O Censo Electoral pregunta a case dez mil residentes en Galicia procedentes do resto da UE se queren votar nas municipais

As últimas eleccións celebradas en Galicia foron as galegas de 2020, marcadas polas medidas contra a COVID. Na imaxe, unha mesa electoral en Burela CC-BY-SA Praza Pública

Aínda que resta algo máis de medio ano para a celebración das eleccións municipais do 28 de maio de 2023, a Oficina do Censo Electoral (OCE) está a realizar xa diversos trámites previos a este comicios. Dende 2011, nas eleccións municipais non poden participar as persoas inscritas no censo de residentes ausentes (CERA), pero si hai outros votantes que poden participar se o solicitan. Trátase de residentes que proceden doutros Estados da Unión Europea.

Como lembra a Oficina do Censo, a cidadanía do resto da UE que resida en territorio do Estado español e teña 18 ou máis anos no día das eleccións municipais pode votar no seu concello. Pero para poder votar, "deben manifestar previamente a súa vontade de exercer ese dereito". Se xa o fixeron antes de anteriores comicios, non teñen que repetir o trámite. Pero a quen aínda non o fixo, a OCE vaille lembrar esa posibilidade en datas vindeiras.

"Para facilitar este trámite, a OCE vai enviar por correo postal unha comunicación" a 451.397 persoas procedentes da UE rexistradas no censo ás que "non se dirixira en anteriores eleccións" e que "non manifestaron anteriormente a súa vontade de exercer o dereito ao voto nas eleccións muncipais. No caso galego, están nesta situación case dez mil persoas, mentres que unhas 7.800 xa indicaran que queren votar.

O prazo para que a cidadanía procedente doutros países da UE manifeste que quere votar nas municipais finaliza o 30 de xaneiro e desta volta pódeno facer tamén a través de internet

Nesa carta, ademais de lles lembrar a posibilidade de participar nos comicios locais, estas persoas van recibir unha clave "que poderán usar para manifestar de forma telemática a intención de votar". Trátase, explican, dun novo procedemento que poderá ser utilizado ata o vindeiro 30 de xaneiro.

Así, estas persoas "poderán realizar a súa manifestación de vontade por internet" a través da sede electrónica do INE usando esa clave. Se o desexan, tamén poden facelo por vía postal, enchendo un formulario anexo á carta e remitíndoo á delegación provincial do Censo Electoral.

No caso da cidadanía do resto da UE que non está inscrita no Padrón municipal, o INE lémbralle que o primeiro paso para poder votar nas municipais é o empadroamento. No propio Concello, agregan, poden "realizar a manifestación de vontade" de votar. Segundo os datos máis recentes do Padrón, en Galicia residen algo máis de 33.000 persoas procedentes doutros Estados da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.