O gasto privado en saúde crece, en parte, pola expansión dos seguros, que en Galicia suman xa 483.613 clientes, un 18% da poboación. A cifra rexistra un aumento constante e só nos últimos tres anos incrementouse en case corenta mil novos clientes
A sanidade privada avanza en Galicia. Aínda que a penetración dos seguros privados de saúde e dos centros médicos de titularidade privada está aínda por debaixo da media española, os indicadores do sector da sanidade con ánimo de lucro levan anos en ascenso en Galicia.
O gasto sanitario privado non deixa de medrar e só dende o 2020 fíxoo un 38%, unha porcentaxe moi superior á do aumento do gasto sanitario público no noso país (+23%). O gasto privado en saúde crece, en boa medida, pola expansión dos seguros, que en Galicia suman xa 483.613 clientes, un 18% da poboación. A cifra rexistra un aumento constante dende o ano 2011 e só nos últimos tres anos incrementouse un 8%, case corenta mil novos clientes.
Nesta estatística inclúense os preto de cen mil funcionarios e funcionarias (101.030) que reciben a súa atención sanitaria a través das mutuas de Muface.
A Coruña é o territorio no que a sanidade privada está a entrar con máis forza
Por provincias, claramente é A Coruña o territorio no que a sanidade privada está a penetrar con máis forza e concentra case a metade dos clientes do sector en Galicia, 238 mil dos 483 mil que hai no país. Na provincia coruñesa máis do 21% da poboación conta cun seguro privado de saúde, fronte ao 17% de Pontevedra, o 14% de Ourense ou o 13% de Lugo.
Galicia aínda non sofre a penetración da sanidade privada doutros territorios do Estado, especialmente Madrid (o 39,4% da poboación ten un seguro de saúde), Cataluña (33,3%) e Baleares (32,2%)
En todo caso, Galicia aínda non sofre a penetración da sanidade privada que presentan outros territorios do Estado, especialmente Madrid (o 39,4% da poboación ten un seguro de saúde), Cataluña (33,3%) e Baleares (32,2%). No conxunto de España o 25,9% da poboación é cliente dunha aseguradora de saúde e Galicia fica aínda oito puntos por debaixo.
En realidade, os datos de madrileños, cataláns e baleares distorsionan a media estatal, pois tan só estes tres territorios superan a media, mentres que o resto de comunidades autónomas está por debaixo.
Dende o 2019 a porcentaxe de poboación que é cliente dun seguro privado de saúde aumentou un 27% en Galicia, case o dobre da media do Estado (+15%)
Dende o 2019 a porcentaxe de poboación que é cliente dun seguro privado de saúde aumentou un 27% en Galicia, case o dobre da media do Estado (+15%). En boa medida as cifras están a incrementarse porque cada vez máis empresas ofrecen contratos de seguros de saúde como parte da súa oferta laboral como incentivos ao persoal, nun pagamento en especie que substitúe outro tipo de remuneración monetaria.
Dende o 2020 o gasto sanitario privado pasou en Galicia dos 567 euros anuais per capita ata os 783 euros do pasado ano 2024, un incremento do 38%. Nese tempo o gasto sanitario público medrou un 23%
Esta escalada dos seguros de saúde en Galicia está a contribuír de forma determinante a un aumento moi importante do gasto sanitario privado, especialmente dende o ano 2020, coincidindo coa pandemia de COVID e nun contexto marcado, ademais, pola crise inflacionaria dos anos 2021, 2022 e 2023.
Dende ese ano 2020 o gasto sanitario privado pasou en Galicia dos 567 euros anuais per capita ata os 783 euros do pasado ano 2024, un incremento do 38%. Nese tempo o gasto sanitario público medrou un 23%. O gasto en seguros de saúde creceu un 22% e o resto dos gastos privados (nos que se incluén o gasto en farmacias, no dentista e no resto de servizos médicos e paramédicos non públicos) elevouse un 42%.
En 2020 o gasto sanitario privado representaba o 33% do gasto sanitario total en Galicia, mentres que en 2024 a proporción era xa do 37%
No conxunto de España o gasto sanitario privado aumentou un 28% dende 2020, mentres que o gasto sanitario público fíxoo nun 21,5%.
No ano 2020 o gasto sanitario privado representaba o 33% do gasto sanitario total en Galicia, mentres que en 2024 a proporción era xa do 37,3%.
O 22% das camas hospitalarias son privadas en Galicia, unha proporción en lixeiro descenso nos últimos anos. En Cataluña rolda o 56% e en Navarra, Baleares, Canarias e Madrid supera o 30%
En calquera caso, cómpre destacar que o sector da medicina privada en Galicia é aínda minoritario e está lonxe do nivel de penetración que rexistra en Madrid e Cataluña. Galicia conta cun gran número de hospitais privados (18), pero en total suman pouco máis de dúas mil camas hospitalarias (2.156), o 22% do total das existentes en Galicia. Ademais, a súa proporción vén descendendo lixeiramente nos últimos anos, dende case o 25% que representaban no ano 2009.
No conxunto do Estado as camas hospitalarias privadas representan o 30,7% do total e en comunidades autónomas cunha sanidade altamente privatizada, como Cataluña, roldan o 56%. Navarra (40%), Baleares (36%), Canarias (35%) ou Madrid (32%) superan tamén a media estatal.
No ano 2023 a Xunta pagou á sanidade privada 246 millóns de euros a través de concertos para a prestación de servizos, o 4,6% do orzamento sanitario público
Outro dos indicadores que amosa que a penetración da sanidade privada en Galicia está aínda lonxe dos niveis destes territorios é o dos concertos sanitarios. No ano 2023 a Xunta pagou á sanidade privada 246 millóns de euros a través de concertos para a prestación de servizos. Trátase dunha cantidade importante que, ademais, vén elevándose ano a ano, especialmente dende o 2020 (204 millóns de euros). Representa o 4,6% do gasto sanitario público total en Galicia.
O peso dos concertos está lonxe do nivel de Cataluña (22%) ou Madrid (12%)
Porén, trátase dunha cifra inferior á media estatal. En varias comunidades autónomas os concertos sanitarios con empresas privadas supoñen unha parte máis importante do gasto sanitario público, chegando por exemplo ao 22% en Cataluña ou ao 12% en Madrid. Canarias supera o 7% e en Asturias, Navarra e País Vasco o 6%.