En outubro de 2019 un ex-mecánico da empresa Talgo acusou formalmente varios técnicos da compañía ante o xulgado que instrúe o caso Angrois de borrar xusto despois do accidente datos de posibles eivas no tren Alvia que, o 24 de xullo de 2013, descarrilou ás portas de Santiago causando 80 mortes e feridas a outras 144 persoas. En xullo deste ano, tras varios adiamentos e en vésperas do sétimo aniversario do sinistro, o ex-mecánico ratificouse na súa acusación ante o xuíz, mentres que os técnicos aos que sinalou negaron tales feitos.
Tras tomar declaracións a ambas partes, o xuíz instrutor da causa, Andrés Lago Louro, considera que "non hai nada novo no horizonte". Así o indica nun auto datado neste 31 de xullo, no que constata que os técnicos acusados negaron o borrado de datos dos rexistros informáticos de Talgo. En calquera caso, advirte, o que corresponde aclarar é se, en caso de existir eses "defectos", tiveron ou non influencia no accidente. Porque o obxecto da causa, evidencia, é certificar "as causas" do sinistro.
Tras tomar declaración ao ex-mecánico que denuncia o borrado de datos e aos técnicos aos que sinala, o xuíz manda dilucidar se, no caso de que "existisen" eses posibles defectos no tren, tiveron ou non influencia no accidente no que faleceron 80 persoas
Dado que "o que realmente interesa é saber se os defectos aos que alude" o ex-mecánico, "na hipótese de que existisen", tiveron ou non "incidencia causal no accidente", o xuíz Lago Louro encomenda a un dos peritos impostos pola Xunta no caso, José Manuel Lamela, se as eivas no tren sinaladas polo ex-mecánico na declaración xurada entregada ao xulgado e na súa declaración ante o propio instrutor "realmente existiron" e "existe constancia documental" delas. E, sobre todo, se "en caso de existiren, foron ou non reparadas antes de saír o tren" dos talleres da compañía en Madrid, onde foi revisado "nos días previos ao accidente", para acto seguido dilucidar se puideron chegar a influír no sinistro.
O xuíz encarga así ao perito estudar se a acusación do ex-mecánico está no certo pero, esencialmente, se no caso de que o estivese, as avarías chegaron a influír dalgún xeito no descarrilamento. Neste sentido, o propio maxistrado considera "curioso" que o propio ex-mecánico sinalou, ao ser preguntado ao respecto, que os elementos do tren deteriorados que el mesmo asegura que viu estaban "relacionados co confort dos pasaxeiros" e que as "avarías" detectadas no momento dos feito quedaron "subsanadas". De ser así, avanza, "ningunha relevancia tería o borrado informático" na causa que indaga nas razóns do accidente.
A finais de 2018 o xuíz xa deu por rematada a investigación, centrándose na seguridade da liña Ourense-Santiago e co maquinista o ex-xefe de Seguridade na Circulación de Adif como acusados
Deste xeito, o perito imposto pola Xunta terá que atender o devandito encargo sobre a posible influencia dos hipotéticos defectos no accidente. Ademais, pídelle que examine documentos entregados por un dos técnicos ao propio xulgado no momento da súa declaración, os cales supostamente detallarían o estado do tren antes da viaxe e que Talgo, defendeu, enviara a Renfe. En realidade, esa documentación non fora achegada por Renfe ao xulgado, polo que o xuíz decidiu incorporala á causa e o perito terá que avaliala.
Agás que o perito achegue novidades relevantes sobre as acusacións do ex-mecánico e a influencia desas supostas eivas no descarrilamento, todo apunta a que este episodio non desviará máis o foco da investigación. Non en van, o xuíz instrutor xa propuxera a finais de 2018 dar por rematada a investigación centrándose na seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago e acusando, ademais de ao maquinista do tren por non frear a tempo antes da curva de Angrois, ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar e paliar o risco que alí existía como esixía a normativa.