A familia de Franco pretendían que nin o Concello de Sada nin a Xunta puidesen comparecer no proceso xudicial que, iniciado pola demanda formulada polo Estado e avalado por abondosa documentación e pescudas históricas, procura a reversión ao patrimonio público do Pazo de Meirás. O pasado setembro os herdeiros do ditador recorreron a participación dos gobernos galego e sadense no proceso xudicial defendendo por exemplo que, no caso do Concello, o único "interese" para comparecer era "político". Pero veñen de fracasar.
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña vén de ratificar ao Concello sadense o auto polo que desestima o recurso dos Franco. O Xulgado, detallan dende o goberno local, considera que "a comparecencia de ambas administracións", Concello e Xunta, é "un dereito recoñecido legalmente". O "interese" alegado polos gobernos "existe" e é "perfectamente compatible" cos dereitos da familia Franco como parte demandada, conclúe.
O Concello de Sada aplaude que o xulgado frease o "burdo intento de querer afastar" os gobernos local e galego "da demanda que ten por obxectivo recuperar o pazo para o patrimonio público"
Dende o Concello de Sada apláudese a resolución. "O xulgado valora que existe un interese" para que comparezan "tanto o Concello de Sada como a Xunta, xa que estamos ante un ben declarado sitio histórico de indubidábel relevancia histórica para o pobo galego", subliña o goberno local nun comunicado.
Neste sentido, o consistorio coida que rematou o "burdo intento de querer afastar o Concello da demanda que ten por obxectivo a recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás". Tamén a Xunta di acoller con "satisfacción" a posibilidade de "defender os intereses" públicos grazas a esta resolución xudicial, afirmou o presdiente, Alberto Núñez Feijóo, a preguntas da prensa.
Os Franco queren máis anos de cadea pola protesta na Casa Cornide
Cadrando con este revés, os herdeiros do ditador seguen a pugnar noutra fronte para tentaren frear as protestas a respecto do patrimonio acumulado polo xeneral golpista e a súa familia. Concretamente, sobre a Casa Cornide da Coruña.
Os herdeiros do ditador lograron adiar o xuízo pola protesta na Casa Cornide; agora pretenden que as persoas que participaron nela vaian á cadea 9 anos
En setembro de 2017 nove militantes do BNG ocuparon simbolicamente este emblemático edificio da Cidade Vella coruñesa para reivindicaren a súa devolución e os Franco, como fixeran cunha protesta semellante no Pazo de Meirás, leváronos aos tribunais. Este 5 de novembro íase celebrar ese xuízo pero, como confirmou o Bloque, os Franco lográrono adiar. O seu propósito é pediren condenas máis elevadas.
Segundo detallou nun acto celebrado ante a Casa Cornide o cabeza de lista do Bloque pola Coruña, Néstor Rego, os herdeiros do ditador "piden un incremento das penas, engadindo á acusación os delitos contra o honor ou violación de morada". Agora, subliña, pretenden que a protesta sexa castigada con "nove anos de prisión e 24.000 euros" de compensación para cada unha destas nove persoas. "Parécenos unha barbaridade dende o punto de vista político e xurídico", di o candidato, para quen os Franco tamén piden cárcere pola protesta en Meirás.