O efectos dos recortes aplicados no conxunto dos orzamentos públicos dende o estoupido da crise financeira internacional de 2008 foron profundos no Estado do Benestar. Trátase dunha realidade palpable en moitos servizos públicos, con independencia de que nalgúns casos eses efectos fosen paliados total ou parcialmente e aínda que existisen gobernos, coma o galego, que simplemente negaron que eses recortes existisen. Non en van, o ex-presidente Feijóo chegara a afirmar que en Galicia os recortes foran "cero" malia non corresponderse coa realidade.
Un informe de Fedea conclúe que o conxunto das autonomías xa recuperou e superou en termos reais o gasto social previo aos recortes cuxa existencia negara Feijóo, aínda que no caso galego o incremento foi inferior á media
Un informe que vén de publicar a Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), unha entidade sustentada por varias empresas financeiras, analiza a evolución do gasto social (sanidade, educación e benestar) das comunidades autónomas nos últimos anos. Con datos de 2022 -os máis recentes dispoñibles- conclúe que a práctica totalidade delas xa recuperara e superara o nivel real (descontada a inflación) de orzamento social previo aos recortes, tomando como referencia o ano 2011. Pero tamén advirte que a intensidade dese gasto non é homoxénea e nunha das súas variables, o gasto por habitante axustado, Galicia é a última do Estado.
O gasto social en Galicia no exercicio 2022, ano no que Alberto Núñez Feijóo abandonou a presidencia da Xunta para cambiala polo liderado estatal o PP, estaba segundo este informe un 3,9% por riba do de 2011. É dicir, descontando o efecto da inflación, o Goberno galego destinou nese ano a partidas sociais un 3,9% máis que antes dos recortes, un incremento inferior á media (7,6%) e afastado das autonomías nas que máis aumentou, caso de Balears e Canarias -na contorna do 20%- ou Euskadi, con arredor do 15% de avance.
É ao ollarmos ao gasto real por habitante axustado (a división destas partidas polo número de habitantes e aplicando diversos criterios de necesidade de financiamento, coma o envellecemento), onde Galicia sae peor parada. Outra volta con datos de 2022, neste índice Galicia acada un valor 92 no que o 100 sería a media estatal. É a última, por tras de Balears, Madrid, Canarias, Andalucía, Aragón, Castilla - La Mancha, Castilla y León e Asturias, tamén por baixo da media. Lideran o rexistro Euskadi e Navarra, con valores de 125 e 124, respectivamente.
Dos últimos en educación e sanidade, por riba da media en protección social
Os malos rexistros de Galicia en comparación co resto do Estado tampouco son homoxéneos dentro das tres grandes partidas sociais: sanidade, educación e benestar. Sempre segundo as cifras do informe de Fedea, que se corresponden co observado anualmente nos Orzamentos da Xunta, o incremento da dotación económica real é especialmente cativo en educación, que cun incremento real de apenas o 4,8% entre 2015 e 2022, é o terceiro menor do Estado.
Galicia destaca por ter un dos aumentos "máis modestos" no orzamento educativo nun informe que tamén salienta que a "mellora do Estado do Benestar" non "se podería materializar" sen as achegas extraordinarias do Estado pola COVID
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o avance orzamentario real en sanidade, un chisco por riba do 12%, está tamén entre os máis discretos do Estado -é o quinto menos intenso- e por baixo da media. Mentres, en política social, Galicia si sae mellor parada. O avance foi neste caso superior ao 37% entre 2015 e 2022, o quinto maior do Estado e superior á media, situada nun 32,5%.
Aínda que non entra en detalles para cada autonomía, o informe de Fedea si bosquexa cales foron os destinos destes incrementos de orzamentos sociais. "Case a metade" deste aumento entre 2015 e 2022 foi para a partida que denominan "remuneración de asalariados", isto é, salarios do persoal que presta estes servizos públicos, especialmente en sanidade e educación. Mentres, en protección social, "as partidas que máis contribuíron ao seu aumento son as transferencias sociais en especie e as prestacións sociais", salienta.
Estas son algunhas das cifras máis salientables dun informe no que Galicia destaca por ser unha das autonomías con "aumentos máis modestos" no orzamento educativo e por estar "á cola" no gasto social por habitante. O documento resalta, ademais, que a "mellora no Estado do Benestar nas comunidades autónomas" que reflicten todas estas cifras "non se podería materializar sen o apoio da Administración Central cos recursos extraordinarios achegados debido á COVID-19".