O primeiro conselleiro de Cultura con Feijóo: "Eu apoiaba o galego como lingua oficial, niso non coincidiamos"

Roberto Varela, presidindo como conselleiro de Cultura o xurado dos Premios da cultura galega © Xunta

O meañés Roberto Varela reflexiona sobre a súa traxectoria nunha entrevista con 'La Voz de Galicia' na recta final da súa longa carreira diplomática

O meañés Roberto Varela está na recta final do seu mandato como responsable cultural da embaixada de España na Arxentina. Finaliza en 2027 e os seus plans así que remate pasan por regresar a Galicia e combinar a xubilación coa súa paixón pola fotografía, que xa reflectiu hai media década no libro O tempo que vivimos (Chan da Pólvora, 2020).

No inicio da despedida da súa prolongada carreira diplomática Varela vén de conceder unha entrevista a La Voz de Galicia en Bos Aires e nela, como noutras dos últimos anos -caso das concedidas a Praza.gal en 2012 e 2021-, achégase tamén ao período máis breve pero máis mediático da súa carreira: o seu papel como conselleiro de Cultura no primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Varela explica como se concretara a súa fichaxe e tamén sinala algunha diverxencia co ex-presidente en materia idiomática.

Roberto Varela, promocionando en 2021 o seu libro de fotografía 'O tempo que vivimos', publicado en Chan da Pólvora CC-BY-NC-SA Praza Pública / Cedida

Varela recollera o testemuño da Consellería de Cultura de mans de Ánxela Bugallo, conselleira polo BNG. E fixérao nun tempo no que unha das bandeiras do PP de Feijóo para procurar -e lograr- o seu retorno á Xunta pasara por rachar os consensos lingüísticos do fraguismo e asumir como propio o discurso da suposta "imposición" do galego en Galicia que esgrimían grupúsculos como a asociación denominada Galicia Bilingüe, actualmente encaixada nun ente agora chamado directamente Hablamos Español.

Varela foi titular de Cultura de 2009 a 2012, cando o PP retornou á Xunta asumindo como propio o discurso dunha suposta "imposición" do idioma

Neste contexto, na devandita entrevista Varela é cuestionado por se "formaría parte dun goberno dun signo político ao PP", ao que responde que "non". "Tería que coincidir moito co que me están pedindo", engade. Neste sentido, especifica que "hai algunhas cousas nas que eu non estaba de acordo con Feijóo e dicíallo", para a continuación detallar que "eu apoiaba o galego como lingua oficial de Galicia e niso con coincidiamos", se ben "eu non me metería con outro goberno que non coincidise coa miña ideoloxía", que adxectiva como "moderada".

A cuestión lingüística estivo moi presente na escena política daquel tempo, dende por mudanzas legais como a derrogación do decreto que garantía un "mínimo" do 50% da docencia no ensino na lingua propia de Galicia ata por diversos xestos simbólicos do daquela novo Goberno do PP. Cando, en 2012, Feijóo destituíu a Varela no marco dunha crise de Goberno que suprimiu Cultura como consellería independente para fusionala con Educación, o ex-conselleiro reflexionara, en entrevista con Praza.gal, que "nunca entendera" as "críticas sobre o suposto desmantelamento da lingua" a respecto da súa xestión.

Primeiro Consello da Xunta tras o retorno do PP ao Goberno en 2009 © Vieiros

As súas declaracións chegan nun contexto no que a posición oficial do Goberno galego a respecto da lingua pasa pola "actualización" do Plan Xeral de Normalización da Lingua -aprobado por unanimidade en 2004-. A finais de xaneiro o conselleiro con competencias na materia, José López Campos, dixo agardar que "nas vindeiras semanas" agardaba contar co "documento final" dos traballos. Tamén se producen a poucos días da mobilización pública na que a Plataforma Queremos Galego prevé presentar o "Protocolo Lingua Vital", no que condensa as achegas recollidas con diversos colectivos para "reverter a emerxencia lingüística" ante o que consideran unha "deserción" da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.