Rueda instaura un terceiro acto de promoción de infraestruturas e publicita tamén concursos públicos de autovías recortadas como as do Baixo Miño e A Estrada, demoradas por unhas contas públicas que non recuperaron o nivel previo á crise
É habitual que gobernos de todos os niveis organicen actos de inauguración de todo tipo de obras públicas. Nalgúns casos non son quen de agardar a que a cidadanía poida desfrutar do traballo xa rematado e celebran tamén colocacións de primeiras pedras. E agora, con Alfonso Rueda á fronte do Goberno galego, a Xunta está a consolidar un terceiro momento propagandístico aínda máis afastado do remate da obra, o "acto con motivo da licitación". Isto é, un evento in situ con carpa e invitados no que o presidente anuncia o paso administrativo de lanzamento do concurso público, un fito varios meses previo a que comece sequera a moverse a primeira pa de terra.
O pasado 9 de xaneiro Rueda presidiu, nunha carpa con pantallas instalada nun descampado en Tui, o "acto de licitación" dun treito da autovía do Baixo Miño que xa fora licitado en 2009 e paralizado en 2015. E este martes volveu facer o mesmo no "acto con motivo da licitación da prolongación da autovía AG-59 entre Santiago e A Estrada". Unha autovía que o Goberno galego vén de recortar e xa non chegará á Estrada. E uns actos que supoñen triplicar a propaganda das grandes obras públicas malia que o orzamento da Xunta para infraestruturas non se recuperou tras a crise de hai década e media.
O acto presidido este martes por Rueda na Estrada apenas se diferenciou dunha inauguración ou dunha colocación de primeira pedra. Celebrouse nunha carpa con tarima e moqueta preparada ao efecto nun descampado a uns metros do lugar polo que pasará a infraestrutura "a finais do ano 2028", segundo dixo o presidente. Alí cargos da Xunta, chegados en media ducia de coches oficiais, e alcaldes contemplaron un vídeo realizado para a ocasión nunha gran pantalla de 3 por 2 metros alimentada por xeradores eléctricos.
O primeiro treito da AG-59 Santiago-A Estrada foi inaugurado en 2008 e os seguintes foron paralizados e recortados polo PP, que agora os retoma cun acto similar a unha inauguración malia que a obra non estará rematada ata 2028
O acto, protexido por axentes da Garda Civil e da policía autonómica, consistiu no anuncio do concurso público dun treito de prolongación da AG-59 Santiago-A Estrada, unha autovía que xa non chegará á Estrada e cuxo primeiro treito, uns 6 quilómetros entre Santiago e o lugar da Ramallosa, no concello de Teo, foi inaugurado en novembro de 2008 polo daquela presidente Emilio Pérez Touriño.
A infraestrutura debía prolongarse outros 12 quilómetros máis en tres seguintes fases, pero o PP e a crise paralizárona durante 15 anos ata o punto de que a Xunta deixou caducar o estudo ambiental que xa aprobara en outubro de 2010 e tivo que facer outro que non foi aprobado ata 2022.

Hai ano e medio comezaron á fin as obras do seguinte treito, uns 3,5 quilómetros entre A Ramallosa e Pontevea, nas proximidades do río Ulla, cun custo de 36 millóns de euros. E agora lánzase o concurso público para o segundo treito, duns 4 quilómetros e cun viaduto sobre o río, que custará outros 33 millóns. Pero o terceiro e último treito de prolongación previsto inicialmente, doutros 4,5 quilómetros ata as proximidades do núcleo urbano da Estrada, xa non se fará, segundo decidiu en 2020 o Goberno de Feijóo.
A autovía quedará así "ás portas do polígono da Estrada", segundo o propio Rueda. Será, en palabras do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, grazas á "anormal normalidade que é que a Xunta poida executar as obras que planifica".
Este martes o director da Axencia Galega de Infraestruturas gabou a "anormal normalidade que é que a Xunta poida executar as obras que planifica"
Esa anormal normalidade tamén se rexistrou en xaneiro na autovía do Baixo Miño, onde outro acto similar tamén presidido por Rueda anunciou o concurso público para retomar os traballos do primeiro treito. Unha obra que xa fora licitada unha primeira vez en 2009 polo goberno de coalición de PSdeG e BNG pero cuxo contrato, tras varias modificacións, acabou sendo rescindido pola Xunta de Feijóo en 2015. Ademais, tamén nesa autovía do Baixo Miño, como na da Estrada, a Xunta decidiu non acometer todos os treitos previstos inicialmente senón que acabou renunciando a un intermedio duns dous quilómetros que seguirá sendo estrada convencional.

Similares recortes ou demoras están a rexistrar as principais infraestruturas viarias pendentes competencia da Xunta. A Autovía da Costa da Morte segue sen data de remate máis de dúas décadas despois de prometela Feijóo tras o afundimento do Prestige. E o mesmo sucede coa vía da Costa Norte, na que a Xunta pasou de prometer unha autovía a planificar melloras de menor calibre.
Unha demora das infraestruturas que se explica pola caída do investimento en obras públicas coa crise de hai década e media, cifras que non se volveron recuperar. Para este 2025, por exemplo, a Xunta ten orzamentados para infraestruturas, segundo a súa distribución funcional de partidas, 358 millóns de euros, algo máis da metade dos preto de 600 millóns que chegou a haber en 2009.

Unhas cifras que son ademais as orzamentadas, non as executadas finalmente, e que en boa medida son dirixidas ao mantemento das infraestruturas xa en servizo, con pouca marxe de manobra para novas actuacións. Pero que non haxa novas obras non impide que a Xunta publicite os seus pasos administrativos previos, como sucedeu este martes na Estrada.