Media ducia de temas para recuperares se desconectaches na ponte de Todos os Santos

Media ducia de temas para recuperares se desconectaches na ponte de Todos os Santos CC-BY-NC-SA Praza.gal

Vivimos tempos acelerados nos que a desconexión dixital resulta máis que saudable. Máis aínda en xornadas festivas ou pontes como a que vimos de pasar. Nestes últimos días, non obstante, o mundo seguiu xirando e en Praza.gal publicamos varios temas que, se cadra, che gustaría recuperar devagar tras a ponte. Son informacións diversas que non caducan e que che agrupamos aquí para que che sexa máis doado volveres a elas.

Endesa, Ence, Naturgy ou Blackstone poderán optar ao Fondo de Transición Xusta tras pasar o primeiro filtro da Xunta

O Goberno galego evita dar detalles dos plans das grandes empresas que queren captar fondos da UE para compensar o peche das térmicas das Pontes e Meirama e, tras unha petición ao abeiro da lei de transparencia, limítase a citar os seus nomes. Unha filial enerxética do fondo de investimento Blackstone súmase á petición á que tamén concorren algunhas das principais eléctricas e compañías doutros sectores como as conserveiras Jealsa e Frinsa ou Leite Celta. Seguir lendo

Encabezamento da listaxe dos proxectos de grandes empresas que pasaron o primeiro fitro da Xunta para optar aos fondos de transición xusta, obtida por Praza.gal ao abeiro da Lei de Transparencia CC-BY-NC-SA Praza.gal

A policía certifica no xuízo de Angrois unha das tres atenuantes que poden beneficiar o maquinista: confesou decontado

O avogado do condutor confía en demostrar que a súa falta de actuación por despiste non ten relevancia penal, pero en caso de condena o seu comportamento, moi diferente do outro acusado, pode rebaixarlle a pena. Seguir lendo

As Zonas de Baixas Emisións das cidades galegas nacen con poucas restricións ao tráfico pero coa aposta pola peonalización do centro 

As propostas das urbes galegas, agás Vigo, rexeitan aplicar de entrada limitacións aos vehículos máis contaminantes e céntranse e afianzar as políticas de fomento da mobilidade peonil e ciclista. En Lugo, Compostela ou Ferrol as ZBE coincidirán cos propios cascos históricos, xa peonís ou en proceso de selo. Seguir lendo

Feijóo rompe a última hora: do Estatuto e o decreto do galego ao Poder Xudicial

En 2007 "houbo mesmo un acordo técnico e informal" sobre a reforma do Estatuto, "pero chegou Feijóo e mandou parar", resumiu anos despois un dos participantes nunha negociación que ecoa neste 2022 no bloqueo da renovación do Poder Xudicial por parte do ex-presidente, agora líder do PP. Tras frear o Estatuto, o PP chegou a comparecer en público con PSdeG e BNG para anunciar o pacto sobre o decreto do galego que escasos meses despois denunciou como un exercicio de "imposición". Mentres, Alfonso Rueda sae  a Ordes con Ayuso. Seguir lendo

Feijóo, con Touriño e Quintana na xuntanza na que fracasou a reforma do Estatuto (Monte Pío, 2007) e con Pedro Sánchez na Moncloa, neste mes de outubro para abordar a renovación do Poder Xudicial CC-BY-SA Ana Varela / Xunta | © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Tres meses sen cobrar a pensión de 421 euros por mudar de banco para evitar comisións

A Valedora do Pobo reclama á Xunta “mecanismos para evitar demoras no cobro” a quen mude de entidade bancaria e lembra que “a exclusión financeira é un dos problemas que sofren as persoas de economías precarias”. Seguir lendo

De María e Pablo a Sofía e Mateo: así mudaron en 20 anos os nomes máis comúns en Galicia

Nas últimas dúas décadas os nomes escollidos para os nenos e nenas nacidas no noso país cambiaron por completo, aparecendo unha ampla variedade de opcións que relegaron ás denominacións máis tradicionais. Repasamos en gráficos a evolución dos antropónimos máis frecuentes dende o ano 2000. Seguir lendo

Ademais destes e doutros temas, nos últimos días tivemos unha boa nova na familia de Praza. VINTE, a revista de sociedade, cultura e tendencias que dirixe a nosa compañeira María Yáñez, volveu medrar cun novo espazo e un novo deseño. Velaquí os detalles:

Vinte no patio: os mellores contidos de VINTE para descubir de camiño á escola (e tamén na clase)

A xente máis moza atopará en Vinte no Patio vídeos, podcast, xogos e novos formatos que chegan acompañados de mudanzas e melloras no sitio web de VINTE. Seguir lendo

A nova portada de VINTE e Vinte no Patio CC-BY-NC-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.