galegos de 122 concellos que non teñen servizo de Pediatría, polo que garantiu un servizo para todo o territorio. Tamén anunciou o reforzo dos recursos de hospitalización a domicilio e o aumento do volume de ambulancias na rede galega incorporadas ao sistema público.

Plan de prevención de suicidios

Gómez Besteiro explicou que no seu primeiro mandato duplicará os especialistas en saúde mental, incorporando esta especialidade á Atención Primaria. Estas medidas, que permitirán reducir as esperas e garantirá tempos de consulta axeitados, complétanse cun plan de prevención das condutas suicidas en cada área sanitaria, que terán ademais unha unidade de atención e hospitalización infanto – xuvenil.

Subliñou que os datos de Galicia son “verdadeiramente alarmantes”, xa que é a segunda Comunidade Autónoma coa maior taxa de suicidios, cun caso ao día -340 ao ano-, e os galegos son os que máis psicofármacos consumen

O responsable socialista advertiu de que esta é a consecuencia da nula atención do Goberno galego, que permanece impasible mentres os galegos ven imposible seguir terapias con tempos de consulta axeitados. Besteiro adiantou tamén que os socialistas galegos impulsarán a integración dos centros de adicións e saúde mental á rede pública do Sergas

Os socialistas galegos, indicou, convocarán todas as prazas de formación habilitadas en Atención Primaria, e garantirán contratos de ata 3 anos de duración a todos os médicos que rematen a súa formación MIR nesta especialidade. 

O candidato socialista durante a súa visita ao Porto de Celeiro. CC-BY-SA PSdeG

Besteiro denunciou “a incompetencia” da Consellería do Mar que, segundo indicou, perdeu 150 millóns de euros de investimento no sector pesqueiro procedentes do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2015-2020

Finalmente, anunciou que reformulará os centros de orientación familiar para convertelos en centros de saúde sexual e reprodutiva para toda a poboación, asegurando o dereito á interrupción voluntaria do embarazo dentro da sanidade pública.

Dixitalización do sector pesqueiro

O candidato socialista mantivo tamén este luns unha reunión coa Asociación de Produtores do Porto de Celeiro durante a que se comprometeu a priorizar a modernización e a dixitalización do sector pesqueiro galego apoiando as confrarías de pescadores, Organizacións de Productores Pesqueiros (OPPs) e as asociacións representativas do sector neste proceso para o que é fundamental "aproveitar cada céntimo dos fondos chegados de Europa", dixo.

Besteiro denunciou “a incompetencia” da Consellería do Mar, que segundo indicou, perdeu 150 millóns de euros de investimento no sector pesqueiro procedentes do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2015-2020. Sinalou que “dos 300 millóns que lle correspondían a Galicia a Xunta de Rueda só foi capaz de executar o 49%; unha xestión desastrosa que compromete de maneira directa a pervivencia dun dos sectores máis importantes da economía galega”, incidiu.

O candidato socialista á presidencia da Xunta que defendeu que “cun goberno socialista  liderando a Xunta o sector pesqueiro por fin será escoitado”. Afirmou que o apoio á industria do mar séguese demostrando día a día desde o Goberno de España, “coa ansiada xestión en Bruxelas de fondos europeos específicos no marco do PERTE Agroalimentario”.

Besteiro recordou que o PERTE Mar-Industria era unha das principais demandas da industria do mar, asegurando que “pronto se poderá acceder aos 50 millóns de euros que vén de anunciar o ministro, Luís Planas, para que as empresas transformadoras poidan desenvolver proxectos estratéxicos de economía circular e dixitalización”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.