Asasinada unha muller de 24 anos en Ribeira, primeiro crime machista en 2024 en Galicia

Minuto de silencio no Parlamento polo asasinato machista en Ribeira CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Andrea Yrrury, de 24 anos, foi asasinada presuntamente pola súa exparella en Palmeira. Deixa orfo un neno de dous anos. O presunto agresor, con "denuncias previas por violencia de xénero", permanece hospitalizado á espera de pasar a disposición xudicial

Andrea Yrrury, de 24 anos, foi asasinada presuntamente pola súa exparella na tarde do martes na parroquia de Palmeira, que pertence ao Concello de Ribeira. O suposto asasino que acabou coa vida desta muller tratou de quitarse a vida tras o crime, pero foi estabilizado polo persoal sanitario desprazado ata o lugar dos feitos e permanece hospitalizado á espera de que pase a disposición xudicial.

Segundo confirmou o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, a muller asasinada deixa orfo un neno de dous anos que non se atopaba na vivenda onde tivo lugar o crime. O presunto asasino empregou unha arma branca e fixo unha chamada na que alertou de que acabara coa vida da muller e que pretendía facer o mesmo coa súa, por ese motivo os efectivos da Policía Nacional e mais do Sergas chegaron á vivenda a tempo de atopalo a el con vida.  

A Delegación do Goberno Contra a Violencia de Xénero confirma o caso como o primeiro asasinato machista en Galicia de 2024. Xa son sete as mulleres que foron asasinadas este ano no Estado por violencia machista, así, son 1.247 os feminicidios desde o ano 2003, cando comezaron os rexistros oficiais. O número de menores de idade orfos e orfas por violencia de xénero ascende a oito en 2024 e a 440 desde 2013.

O Ministerio de Igualdade informa de que "existían denuncias previas por violencia de xénero contra o presunto agresor por parte doutra parella". Ante a repunta de casos de violencia machista con resultado mortal, o Ministerio do Interior reuniuse en varias ocasións o pasado ano e detectou que o sistema debía pór o acento nos homes con antecedentes en materia de violencia de xénero, os "agresores persistentes", que en 2022 constituíron o 20% dos delincuentes machistas.

Concentración en repulsa do crime machista na sede da Xunta en San Caetano CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Concello de Ribeira convocou un pleno urxente extraordinario para este mediodía no que declarou dous días de loito oficial no municipio. Ás oito da tarde deste mércores está convocada unha concentración no Malecón (a carón de Capitanía Marítima) en Ribeira. O feminismo galego convoca concentracións por todo o país para este xoves 21 a partir das sete da tarde.

"Desde o Concello de Ribeira facemos un chamamento á sociedade a erradicar calquera tipo de violencia machista das nosas vidas e á toda sociedade ribeirense para que se manifeste no Malecón de Ribeira para mostrar que como pobo estamos unidos ante acontecementos tan terribles", salienta o alcalde, Luís Pérez Barral.

"É fundamental lembrar que a violencia machista é unha violación dos dereitos humanos, unha manifestación da desigualdade e unha grave problemática que require da acción conxunta de toda a sociedade para a súa erradicación", traslada o Concello de Ribeira

"É fundamental lembrar que a violencia machista é unha violación dos dereitos humanos, unha manifestación da desigualdade e unha grave problemática que require da acción conxunta de toda a sociedade para a súa erradicación", destaca a declaración institucional emitida desde o Concello de Ribeira, na que a corporación local reafirma o seu "compromiso coa promoción da igualdade e a protección dos dereitos das mulleres, así como coa implementación de medidas efectivas para previr e combater a violencia machista en todas as súas formas".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu un minuto de silencio na sede do Goberno galego en San Caetano e manifestou a través das redes sociais o seu apoio á familia da vítima. "Estremecémonos cada vez que recibimos unha noticia como esta. Un novo asasinato machista deixa á sociedade galega e á vila de Ribeira sen palabras", sostivo. Os representantes no Parlamento tamén realizaron unha concentración de condena a este crime machista na entrada do Pazo do Hórreo.

