A Seguridade Social volve ser condenada en Galicia polo TSXG por computar como patrimonio excesivo a herdanza da residencia habitual malia que esta debe quedar fóra do cálculo para obter a axuda
A normativa do Ingreso Mínimo Vital (IMV) establece que a vivenda habitual non debe computar para calcular se o patrimonio dunha persoa é excesivo ou non para obter a axuda pública. Porque sempre é preciso un sitio para vivir e esa vivenda non se pode transformar en cartos para o gasto que supón vivir. Porén, a Seguridade Social vén sendo condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por retirar a prestación con interpretacións restritivas da norma, especialmente cando a persoa afectada herda a vivenda habitual ou dedica unha herdanza a mercar a vivenda habitual.
O TSXG vén de facer pública unha sentenza que ratifica outra previa dun xulgado do Social de Ourense que condena a Seguridade Social por retirar o IMV a unha muller cuxa residencia habitual era a vivenda que compartía cos seus pais, dos que coidaba. Ao morrer estes a muller e un irmán herdaron esa vivenda e o irmán mercoulle a súa metade por 47.000 euros, contía que a muller usou para mercar outra vivenda que pasou a ser a súa residencia habitual.
Maila que as transaccións foron en moi curto espazo de tempo, a Seguridade Social computou os 47.000 euros froito indirecto da herdanza e que a muller destinou a contar cunha vivenda propia como un incremento excesivo do seu patrimonio, sen ter en conta que os dedicou a continuación para contar cunha vivenda habitual, e retiroulle o IMV.
Un xulgado do Social xa dera a razón á muller, pero a Seguridade Social seguiu preiteando e agora o TSXG vén de ratificar que a muller limitárase a adquirir "unha vivenda habitual da que carecía, ao estar residindo ata ese momento cos seus pais, investindo na compra da vivenda, gastos de transmisión, mobiliario, o importe líquido que o seu irmán lle transferira". A xustiza considera que a casa na que vivía cos seus pais e da que herdou a metade "constituía a súa residencia habitual, por ser o lugar no que se establecera, coa citada finalidade de atender aos seus pais, de forma permanente e principal, e dita vivenda habitual non forma parte do patrimonio" a ter en conta para calcular o IMV.
A vivenda habitual non pode ser computada como patrimonio para ter dereito á prestación, pero a Seguridade Social está a recibir condenas do TSXG por facelo con intepretacións restritivas da normativa
Hai uns meses o TSXG xa se pronunciara sobre outro caso similar no que a Seguridade Social retirara o IMV a unha familia que vivía de alugueiro tras recibir a muller unha herdanza do seu pai de 42.700 euros e destinalos a mercar unha vivenda en propiedade. A compra da vivenda fíxoa no mesmo ano en que recibiu a herdanza, pero a Seguridade Social optou por computar a herdanza como un patrimonio excesivo para denegarlle a prestación en lugar de ter en conta que ese patrimonio acabou sendo a vivenda habitual da familia e polo tanto non debía ser contabilizada.
Tamén naquel caso a muller obtivera unha primeira sentenza favorable dun xulgado do Social pero a Seguridade Social teimara en recorrer para acabar perdendo igualmente ante o TSXG, que salientara que a muller "non veu incrementado o seu patrimonio de forma irregular, senón que transformou a herdanza recibida na súa vivenda habitual" que polo tanto non podía ser computada para retirarlle o IMV. "Desde logo, nunha situación de vulnerabilidade económica como é a da recorrente, pódese considerar [...] xustificado máis que suficiente o investimento do percibido en herdanza para adquirir unha vivenda como fogar familiar habitual, para así deixar de investir os escasos ingresos en alugueiro", sentenciara o tribunal.
O Estado tamén vén denegando prestacións por ter custodia compartida ou por erros no padrón malia que as unidades de convivencia cumpren os requisitos para recibir a axuda
Ademais destas interpretacións restritivas da normativa que exime a vivenda habitual do cómputo do patrimonio para ter dereito ou non a IMV, o TSXG vén condenando a Seguridade Social por moitas outras denegacións indebidas relacionadas cos domicilios das persoas ou familias solicitantes. O pasado ano o TSXG chegou a afear á Seguridade Social que considerase como patrimonio excesivo dun home o préstamo que recibiu por hipotecar a súa única vivenda. Noutras moitas ocasións as denegacións indebidas do IMV prodúcense por erros no padrón, pero tamén as hai por fillos que non conviven de xeito permanente co proxenitor que pide a prestación porque así o estableceu unha resolución xudicial de custodia.