O sindicato de maquinistas convoca folga os días 10 e 12 de novembro, arredor da folga xeral de vivenda do 11

Dous trens de alta velocidade, na estación de Ourense CC-BY-SA Praza.gal

Xa antes do accidente de Urda o Semaf tiña convocada unha folga para este xoves polo incumprimento das melloras acordadas tras o sinistro de Adamuz, e agora amplía os paros

O sindicato de maquinistas (Semaf) volverá á folga o martes 10 e o xoves 12 de novembro, sendo o mércores 11 o día da folga xeral convocada pola crise de vivenda. Xa antes do accidente de Urda deste mércores o Semaf tiña convocada unha folga para este xoves por incumprimentos das melloras acordadas tras o sinistro de Adamuz do pasado xaneiro, e agora amplía os paros para reclamar unha maior celeridade na implantación de melloras de seguridade.

Diego Martín, secretario xeral do Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (Semaf) © Semaf

Máis alá das causas concretas de cada accidente -a ruptura dun carril no caso de Adamuz e un erro humano no centro de control de Adif no caso de Urda, segundo apunta o ministro-, o Semaf viña alertando da necesidade de mellorar a seguridade de todo o sistema ferroviario. 

Tras Adamuz o sindicato chegara a diversos acordos co Ministerio de Transporte, pero o seu secretario xeral, Diego Martín, advertía xa en marzo en entrevista con Praza.gal que o importante era poñelos en práctica canto antes e "que as melloras non queden durmidas por interese político como en Angrois". Pero meses despois o sindicato seguía sen ver suficientes avances e convocou para o xoves desta semana unha nova xornada de folga, que segundo Renfe tivo un seguimento do 26%.

Hai dez días o Semaf lamentaba o "bloqueo administrativo dos acordos asinados en materia de seguridade ferroviaria" tras o accidente de Adamuz: "Todo segue igual de paralizado que no mes de maio"

Agora as novas xornadas de folga están previstas como paros totais o día 10 de novembro e paros parciais ao longo do día 12. "Todo segue igual de paralizado que no mes de maio", aseguraba hai dez días o sindicato, que criticaba que "a Administración e as empresas escúdanse na lentitude burocrática de coordinar a varios organismos" pero que esa "é unha escusa inaceptable cando somos conscientes de que se hai vontade son capaces de aprobar calquera norma legal en cuestión de semanas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.