O PP apela ao electorado de Vox en Galicia para obter unha cuarta maioría absoluta

Feijóo e Casado, nun mitin do PP en Ourense o pasado 1 de marzo © PP

O partido de extrema dereita Vox non ten representación institucional en Galicia nin escanos polas circunscricións galegas nas Cortes Xerais. Pero isto non implica que o seu electorado galego sexa inexistente. Nin moito menos. Nas últimas eleccións xerais, as do pasado novembro, sumou algo máis de 116.000 votos e en dúas circunscricións, A Coruña e Lugo, superou o 8% dos votos. En concellos como Ribeira, Becerreá, Abadín ou Carballeda de Valdeorras superou o 12% dos apoios.

Feijóo: "Vou pedir o voto aos que apoiaron a Vox (...), sen eses votos non podo revalidar a Xunta e a eles me vou dirixir"

Os estudos postelectorais, pero tamén a percepción no seo dos partidos políticos, indican que o principal celeiro de votos para Vox en Galicia estivo entre persoas que habitualmente apoiaran o PP. A ese electorado estanse dirixindo por diversas frontes os populares galegos nos últimos días coa vista posta nos comicios do 5 de abril. A mensaxe é clara: se non abandonan a Vox e regresan ao PP, poden ter a culpa de a esquerda goberne en Galicia, veñen dicir.

A mensaxe está nos argumentos de precampaña dos conservadores dende hai semanas, pero esta pasada fin de semana foi o propio líder e candidato da formación á reelección, Alberto Núñez Feijóo, quen o expresou con máis claridade nunha entrevista concedida ao xornal El Mundo. "Voulle pedir o voto aos que apoiaron a Vox nas últimas eleccións xerais en Galicia" non só porque "comparto que hai que xuntar os votantes de Vox, antigos votantes do PP", senón porque "se non me votan, non serei presidente da Xunta", sinalou.

"Son perfectamente consciente" de que se o electorado que apostou pola extrema dereita o 10N "non me vota maioritariamente, terei que abandonar a Xunta". Dito doutro xeito, "sen eses votos eu non podo revalidar a Xunta e a eles me vou dirixir", reiterou o actual presidente, quen di estar convencido de que se os sufraxios de Vox non regresan ao PP o 5A, o PSdeG, o BNG e Galicia en Común poderán conformar unha maioría parlamentaria que elixa o próximo presidente do Goberno galego.

O 'número dous' do PP galego di ver como "risco real" que a esquerda poida gobernar en Galicia

De "mobilizar o electorado" da dereita en torno ao PP falou tamén o número dous de Feijóo no partido, Miguel Tellado, en declaracións á Radio Galega. A poboación de dereitas debe ver como "risco real" unha coalición da esquerda na Xunta, alerta, nun contexto no que di considerar como posible que ese eventual Goberno sen o PP "sexa liderado polo BNG".

Con este pano de fondo, este luns saíron á luz novas enquisas para o 5A, neste caso publicadas por senllos xornais madrileños de tendencia conservadora, El Mundo e ABC, elaboradas por Sigma Dos e GAD 3, respectivamente. Ambas sondaxes, con matices, sitúan o PP nun intervalo de 38 a 40 escanos, isto é, entre unha maioría absoluta cómoda e o bordo de perder o Goberno. Ningunha concede posibilidades de representación a Vox, algo que si facía a pasada semana NC Report para La Razón.

As dúas publicacións acompañan estes inquéritos con editoriais nos que inciden na tese de que o electorado de dereitas apoie en masa ao PP e desbote outras opcións como a de Vox ou mesmo Ciudadanos. Así, El Mundo subliña o que considera como "necesidade de concentrar o voto en Feijóo" porque o apoio a C's ou Vox nas urnas "poden facer caer ao PP da Xunta". ABC, pola súa banda, ve "evidente" que estes partidos "non contan cun mínimo arraigo en Galicia", se ben identifica como "risco" que "baile un só escano" que podería "poñer en risco a solvente preeminencia do PP" no vindeiro Parlamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.