Ante os incendios ou as borrascas o primeiro ministro conservador portugués di na XXXVI Cimeira Ibérica que "a seguridade climática non ten que ver coa dereita ou a esquerda senón con protexer a cidadanía"
Coa conexión ferroviaria entre Vigo e Porto pendente de que Madrid e Lisboa rematen aínda os seus respectivos estudos previos antes de poder fixar prazos realistas para as obras, os gobernos de España e Portugal puxeron o foco na XXXVI Cimeira Ibérica celebrada este venres en Huelva no cambio climático como prioridade para a colaboración internacional. Un problema que vén tendo especial repercusión en Galicia coa intensificación dos incendios ou das borrascas.
A XXXVI Cimeira Ibérica ía celebrarse hai máis dun mes pero foi adiada varias veces logo do accidente de tren de Adamuz, no que había numerosas persoas de Huelva. No encontro finalmente foron asinados unha ducia de instrumentos de cooperación bilateral, dos que foron destacados "acordos na área da proteção civil e da gestão de emergências, destinados a aprofundar a colaboração entre Portugal e Espanha na avaliação de riscos transfronteiriços e planeamento de emergência, na implementação de sistemas de aviso à população e na articulação entre as Plataformas Nacionais para a Redução do Risco de Catástrofes".
Portugal chegou á cimeira presentándoa como "um momento estratégico para impulsionar a ação conjunta de Portugal e Espanha na resposta aos impactos das alterações climáticas, após meses marcados por grandes incêndios, tempestades e cheias em ambos os países". E nesa liña pronunciouse Pedro Sánchez este venres, sinalando que "se hai un reto que nos afecta conxuntamente é o da emerxencia climática" logo de que 2025 fose "o ano con máis hectáreas calcinadas en Europa desde que temos rexistro, e máis da metade na Península Ibérica", ao que se sumou a "sucesión de borrascas que xerou inundacións históricas". Por iso salientou a importancia da "alianza pola seguridade climática, que entre outras cuestións mellorará a observación cunha rede de satélites para "prever mellor inundacións, incendios ou vagas de calor".
Pola súa banda, o primeiro ministro conservador portugués, Luís Montenegro coincidiu con Sánchez en rexeitar o negacionismo climático. "Para nós a seguridade climática non ten nada que ver coa dereita ou a esquerda", dixo, senón "unha responsabilidade para protexer a cidadanía".
Na cimeira tamén foi asinado un acordo para a navegación e náutica de recreo no treito final do río Miño. E Montenegro incidiu durante a súa intervención na necesidade de acelerar as conexións enerxéticas entre e Península e o resto de Europa.
A cimeira tamén estivo marcada pola guerra en Irán. O primeiro ministro de Portugal evitou ser crítico con Donald Trump e limitouse a dicir que o seu país defende o dereito internacional pero respecta tamén as súas alianzas. Nesa liña, dixo estar do lado dos países que enfrontan "a ofensiva de Irán". Pola súa banda, Sánchez, amosando o seu "respecto" por Estados Unidos, insistiu no seu "non á guerra" ante un conflito que considera "ilegal".
Papel secundario das infraestruturas de transporte
Malia que aínda está en fases previas, Montenegro di que Portugal ten "en curso" a liña de alta velocidade "Lisboa-Porto-Vigo" e que "en 2033" pensa que poida estar concluída
Pola contra, nesta cimeira as cuestións relacionadas coas infraestruturas de transporte ocuparon un lugar secundario, ata o punto de que non asistiron os ministros da área. Foi nas respostas ás preguntas dos medios de comunicación cando Montenegro admitiu que "os prazos nunca son os desexados" pero asegurou que Portugal ten "en curso" a liña de alta velocidade "Lisboa-Porto-Vigo" e que "en 2033" pensa que poida estar concluída, sen detallar subtreitos. Pola súa banda, e en liña con declaracións anteriores, o primeiro ministro portugués cre que a conexión Lisboa-Madrid poderá estar en servizo "en 2034".
Na anterior cimeira, en outubro de 2024 en Faro, Portugal, a declaración final tampouco incluíu datas concretas sobre os enlaces ferroviarios. Tiveron que ser tamén as preguntas dos xornalistas as que fixeron que Montenegro declarase a "prioridade" da "ligação Lisboa-Porto-Vigo-Madrid" situando como "segunda prioridade" de Portugal a conexión "Lisboa-Madrid vía Évora-Badaxoz".
Pola contra, Sánchez dixo manter o "compromiso" de que a conexión Lisboa-Madrid por Badaxoz estea rematada "en 2030", mentres que no referente á conexión Porto-Vigo "o compromiso que compartimos co Goberno portugués é 2032".
Nin Portugal nin España remataron aínda os estudos previos para definir sequera os trazados ferroviarios nas dúas beiras do Miño
Porén, todas esas datas están aínda no aire xa que ningún dos dous estados rematou aínda os estudos previos nin sequera para definir o trazado concreto entre Vigo e Tui no caso de España e entre Braga e Valença no caso de Portugal.
En España o Ministerio de Transportes vén de adiar un ano máis o remate do que xa é o quinto grande estudo para a conexión directa baixo terra entre Vigo e O Porriño sen dar un rodeo por Redondela que resulta clave para unha futura liña de alta velocidade ao Porto.