Estabamos iniciando a resaca das eleccións municipais e Pedro Sánchez adiantou as eleccións xerais para o 23 de xullo. Comezou outra carreira electoral mentres seguen ecoando grandes titulares que falan dunha dereita arrasadora nos concellos o pasado 28M.
Os relatos son iso, relatos. Pero os números din algunha cousa diferente, e máis parecida ao que imos ver o vindeiro día 17, cando se constitúan novas corporacións municipais que elixan gobernos de esquerdas en boa parte das principais cidades e vilas de Galicia. Para asegurar esas investiduras comezaron esta semana as negociacións entre as direccións galegas de PSdeG e BNG, tamén conversas a nivel local entre estas e outras forzas.
Repasamos as negociacións en marcha para conformar novos gobernos progresistas en múltiples vilas e cidades e escoitamos a Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, en entrevista con Praza
Neste episodio 51 do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal que conduce David Lombao, repasmos esas negociacións e tamén escoitamos algo do que nos contou Lara Méndez, que volverá ser alcaldesa socialista de Lugo grazas a un novo pacto para gobernar en coalición entre PSdeG e BNG dúas forzas que lograron sumar máis votos que hai catro anos malia ao pulo do PP na cidade.
Hai que retroceder ata 2007 para ver unha foto pública das direccións galegas dos socialistas e do Bloque negociando os gobernos municipais. Neste 2023 consideraron que é bo momento para facelo. No Fálase escoitamos o que contaron sobre o falado os representantes de ambas delegacións, José Manuel Lage (PSdeG) e Carme da Silva (BNG), pero tamén abordamos algúns dos aspectos sobre os que foron máis discretos. Especialmente un: Ourense.
Un cadro político menos complexo que o ourensán é o que se debuxou na cidade de Lugo, que era tamén unha das grandes batallas do 28M. Esta semana, despois do tenso reconto e unha vez constatado que tanto concello como deputación de Lugo seguirán gobernadas pola esquerda puidemos entrevistar a quen seguirá sendo a alcaldesa lucense. Lara Méndez recibiunos no seu despacho do Concello e alí puidemos preguntarlle pola campaña, polo resultado electoral, por ese mapa político que se abre e polo mandato que vén
En VINTE, Novas Camadas e moito máis
Despois dun capítulo político tan amplo, neste episodio do Fálase tamén temos oco para mudar o ton e abrir o espazo de VINTE coa súa directora, María Yáñez. Principiamos achegándonos á nova edición das Novas Camadas, as curtas das cineastas emerxentes do Festival de Cans que poden volver verse en VINTE.
Ademais de levarnos ao cinema, VINTE tamén nos achega ao novo traballo musical de Caldo, que andan dacabalo "entre un son súper moderno e unha foliada". E, xusto a continuación, facemos unha nova parada na política pero dun xeito diferente, o xeito de OU ké!, un medio de comunicación orientado ás redes que ten como obxectivo contar a política ourensá a unha mocidade que ben "abandonada"
En VINTE xa está o resultado en vídeo do 'Terceiro tempo' con Lucía Aldao baixo unha suxerente afirmación: "Mazar é político"
Músicas como as de Anxo Araújo, as dos grupos da Xeración Sónica de Pontevedra ou as do novo episodio dos Violentos anos vinte tamén nos acompañan nun repaso por VINTE no que, asemade, hai oco para achegarnos ao resultado en vídeo do Terceiro tempo que protagonizou Lucía Aldao baixo unha suxerente afirmación: "mazar é político". E, falando de Terceiro tempo, María Yáñez xa nos avanza que podemos anotar nas axendas a seguinte cita, o día 15 de xuño polo serán no café Universal da Coruña.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.