450 castiñeiros para implicar a veciñanza de Lugo fronte á mudanza climática

Souto integrado no proxecto Lugo+Biodinámico e a súa contorna, no verán de 2020 © Concello de Lugo

"Crear conciencia social sobre un problema que afecta a toda a poboación: o cambio climático e a contaminación atmosférica, partindo de que a educación ambiental é fundamental para entender a responsabilidade individual e colectiva" fronte a este fenómeno. É a premisa coa que parte a iniciativa Lugo, cidade viva, que vén de lanzar o Concello lucense con 450 castiñeiros como emblema.

As primeiras 450 persoas que se subscriban á 'newsletter' do novo proxecto 'Lugo, cidade viva' recibirán un castiñeiro do "novo bosque urbano", ligado ao barrio multiecolóxico que impulsa o Concello

Eses 450 castiñeiros, procedentes do souto do "novo bosque urbano", un parque forestal acondicionado na contorna das Gándaras, serán os que reciban as primeiras 450 persoas en subscribírense á newsletter coa que nace este programa de educación ambiental. O boletín informativo, de periodicidade quincenal, "abordará cuestións relacionadas coas novas prácticas de desenvolvemento urbano sostible que se están a executar no municipio de Lugo e no resto de cidades referentes" neste eido.

Cada persoa que se subscriba ao boletín, ata chegar ás primeiras 450, poderá levar unha destas árbores que tamén pretenden ser símbolo de concienciación. En verbas da alcaldesa lucense, Lara Méndez, "queremos facer partícipe a todos os e as lucenses das últimas novas sobre os avances que Lugo e outras cidades estamos a facer para ser máis resilientes fronte á emerxencia climática". Tamén incluirá contidos sobre "como a cidadanía pode contribuír na loita contra o cambio climático no seu día a día.

Traballos de construción do edificio 'Impulso verde', en Lugo o 20 de febreiro de 2021 © Concello de Lugo

A subscrición á nova newsletter pode realizarse no sitio web do proxecto, que tamén vén de abrir contas en Facebook e Instagram. A iniciativa, detalla o Concello, "súmase ás campañas de concienciación que o Goberno local está a realizar nos centros educativos co apoio do Campus Terra" da USC. Todo, no marco do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, que cofinancia a UE ao 80% xunto ao Concello e a Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago e mais a Politécnica de Madrid.

O proxecto Lugo + Biodinámico foi sinalado recentemente pola Comisión Europea como un dos exemplos de "experiencias positivas" desenvolvidas na UE no marco da "recuperación" fronte á crise do coronavirus

O proxecto Lugo + Biodinámico foi sinalado recentemente pola Comisión Europea como un dos exemplos de "experiencias positivas" desenvolvidas na UE no marco da "recuperación" fronte á crise do coronavirus, nomeadamente no ámbito do medio ambiente. A UE destaca, concretamente, o proxecto de barrio multiecolóxico que o Concello lucense está a erguer na Garaballa, o cal ve como un exemplo "especialmente válido", xa que "a dura realidade dos confinamentos" serviron opara lembrar "a enorme importancia dos espazos verdes para o noso benestar".

O consistorio está a sinalar como emblema deste barrio o denominado "edificio impulso verde", xa en construción e coa madeira como principal material. "O proxecto de Lugo demostra que podemos deseñar e construír un espazo que protexa o medio ambiente", di o artigo publicado pola Comisión, con achegas de Méndez e mais da arquitecta responsable do proxecto, Susana Penedo.

As primeiras 450 persoas que se subscriban á newsletter recibirán un dos castiñeiros (na imaxe, nun dos materiais promocionais do proxecto) © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.