Media ducia de informacións que podes recuperar agora se desconectaches na ponte

Seis temas para recuperares se desconectaches na ponte 2022 CC-BY-SA Xunta | Javier Pais | © BBC | Xunta | zapy1987 | Xunta

Vimos de pasar unha semana ou mesmo nove días marcados pola ponte festiva, ao cadrar en martes e xoves os festivos dos días da Constitución e da Inmaculada, 6 e 8 de decembro. É posible que sucesión de días laborables e lectivos con festivos encaixados entre dúas fins de semana propiciase que desconectases un chisco da actualidade. Antes de máis, o primeiro que debes saber é que non perdiches nada transcendental ou, cando menos, nada que tan importante como para non poderes recuperalo agora.

Pola nosa banda, non queremos abafarte na reconexión. Por iso seleccionamos media ducia de temas que tratamos en Praza.gal durante a ponte para que, se queres, poidas poñerlles un ollo agora, sen présa.

Columna de fume do Mar Exeo na mañá do 3 de decembro de 1992 CC-BY zapy1987

30 anos do 'Mar Exeo': a marea negra que anticipou o Prestige e o berro de 'Nunca Máis' 

O 3 de decembro de 1992  un petroleiro cargado con 79.000 toneladas de cru encallou a carón da Torre de Hércules, provocando unha gran columna de fume e unha intensa marea negra que cubriu as Rías Altas. Lembramos o desastre nesta reportaxe e tamén a través do libro escrito por Enrique Carballo, Marta Otero e Iván Aguiar, xornalistas de La Opinión de A Coruña. Ler máis

A formación da medicina de familia do futuro atranca na escasa planificación do Sergas e na saturación dos centros 

A falta de planificación no Servizo Galego de Saúde cun cadro de persoal avellentado que limita o acceso a titores dos residentes de Medicina Familiar e Comunitaria, sumada á experiencia dos centros de saúde sobrecargados, dificultan que os futuros médicos e médicas escollan esta especialidade. Ler máis

Cartel nun PAC en Vigo, nunha imaxe de arquivo Dominio Público PAC Vigo

A Xunta admite que o porto deportivo de Sanxenxo provocou "gran impacto" nunha praia tras velo en 2001 "ambientalmente viable" 

Para conter agora a area que se reporá, o Goberno galego autoriza un novo dique de cen metros; pero Costas do Estado rexeita a pretensión de construír á vez un novo paseo marítimo nesa zona. Coa desaparición da praia o mar está a afectar directamente ás construcións, que xa tiveron que ser reforzadas. Ler máis

A Coruña consegue para Galicia a sede da Axencia estatal de Intelixencia artificial 

O Consello de Ministros concedeu á cidade herculina a desexada sede da AESIA, para a que se presentaran máis dunha ducia de candidaturas. Despoboación, redes de transporte, o inmoble ofertado, a lingua ou a contorna empresarial e universitaria son algúns dos motivos oficiais da elección, publicados no BOE ao día seguinte entre parabéns das principais forzas políticas galegas, pero con receos dende a dirección do PP que agora encabeza o ex-presidente Feijóo. Ler máis

Edificio da Terraza, na Coruña, que acollerá a sede da AESIA CC-BY Javier Pais

Tres de cada catro camas hospitalarias en Galicia están ocupadas e a COVID non supón nin o 1% 

A repercusión do coronavirus é xa residual no que atinxe aos ingresos hospitalarios. As persoas ingresadas coa COVID como causa directa son apenas o 0,8% en unidades convencionais e arredor do 0,9% nas UCI mentres aumenta a presión no sistema por outras patoloxías. Ler máis

Todo é gravísimo (agás algunha cousa)

Quen seguise de preto a política galega e a traxectoria de Feijóo nela apreciará no seu papel de líder do PP tramas e escenas xa vividas en Galicia, un 'remake' que implica sinalar a situación como máxima emerxencia. Onde antes había imposición do galego ou desbalde irreparable agora advírtese da "maior crise institucional da historia democrática". Mentres a hipérbole se desboca no inicio dun intensísimo ciclo electoral, en Galicia continúa un proceso xudicial que nos remite a feitos, estes si, obxectivamente de máxima gravidade. Ler máis

Francis Urquhart (Ian Richardson), protagonista de House of Cards (BBC, 1990) © BBC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.