O pasado 5 de agosto, cos campamentos de verán xa iniciados, a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou por sorpresa que, a diferenza de anos anteriores, serían excluídas das axudas do Bono Concilia as familias que contratasen campamentos municipais ou doutras administracións, e que só terían dereito a subvención as que optaran por alternativas privadas. Menos dun mes despois, o 1 de setembro, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba de xeito retroactivo as condicións para acceder a estas axudas e confirmaba un cambio que recibiu duras críticas de BNG e PSdeG, de moitos pais e nais e de numerosos concellos.
A Xunta anunciou que este ano só daría axudas á conciliación a quen optase por un campamento privado e non municipal semanas despois de que as familias os contratasen
A Xunta só informou da restrición das condicións da axuda cando as familias xa contrataran o servizo, ao igual que sucedeu coas subvencións do pasado ano para mercar libros de texto, deixando sen bono a moitos pais e nais que contaban con el como en anos anteriores. Sempre que a achega económica (2,6 millóns) chegase para todos e que os interesados o solicitasen o máis axiña posible.
Porque o Bono Concilia outórgase ata que se esgotan os cartos e non á xente máis necesitada senón á máis rápida. De aí tamén que no primeiro día para solicitalo houbese esperas de máis dunha hora e milleiros de persoas agardando ou con problemas na Sede Electrónica da Xunta.
Rematado o prazo o pasado 9 de outubro para solicitar o Bono Concilia, as familias están a seren informadas sobre a resolución das súas demandas, con algunhas sorpresas. As axudas son concedidas por gastos nun campamento organizado por un concello, mentres que son rexeitadas outras por un campamento privado ou dunha universidade por, segundo Política Social, terse realizado en espazos municipais ou de administracións ou por empresas que reciben algún tipo de axuda pública.
Política Social vetou os campamentos municipais das axudas e agora denega tamén os de empresas privadas por utilizar instalacións públicas
Os casos —coñecidos por Praza.gal, que tivo acceso á documentación— supoñen un novo enredo nun proceso cuxas condicións mudaron de maneira retroactiva, ademais dun posible prexuízo para aquelas familias que, coñecido o veto aos campamentos públicos, optaron por non solicitar xa a axuda.
Consultada por este diario, a Consellería de Política Social nega agravio ningún porque, lembra, "os campamentos organizados por unha administración pública, xa sexa de forma directa ou indirecta (por exemplo, a través dunha empresa privada) non é gasto subvencionable a través do Bono Concilia Familia, tal como establece a orde de convocatoria publicada no DOG".
De feito, nesa convocatoria especifícase que só se poderán subvencionar "campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica privada" e que quedan fóra "calquera outro organizado directa ou indirectamente por calquera Administración pública".
Dous campamentos municipais, unha axuda
Nun dos casos coñecidos por Praza.gal, a familia solicitou axuda para a subvención de dous campamentos municipais organizados e incluídos na programación de verán do concello, e o Bono Concilia foille aceptado só para un deles. A clave está na documentación presentada: mentres que no que foi sufragado nun 75% a factura estaba a nome dunha empresa externa subcontratada, no outro os gastos foron xustificados a través dun documento asinado pola propia administración local.
"O gasto de facturas achegadas a nome dunha empresa externa subcontratada por un concello non é subvencionable", insiste a Consellería de Política Social ante este caso, o dun campamento realizado nun centro cívico municipal e impulsado por un concello.
O Bono Familia foi aceptado por campamentos públicos xestionados por empresas privadas e denegado por campamentos privados que usaron instalacións públicas
Noutras situacións coñecidas por Praza.gal, o conto cambia, ampliando o concepto de organización indirecta dunha actividade por parte dalguha administración. Trátase de familias aos que lles foi rexeitada a axuda do Bono Concilia malia que os seus fillos acudiron a un campamento dunha empresa privada que non figuraba na oferta municipal de conciliación para o verán e cuns prezos semellantes aos de calquera outro privado, máis altos que os que impulsa a administración local.
A Xunta, segundo conta unha das familias afectada, alegou que en realidade o campamento é público por ser organizado pola empresa concesionaria dunha instalación municipal e por recibir subvencións do concello. "Non temos que saber iso cando o contratamos e, se ese é o criterio, todas as entidades sociais, culturais e deportivas de Galicia quedarían tamén excluídas do Bono Concilia", argumentan os afectados.
Noutro caso, a Xunta denegou a axuda á conciliación por un campamento organizado por unha empresa privada por ser esta concesionaria da piscina municipal. "Ao tratarse dun servizo prestado nun equipamento publico municipal a través dunha concesión administrativa, considérase unha actividade organizada indirectamente por unha Administración pública, suposto expresamente excluído da presente convocatoria e axudas", argumenta Política Social na información de denegación.
A Xunta denega o Bono Familia por actividades organizadas por empresas privadas en instalacións da UDC
E aínda hai máis. A outra familia foille denegada a axuda por un campamento tecnolóxico impulsado pola Fundación Universidade da Coruña (FUAC), cun prezo de 170 euros á semana e que carece de subvención que si tiña outros anos. Política Social, na denegación á que tivo acceso Praza.gal, xustifica que a actividade foi "promovida e organizada pola FUAC a través das súas instalacións e servizos públicos" e que a UDC "ten a consideración legal de Administración pública", polo que a actividade está "organizada directa ou indirectamente" por ela, o que tamén a exclúe do Bono Concilia.
O argumento da Xunta para non incluír os campamentos municipais no Bono Concilia é que xa contan con subvencións á conciliación para a súa propia celebración, polo que subvencionar tamén as familias suporía unha dobre axuda. Pero, tendo en conta os casos coñecidos por Praza.gal, Política Social está a denegar axudas para calquera actividade que teña unha mínima relación coa administración pública, xa sexa por realizar as súas actividades nunha instalación municipal, por ter algún tipo de axuda das administracións ou por ser financiada dalgún xeito publicamente.
Se ese é o criterio, lembran algúns dos afectados, a inmensa maioría dos campamentos quedarían fóra do Bono Concilia por seren organizados por empresas, colexios privado-concertados ou entidades que teñen algún tipo de axuda pública.
Dobre financiamento
A semana pasada, no Parlamento, a deputada do PP, Raquel Arias, sinalou que estes campamentos municipais reciben financiamento de administracións como a Xunta para desenvolver servizos de conciliación. En concreto, destacou que a Administración autonómica destina 7,5 millóns de euros a apoiar os municipios para poñer en marcha iniciativas que tamén inclúen ludotecas e outros recursos.
Fíxoo para defender a negativa do PP a apoiar unha moción do PSdeG, apoiada polo BNG, que solicitaba que os campamentos municipais fosen incluídos no Bono Concilia. A iniciativa socialista formulaba tres medidas: modificar a regulación para incluír as iniciativas públicas entre os gastos subvencionables; eliminar esta exclusión das seguintes convocatorias; e garantir que o acceso á axuda dependa da necesidade de conciliación e do cumprimento dos requisitos, e non de se o servizo é público ou privado. Foi rexeitada polos populares.