Rueda non desbota derrogar o decreto do galego no ensino pero insiste en que o "bilingüismo cordial" do PP é "axeitado"

Rueda e o presidente da RAG no acto institucional do Día das Letras do pasado venres CC-BY-SA Xunta de Galicia

Un día despois de que o conselleiro de Cultura ofrecese actualizar de xeito pactado o plan de normalización arrefriando a posibilidade de tocar o decreto do ensino, o presidente abre a porta a falar das dúas cuestións pero advirte: "Tamén nos terán que escoitar"

Contempla a Xunta a derrogación do decreto do galego no ensino, como lle pide a Real Academia Galega? "Aquí non se pecha absolutamente nada, iso non quere dicir que poñamos en cuestión a política lingüística da Xunta, baseada nun bilingüísmo cordial". Esas foron a pregunta que recibiu e a resposta que ofreceu este luns o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, ante a posibilidade de que se reformule dalgún xeito a política lingüística galega, debate reaberto no marco da celebración o pasado venres do Día das Letras.

O debate sobre a lingua nas últimas xornadas tivo varios fitos ata as declaracións de Rueda deste luns. O venres as rúas de Santiago acolleron a habitual manifestación en defensa do galego e a RAG apelou, no acto institucional do Día das Letras, con Rueda presente, a "deseñar un novo horizonte para a lingua". E este domingo dúas entrevistas radiofónicas serviron para fixar as posturas de dúas das principais partes en conflito. 

O conselleiro de Cultura, José López Campos, o pasado día 16 na entrega dos premios 'Dígocho eu' da CRTVG CC-BY-SA Xunta de Galicia

Na Cadena SER o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, insistiu na reclamación da institución de que se derrogue o decreto do uso da lingua do ensino, o denominado decreto do bilingüísmo impulsado por Alberto Núñez Feijóo hai década e media e que restrinxe o uso do galego nas aulas. 

Ao tempo, na Radio Galega o novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, amosaba a súa disposición a chegar a un acordo sobre un novo Plan Xeral de Normalización Lingüística, unha "actualización" do documento aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en 2004 pero que despois o PP menosprezou. O conselleiro amosaba a súa disposición a buscar mecanismos "para establecer condicións máis favorables" ao "uso diario" do galego "en todos os ámbitos". 

Porén, no que respecta ao decreto do galego no ensino, López Campos dicía estar disposto a "escoitar" opinións pero consideraba que "no ámbito educativo, o modelo lingüístico funcionou" e "o debate non está na rúa".

A manifestación de Queremos Galego do pasado venres © CIG

Rueda referiuse directamente á manifestación de Queremos Galego do pasado venres sen que lle preguntaran para admitir que a derrogación do decreto do galego "foi unha das peticións"

Este luns Rueda foi preguntado pola reclamación da RAG de que se derrogue o decreto do ensino e o presidente introduciu el mesmo unha referencia á manifestación do venres. "Sei que foi unha das peticións das persoas que se manifestaron en Santiago o outro día", dixo, para asegurar, en referencia ao seu conselleiro, que "cando se fai unha oferta de pacto é para chegar a un acordo entre ambas partes". Porén, a continuación engadiu, en referencia ás voces críticas coas políticas do PP, que "tamén nos terán que escoitar". 

"Aquí non se pecha absolutamente nada, iso non quere dicir que poñamos en cuestión a política lingüística da Xunta, baseada nun bilingüísmo cordial", dixo Rueda, que a cualificou de "axeitada". 

Sobre as reticencias do PP a que o galego sexa oficial na UE o presidente pide "ver cal é a postura xeral no Parlamento Europeo", obviando que o PP está presente nesa cámara

"Cando un ofrece pactar ten que estar disposto a chegar a acordos, polo tanto empecemos a falar e xa veremos o que acordamos por ambas partes", concluíu o presidente sobre a cuestión.

Rueda tamén foi preguntado pola reclamación do PSdeG de que o PP se sume á reivindicación de que o galego tamén sexa oficial na Unión Europea, ao que o presidente da Xunta evitou contestar. "Primeiro imos ver cal é a postura xeral no Parlamento Europeo", dixo, obviando que o PP está presente nesa cámara.

Cabina de persoal intérprete no Parlamento Europeo © Frederic Sierakowski / European Union 2017 / EP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.