Clamor en Pontevedra contra Ence e Altri: milleiros de persoas esixen un futuro sustentable

Marcha contra Ence e Altri en Pontevedra, este 1 de xuño. CC-BY-SA Greenpeace Galicia

Milleiros de persoas saíron este domingo á rúa para reclamar a paralización do proxecto da fábrica de celulosa de Altri na Ulloa e a saída de Ence de Lourizán

Milleiros de persoas saíron este domingo á rúa para reclamar a paralización do proxecto da fábrica de celulosa de Altri na Ulloa e a saída de Ence de Lourizán. A manifestación partiu simultaneamente desde as alamedas de Pontevedra e Marín ao mediodía para confluír aos pés das instalacións da pasteira de Ence na ría, onde se leu un manifesto que chamou a “recuperar o futuro para Galicia coa saída de Ence da ría e a paralización do proxecto de Altri”. 

A marcha, convocada polas Plataformas en Defensa da ría de Pontevedra, en Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva contou tamén co apoio doutras entidades como a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non ou Greenpeace Galicia.

Detalle da manifestación contra as macrocelulosas, celebrada este domingo en Pontevedra. CC-BY-SA Cedida

Á xa tradicional marcha anual contra a continuidade de Ence na ría de Pontevedra, sumouse por segundo ano consecutivo, o rexeitamento contra a implantación do macroproxecto de Altri en Palas de Rei (Lugo) que contou recentemente con aval ambiental da Xunta de Galicia.

"Dende a Ulloa, expresamos o noso fondo agradecemento polo apoio recibido e a forza compartida neste día. A participación masiva da sociedade galega demostra que non estamos dispostas a permitir que se repita na Ulloa o desastre ambiental e social que leva décadas sufrindo a Ría de Pontevedra por mor da presenza de Ence", indicaron desde a Plataforma Ulloa Viva.

Durante a mobilización “lembrouse o escuro proceso que levou ao Tribunal Supremo a avalar a prórroga a Ence para permanecer na ría de Pontevedra 60 anos máis, outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy en 2016, en contra da decisión da Audiencia Nacional, que a declarou ilegal logo das demandas interpostas por Greenpeace, o Concello de Pontevedra e a Asociación en Defensa da Ría (APDR). Con todo,  segundo informaron desde Greenpeace, tamén se celebrou que hai poucos días o Tribunal Constitucional admitiu a trámite o recurso da Administración local por posíbel vulneración de dereitos fundamentais, deixando o caso aínda con vida nos tribunais.

"Levamos máis dun ano de loita e imos continuar até que se descarte esta barbaridade", afirman desde Greenpeace Galicia

Pero a oposición ao proxecto de macrocelulosa na Ulloa tivo un gran protagonismo na protesta. “Se a Xunta e Altri pensaban que co tempo a masiva oposición á súa macrocelulósica ía amainar, hoxe volveuse demostrar que a sociedade civil galega non vai permitir que se destrúa a súa natureza, os seus sectores primarios e o seu patrimonio material e inmaterial. Levamos máis dun ano de loita e imos continuar até que se descarte esta barbaridade. Xa sexa por medio da voz de decenas de milleiros de persoas ou por medio de demandas xudiciais, este proxecto non vai saír adiante porque é tremendamente inxusto para o país”, afirmou Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia. 

O alcalde de Pontevedra, Ana Pontón e outros cargos do BNG, na marcha contra Ence e Altri. CC-BY-SA BNG

“Imos dar a batalla desde o punto de vista político, legal e social para que Galicia estea libre dese tipo de proxectos que hipotecan o noso futuro”, subliñou a portavoz nacional do BNG

Ana Pontón, pola súa banda, encabezou a ampla representación do BNG na marcha contra as macrocelulosas. “Estamos vendo aquí que en Galicia hai un clamor contra estes proxectos, o que queremos é industria do futuro, queremos industria sustentable que coide o noso medio ambiente e non queremos ser o lugar  onde se instalen as empresas que non queren en Portugal”, indicou. “Imos dar a batalla desde o punto de vista político,  desde o punto de vista legal e tamén desde o punto de vista social para que Galicia estea libre dese tipo de proxectos que hipotecan o noso futuro”, subliñou a portavoz nacional do BNG.

Para Pontón, o proxecto de Altri é “unha bomba ambiental que non só afectaría á comarca da Ulloa senón tamén á Ría de Arousa, a  máis produtiva do País”. “O que debería facer o señor Rueda é escoitar o clamor social que demanda tanto a saída de ENCE da ría como parar ALTRI”, explicou a líder do BNG. 

“Somos testemuñas dos estragos de Ence na ría de Pontevedra, e somos conscientes de que esa realidade é a que lle esperaría a ría de Arousa e a conca do Ulla de darse a instalación de Altri na Ulloa e a reapertura da Mina de Cobre en Touro-O Pino”, argumentan desde a Plataforma Veciñal contra a mina de Touro-O Pino. Ambas, aseguran, constitúen unha unha ameaza real para a calidade de vida, para a economía agraria, gandeira, marisqueira e pesqueira, para a conservación e coidado do medioambiente, e para a saúde das persoas.

 “Comprobamos que, a día de hoxe, a Xunta de Galicia, está a tolerar, senón a promover e facilitar, a instalación de proxectos e actuacións industriais gravemente lesivos, como foi no seu día a instalación de ENCE na ría de Pontevedra, e como poden ser nun futuro, ALTRI ou a reapertura da mina de Touro-O Pino”, explican desde a plataforma. 

Manifestantes contra Ence e Altri, este domingo en Pontevedra. CC-BY-SA TVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.