Hai un ano xa confirmou outra suspensión de Florentino Delgado por abusar do seu cargo para vivir nun piso alugado pola Xunta e agora fai o mesmo por actuar contra unha avogada que se queixou da súa lentitude nunha causa na que o político do PP acabou absolto
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid vén de emitir unha sentenza, con data do pasado 19 de xaneiro, na que ratifica unha sanción imposta pola Fiscalía Xeral do Estado a quen foi fiscal xefe de Ourense entre 2004 e 2019, Florentino Delgado, por intimidar unha avogada denunciante do ex-alcalde popular de Ourense Manuel Cabezas. O tribunal, segundo avanzou este luns elDiario.es considera probado que Delgado cometeu abuso de autoridade e confirma os dez meses de suspensión e a multa de 2.500 euros que lle impuxera a Fiscalía Xeral.
Esta é a segunda sentenza ratificatoria de sancións previas administrativas que emite a xustiza contra Delgado despois doutra da Audiencia Nacional avanzada por Praza.gal hai un ano por outro caso, o do seu “abuso” do cargo para vivir nun piso alugado pola Xunta.

Os feitos da sentenza agora feita pública remóntanse a hai preto dunha década, cando a ex-concelleira socialista Áurea Soto denunciou o ex-alcalde popular Manuel Cabezas por ‘perdoar’ a construtoras o 10% que debían ceder para uso público. Ese caso resolveuse aínda hai un ano, cando a Audiencia Provincial de Ourense absolveu o político popular porque non se puido probar que fose “consciente” do que facía. Agora, Cabezas volve ser candidato do PP á alcaldía da cidade.
A investigación aberta pola Fiscalía Xeral do Estado que agora remata coa confirmación da sanción ao ex-fiscal xefe de Ourense tamén supuxo un apercibimento ao fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, por encargar ao propio Delgado investigar a queixa dirixida contra el mesmo
Durante a longa instrución do caso a avogada de Áurea Soto queixouse da lentitude das actuacións da Fiscalía e o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, citouna a declarar como testemuña con apercibimentos de detención e accións penais, o que a letrada consideraba un “abuso de poder”. Así o estimou tamén a Fiscalía Xeral do Estado, que entendeu que o sancionado non só limitara os dereitos profesionais da letrada senón que mesmo tivera cara a ela unha “actitude intimidatoria”, e así o ratifica agora o tribunal.
Delgado non só intimidou a letrada senón tamén unha compañeira de despacho. E fíxoo instruíndo unha queixa presentada contra el mesmo, polo que se debera de abster. Así que foi sancionado -agora ratificado pola xustiza- por dúas faltas moi graves e outras dúas graves, as dúas primeiras por inobservancia do deber de abstención malia saber que tiña que facelo e por “ignorancia inescusable” no cumprimento dos seus deberes, mentres que as outras dúas foron por senllos abusos de autoridade ou faltas graves de consideración cara á avogada e a súa compañeira. Iso supúxolle dez meses de suspensión e 2.500 euros de multa.

Nese proceso interno agora ratificado polo tribunal a Fiscalía Xeral tamén apercibiu por “desatención” o xa daquela e aínda agora fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, por encomendar a Florentino Delgado investigar as queixas da avogada pola obstrución do caso malia que estas ían dirixidas precisamente contra o propio Delgado. A Fiscalía do Estado considerou que Suanzes non actuou coa dilixencia debida.
A sentenza que agora ratifica a sanción a Delgado por este caso chega xusto un ano despois doutra, revelada por Praza.gal, que tamén confirmou outra sanción ao ex-fiscal xefe de Ourense. Daquela, por abuso do cargo ao negarse durante anos a deixar unha vivenda que a Xunta alugara para que el a ocupase gratuitamente cando foi nomeado e que o seu propietario quería recuperar.
Delgado ademais asumiu en persoa unha querela contra dous altos cargos do Goberno galego que o instaban a deixar o piso, aos que acusou de suposto acoso inmobiliario a outra muller. A Audiencia Nacional confirmou hai un ano que o fiscal debía absterse nese caso pola súa “inimizade manifesta” coas persoas ás que acusaba, pero que dirixiu esas dilixencias “persoalmente no interese de manterse no uso da vivenda”.

Sancionado tamén en firme por querelarse contra dous altos cargos da Xunta que o instaron a deixar o piso público que ocupaba, Delgado obtivo en 2019 praza na fiscalía provincial de Madrid
Canto ao suposto acoso inmobiliario á muller inquilina da Xunta, o caso foi arquivado pola xustiza. Non se viu responsabilidade penal dos altos cargos do Goberno galego, pero a Xunta si acabou condenada na vía contencioso-administrativa por falta de mantemento do edificio en cuestión.
Polo que respecta a Florentino Delgado, tras década e media como fiscal xefe en Ourense en maio de 2019 obtivo praza na fiscalía provincial de Madrid.