O Goberno de España aproba novas medidas de seguridade e o ministro recibe peticións de dimisión no Congreso nunha sesión na que PP e Vox o acusan xunto a Sánchez de "amañar contratos e contratar Koldos" e "prostitutas de Ábalos"
"Que ben se lle dá explicar como morre a xente nos trens". Así resumiu este martes a portavoz do PP no Congreso, Ester Muñoz, a intervención inicial do ministro de Transportes, Óscar Puente, na Cámara para dar conta do accidente de Urda, con 69 mortes. A continuación, a portavoz de Vox acusouno de desviar cartos da seguridade ferroviaria a "os contratos que lles facían ás prostitutas de Ábalos". Ante estas contrincantes, e mentres outros grupos parlamentarios tamén lle pedían responsabilidades políticas con outras formas máis moderadas, Puente expuxo os datos que di ter sobre como sucedeu o accidente e detallou as medidas que prevé o Goberno para que non poida repetirse.
Previamente, pola mañá, tras o Consello de Ministros que aprobou esas medidas, Puente xa dixera, preguntado pola súa posible dimisión, que se sinte apoiado polo resto de ministros e ministras, tamén polos de Sumar.
Tras un minuto de silencio polos 69 falecementos, na súa primeira intervención no Congreso Puente fixo un relato cronolóxico do sucedido no accidente, incluída a autorización do centro de control de Adif ao tren de Renfe que acabou chocando co de Iryo para circular "a velocidade moi, moi superior á máxima permitida con circunstancias como as que había". Segundo dixo o ministro, a liña Madrid-Sevilla "non é unha infraestrutura abandonada nin esquecida" senón que está a ser renovada por completo, gasto que precisou que se computa como investimento, "non como mantemento", para matizar así informacións das últimas xornadas sobre supostas caídas no gasto en matemento.
Sobre o centro de control de Atocha, Puente detallou que en 2012 o seu cadro de persoal era de 70 persoas, a finais de 2018 era de 87 persoas e na actualidade de 133, tras chegar a "un pico de 140" do que se baixou nos últimos meses "por xubilacións".
O ministro tamén detallou no Congreso as medidas aprobadas na mañá deste mesmo martes polo Consello de Ministros en relación co accidente, tanto de axudas para as vítimas como de mellora da seguridade ferroviaria. Medidas normativas pero tamén que requirirán máis gasto público, desde o reforzo dos protocolos dos centros de control de Adif, con máis supervisións tanto humanas como automáticas das ordes que dan aos maquinistas, ata melloras das condicións laborais e do factor humano ou a mellora tecnolóxica dos sistemas tanto nos centros de control como na liña Madrid-Sevilla. Sobre este punto, no que se espera completar a "comezos de 2027" a mudanza do actual sistema LZB polo ERTMS existente no resto de liñas de alta velocidade, Puente lembrou que en Angrois completar ese ERTMS demorouse dez anos despois do accidente de 2013.
Foi nas quendas de intervención dos grupos políticos cando PP e Vox elevaron o ton. "Que ben se lle dá explicar como morre a xente nos trens e que mal evitalos", comezou a portavoz parlamentaria do PP, Ester Muñoz, que atribuíu o sucedido a "decisións políticas" do Goberno de España. Muñoz acusou directamente ao presidente Pedro Sánchez e ao ministro Puente de estar máis preocupados por "amañar contratos e contratar Koldos" que por gobernar. Na súa segunda e derradeira ntervención Muñoz reiteraría a Puente que "xa perdemos demasiadas vidas pola súa responsabilidade".
Tras o PP foi a portavoz de Vox, Pepa Millán, a que proseguiu por esa liña argumental preguntándose por que non se investiu en seguridade. "O diñeiro está nos contratos que lles facían ás prostitutas de Ábalos", dixo. "Vostedes non teñen humanidade, corazón, principios nin finais", sentenciou Millán antes de marchar da sala tras a súa primeira e única intervención co resto de deputados de Vox sen atender xa ao resto do debate.
Tamén moi críticos coa xestión de Puente, ata o punto de pedir igualmente a súa dimisión pero sen expresións de tal calibre, amosáronse grupos de esquerda como Sumar ou Podemos. Porén, horas antes este mesmo martes, Puente, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, dixo sentirse apoiado polos seus compañeiros ministros e ministras, tamén polos de Sumar.
ERC foi igual de crítica, pero sen chegar a verbalizar a petición de dimisión senón limitándose a preguntar "que pediríamos se fose un ministro do PP". Mentres que EH Bildu foi máis moderada, sinalando que igual que non se pode facer responsable do accidente a un traballador, tampouco vai facer responsable ao ministro ata que remate a investigación, pero igualmente pedindo unha reformulación completa da política ferroviaria. "A mellor resposta non é unha dimisión convertida nun acto simbólico" senón que se coñeza a verdade e se corrixan eivas, dixo a deputada vasca Mertxe Aizpurua.
Si pediu a dimisión expresamente o PNV, que rexeitou falar de "Estado falido" porque tras o accidente funcionaron todos os mecanismos de auxilio, pero incidindo en que antes non se fixo o suficiente. "Hai que asumir señor ministro a responsabilidade", dixo Mikel Legarda.
O BNG salienta o paralelismo co accidente de Angrois, no que "o desencadeante non foi un erro humano", e pide unha investigación independente fronte ao "pacto de silencio" que houbo en Santiago
Polo BNG o seu deputado, Néstor Rego, lembrou as similitudes do accidente de Urda co de Angrois, do que salientou que "o desencadeante non foi un erro humano". Nesa liña, pediu "unha investigación independente e a fondo, a que non houbo en Angrois". Sobre as peticións de dimisión a Puente por parte doutros grupos, que considerou lícitas, o nacionalista lembrou que "despois de Angrois non houbo dimisións, o que houbo foi premiar a ministra responsable [en referencia á popular Ana Pastor] coa presidencia do Congreso". Tamén lembrou que "Feijóo vetou a comisión de investigación" política do accidente de Santiago e atribuíuno a "un pacto de silencio para tapar responsabilidades compartidas entre José Blanco e Ana Pastor".
[INFORMACIÓN EN ACTUALIZACIÓN]