Pablo Casado culmina a súa convención prometendo recentralizar España e o PP de Galicia aplaude o "rearme ideolóxico"

Pablo Casado e a súa esposa, este 3 de outubro no mitin organizado polo PP na praza de touros de València para concluír a súa convención © PP

Dun innovador formato itinerante a un mitin na praza de touros de València que evoca os tempos de Aznar, Camps ou Rajoy sucesivamente retratados en sumarios e sentenzas xudiciais por presunta corrupción. Do anuncio dunha reformulación ideolóxica á recuperación de varias das promesas estrela lanzadas durante a campaña electoral na que o PP caeu ás súas cotas máis baixas en máis de tres décadas.

O presidente do PP, Pablo Casado, rematou o pasado domingo cun mitin no recinto taurino valenciano a convención que o partido iniciara seis días antes en Santiago. Fíxoo nun ambiente de euforia que o partido deu en presentar como antesala dun triunfo nas próximas eleccións xerais, previstas para 2023. O programa do evento culminou cun discurso no que Casado debullou un amplo abano de promesas en clave recentralizadora e identitaria. Minutos antes, o PP de Galicia aplaudira o "rearme ideolóxico" que, a xuízo dos de Feijóo, supuxo o conclave.

Feijóo, con Casado e outros dirixentes do PP, durante a sesión da convención do PP en València na que interviu CC-BY-SA PPdeG

Como informa Carmen del Riego para La Vanguardia, Casado asegura que, se chega a gobernar España, impulsará un novo "contrato social" que busque "recuperar o orgullo de ser español" e implantar un "novo constitucionalismo militante" porque ve chegado o momento de "deixar de defender España cunha man atada ás costas". Así, por exemplo, promete reverter transferencias de competencias xa aprobadas como a de prisións a Euskadi -contemplada na lei orgánica do Estatuto vasco dende finais dos anos 70, e executada recentemente- ou "garantir o español en todo o ensino, os espazos públicos e toda a Administración".

As promesas lanzadas por Casado no remate da convención do PP remiten ao seu programa electoral de 2019, cando propuña paralizar as transferencias ás comunidades autónomas ou minguar o rango legal dos idiomas oficiais diferentes do castelán

Lonxe de supoñer un xiro innovador, o groso destas propostas estaban xa concretadas en 2019 no primeiro programa electoral do PP con Casado como candidato á presidencia do Goberno de España. Daquela, os conservadores prometeran medidas como unha reforma que minguaría o rango legal do galego, toda vez que ningún escrito tería "carácter oficial" se non estivese redactado tamén en castelán. Aquela proposta contradicía mesmo varias leis aprobadas durante gobernos do propio PP.

Aquel programa incluía tamén a promesa de "paralizar" calquera novo traspaso de competencias como parte dun plan para "fortalecer a nación" española. Esa medida fora apoiada por Alberto Núñez Feijóo, que a considerara adecuada ao advertir que o independentismo catalán estaba procurando "despezar España". Naqueles comicios, o PP quedou cuns exiguos 66 escanos no Congreso e en Galicia perdera a condición de forza máis votada por primeira vez dende os tempos da extinta Alianza Popular.

Minutos antes de que Casado concluíse a convención con estas e outras propostas, como a derrogación da lei da memoria histórica, o PP de Galicia aseguraba, por boca do seu secretario xeral, que vía á formación "máis preparada e reforzada para ser alternativa de Goberno". "A convención foi un rearme ideolóxico para un PP que é a alternativa que España necesita", defendeu Miguel Tellado, número dous de Feijóo no organigrama do PPdeG.

Dirixentes do PP de Galicia que participaron no mitin final da convención do PP en València CC-BY-SA PPdeG

Na véspera dese mitin, tamén en València, o propio Feijóo foi un dos relatores. Xunto a outros dirixentes autonómicos do partido, o presidente da Xunta interviu nunha sesión titulada Los gobiernos de la libertad. Segundo destacou o PPdeG, Feijóo "defendeu que a boa xestión é a mellor aliada da liberdade" e asegurou que o PP de Casado é "a única alternativa a un Goberno do PSOE e de Podemos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.