Pola súa banda, a ministra de Igualdade, Ana Redondo García, e a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Carmen Martínez Perza, expresaron este mércores a súa "máis absoluta condena e rexeitamento" ante este asasinato machista e trasladan todo o seu apoio a familiares e amizades da vítima. Ambas pediron todos os esforzos desde as institucións, administracións e o conxunto da sociedade para chegar a tempo e evitar máis mortes. 

Minuto de silencio polo asasinato machista no pleno extraordinario do Concello de Ribeira CC-BY-SA Concello de Ribeira

O asasinato de Andrea Yrrury é o crime machista número 68 cometido en Galicia desde que hai rexistros no ano 2003

O asasinato de Andrea Yrrury é o crime machista número 68 cometido en Galicia desde que hai rexistros no ano 2003. "Unha cifra inaceptable e que nos obriga a levantar a voz", destacou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que presidiu o minuto de silencio na sede da Delegación acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, traballadores e  traballadoras da institución e integrantes das forzas e corpos de seguridade do Estado. 

Pedro Blanco condenou este crime cometido en Palmeira "que nos produce indignación, que nos golpea e que nos avergoña como país" e reiterou o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez de seguir traballando "día a día" para erradicar calquera forma de violencia sobre as mulleres. O delegado animou a sociedade galega a "non permanecer allea e denunciar a quen relativiza, ou mesmo nega, a violencia machista"

Galicia rexistrou en 2023 máis de 20 vítimas de violencia de xénero ao día

Os órganos xudiciais galegos ditaron 2.415 sentenzas en procesos de violencia de xénero no ano 2023, das que o 81,8% foron condenatorias. Concedéronse 1.299 ordes de protección, un 2% máis que no ano anterior, e ditáronse 679 medidas cautelares civís. As vítimas presentaron o 76,7% das denuncias, mentres que as interpostas polo seu contorno representan o 1,9%. 

A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia foi de 53,1, a segunda máis baixa do Estado, cuxa media se situou en 79,4. Este é un avance dos datos estatísticos feitos públicos este mércores polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. 

Minuto de silencio este mércores na sede da Delegación do Goberno en Galicia CC-BY-SA Delegación do Goberno en Galicia

"Non podemos caer no desánimo, debemos seguir avanzando polas vítimas que seguen a sufrir e pola memoria das que lamentablemente perderon a vida a mans dos seus maltratadores", di Carmona

A presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, Ángeles Carmona, manifesta a dor polos recentes asasinatos por violencia machista no Estado, en concreto polo caso de violencia vicaria no que un pai acabou presuntamente coa vida de dúas menores en Almería. O número de menores de idade vítimas da violencia de xénero ascende a catro en 2024 e a 54 desde o 1 de xaneiro de 2013.

"Non se pode tolerar a perda de máis vidas inocentes por esta sen razón", afirma Carmona, quen incide en que o Estado español dispón de "moitas ferramentas para protexer as mulleres vítimas e aos seus fillos e fillas" e asegura que no Observatorio que dirixe seguirán analizando todos os casos para "detectar" as posibles eivas na actuación que se puideran producir. 

"Non podemos caer no desánimo, debemos seguir avanzando polas vítimas que seguen a sufrir e pola memoria das que lamentablemente perderon a vida a mans dos seus maltratadores. As administracións do Estado van seguir traballando duro para evitar que se volvan producir traxedias desta magnitude", asevera Ángeles Carmona.

Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia reiteran o seu total rexeitamento a calquera tipo de violencia psicolóxica, física ou sexual contra as mulleres. "A prevención é o mecanismo real para pór fin á violencia contra as mulleres e así desterrar condutas que permanecen na sociedade e que perpetúan o maltrato ás mulleres. Desde a psicoloxía reclamamos unha maior incidencia nas medidas de carácter preventivo e de intervención psicolóxica, especialmente nas idades máis temperás, para erradicar estereotipos machistas e desigualdades que sustentan a violencia contra a muller. Sen unha aposta decidida pola prevención será inevitable que sigamos lamentando sucesos tan tráxicos como o asasinato cometido en Ribeira", sinalan nun comunicado. 

 

O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero (tamén no WhatsApp no número 600000016 e no enderezo 016-online@igualdad.gob.es), en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano. Se se trata dunha emerxencia hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.