Hai agora dez anos, na primavera de 2013, Novagalicia Banco viña de aprobar un ERE que implicaba despedir unhas 1.800 que traballaran nas antigas Caixanova e Caixa Galicia mentres ardía o conflito das preferentes. Eran as desaparecidas grandes caixas galegas que se fusionaran en Novacaixagalicia entre promesas de "solvencia e galeguidade" por parte da Xunta e das propias entidades e que acabaron rescatadas, en cifras redondas, cuns 9.000 millóns de euros públicos dos que 8.000 foron dados por perdidos.
Máis dunha década despois de todo aquilo volven soprar ventos que provocan turbulencias bancarias. A COVID, a invasión de Rusia en Ucraína e as sancións derivadas, a inflación, as subas dos tipos de xuro... Moitos elementos sobre a mesa e, de súpeto, comezan a xurdir nomes de bancos "en problemas". Onde hai máis de dez anos estaba Lehman Brothers agora están o Silicon Valley Bank, First Republic, Credit Suisse ou Deutsche Bank.
Buscamos semellanzas e diferenzas entre as actuais turbulencias bancarias e a crise financeira de hai unha década e, da man dunha testemuña directa, lembramos como aquel colapso levou por diante as desaparecidas grandes caixas galegas
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos ordenar os feitos actuais e contextualizalos para preguntarnos ata que punto estamos ás portas de algo como unha crise financeira internacional como a que marcou o comezo do século. Ao tempo, facemos memoria daquilo que ía ser a gran caixa galega… Ata que pasou o que pasou.
Xunto con Miguel Pardo, xornalista de Praza.gal, repasamos análises expertas que nos explicaron parte da situación actual. O catedrático de Economía Financeira da USC Luís Otero ou María Bastida, profesora de Económicas na mesma universidade, sinalan que a crise do SVB chega por un problema de xestión de riscos e valoración de activos, mentres que no Credit Suisse a perda de reputación acumulada por sucesivos escándalos agrava a situación. O que teñen en común é que o medo e a desconfianza afecta en calquera crise deste tipo e contaxia os investidores os mercados.
En xeral, estas análises remarcan máis as diferenzas que as similitudes a respecto da situación de hai unha década, que, no caso galego, nos remite irremediablemente á caída das grandes caixas galega. Para tirar dese fío contamos no fálase cunha persoa que viviu aquel proceso moi de cerca, dende dentro. Trátase de Clodomiro Montero, naquel tempo responsable da sección de Banca da Confederación Intersindical Galega e actualmente secretario da sección sindical da CIG en Abanca.
Músicas e rutas artificiais e naturais en VINTE
Neste episodio do Fálase abrimos tamén un espazo para VINTE. Con Ana G. Liste comezamos escoitando o máis recente das Miudiño Sessions d'A Regueifa Platataforma 2.0, desta volta con Lucía Aldao na súa "casa-museo" da Coruña e tres versiósn "engalanadamente espidas" doutros tantos temas.
Sen afastarnos da música, coñecemos máis do novo podcast Violentos Anos Vinte, que vén de chegar a VINTE da man de Celia Eiras, Anxo Fariñas e Daniel Portela e que no seu segundo episodio aborda a renovación da música tradicional. De música e de renovación saben tamén ben en Lontreira, dúo formado por Adri Coyote e Héctor Rodríguez que segue vieiros abertos por artistas como Baiuca para guiarnos polo que xa hai quen chama a nova folctrónica galega
Coma sempre, en VINTE hai moito máis que música e desta volta mesmo hai intelixencia artificial para descubrirmos O quen é quen da cultura galega elaborado mediante esta tecnoloxía. Cara ao remate do episodio abandonamos a ruta da intelixencia artificial e encamiñámonos por outra ben máis natural, a que traza Jorge Guitián na oitava entrega do Vinte en Ruta, outra volta con deliciosas fotos de Adrián Baúlde, para levarnos de Carnota a Noia.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.