Caballero presenta as candidaturas nas provincias interiores prometendo axilizar valoracións e axudas da dependencia

Gonzalo Caballero na presentación da candidatura por Ourense ás eleccións do 5 de abril CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, aproveitou as presentacións das candidaturas nas provincias de Ourense e Lugo para formular a promesa de que, se chega ao Goberno galego, axilizará as valoracións das persoas con dependencia e que, unha vez recoñecido o dereito á axuda, esta se concederá de forma “inmediata”.

O candidato do PSdeG asegura que aumentará as prazas en residencias de maiores e centros de día se chega á Xunta

Hai persoas que teñen que agardar polas prestacións "meses ou anos" e iso "non pode ser", dixo Caballero, que reivindicou o seu "compromiso claro coas políticas sociais". Tamén afirmou que, se goberna, elaborará unha planificación estratéxica para aumentar as prazas en residencias para maiores e centros de día. Nas primeiras hai un déficit de 15.000 prazas en Galicia, de acordo cos baremos da Organización Mundial da Saúde (OMS), indicou o candidato socialista.

Caballero, cos membros da candidatura do PSdeG en Lugo, ante un centro de maiores na lucense Praza da Milagrosa CC-BY-NC-SA PSdeG

Estudaranse, agregou, "fórmulas de cooperación" nos casos nos que sexan necesarias para garantir estes servizos para os maiores. Feijóo "non cumpriu" nos seus 11 anos de goberno, coas necesidades de prazas de residencias públicas, criticou.

Caballero desprazouse na xornada deste luns ás provincias do interior de Galicia para presentar aos candidatos en Lugo e Ourense e argumentou que a elección desta última provincia para resaltar o compromiso coas políticas sociais debeuse a que foi "o epicentro da primeira gran vitoria da maioría progresista" que lle "impediu" ao presidente da Xunta pechar o paridoiro de Verín.

Elixiu Ourense para facer promesas en materia de política social por ser "o epicentro da primeira gran vitoria da maioría progresista" no caso do paridoiro de Verín

Ourense foi tamén a provincia na que o reparto do último escano estivo máis apertado nas últimas eleccións galegas, as do 25 de setembro de 2016. O PSdeG estivo a 157 votos de logralo, pero o PPdeG retívoo. En Lugo a acta final levárona os socialistas, e a seguinte forza en disputala, En Marea, estivo a máis de 6.800 votos de conseguila. 

Caballero considerou que Feijóo "non ten proxecto de futuro" para Galicia e que a súa proposta é a "continuidade da agonía" despois de 11 anos de "desastre". Os socialistas, agregou, teñen "as pilas cargadas" e están "preparados para darlles esperanza aos que queren unha Galicia mellor".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.