Oito mortes e hospitalización á alza pola COVID-19 en Galicia mentres descenden os novos positivos

Imaxe da COVID-19 ao microscopio CC-BY Imaxe ao microscopio: NIAID | Montaxe: Praza Pública

O número de novos casos da COVID-19 detectados en Galicia acumula cinco días en descenso. Faino dende o pasado día 9 de setembro, cando o forte brote detectado na residencia DomusVi de Outeiro de Rei alterou a lixeira tendencia á baixa das xornadas previas. Non obstante, a peor evolución das semanas anteriores estase a ver reflectida no remate da primeira semana de setembro nun incremento das hospitalizacións nos últimos días e tamén en máis falecementos.

Os novos positivos acumulan cinco días en descenso, pero a peor evolución das semanas anteriores vese agora reflectida no incremento da hospitalización e en máis falecementos

Nos datos divulgados este 14 de setembro polo Servizo Galego de Saúde, correspondentes ao día anterior, destacan ata oito novas mortes -catro xa comunicados por Sanidade durante o domingo, pero incorporados á estatística oficial este luns- que elevan o total de falecementos de persoas coa COVID-19 en Galicia ata as 689. As oito persoas falecidas morreron no hospital, eran de avanzada idade e tres delas viviran en residencias de maiores. 

É o caso dunha muller de 82 anos falecida no hospital Lucus Augusti, onde chegou procedente da residencia DomusVi Outeiro de Rei; un home de 77 anos ingresado no mesmo hospital que vivira na residencia do Incio e unha muller de 75 que vivira na residencia Os Gozos, no Pereiro de Aguiar. As outras cinco persoas de cuxos falecementos dá conta o Sergas non vivían en residencias: unha paciente de 95 anos no Polusa de Lugo, un home de 88 no hospital de Verín e un home de 79 no hospital da Coruña

Tras estes novos casos, o 44% de falecementos ligados á pandemia en Galicia seguen sendo de persoas que vivían en centros de maiores e dependentes. Ata 140 delas faleceron nas propias residencias. Nesta segunda vaga da epidemia no país rexistráronse 69 mortes. [Seis meses de pandemia do coronavirus en Galicia, en seis gráficos]

Ralentización dos novos casos

Aínda que os datos deste 14 de setembro si veñen condicionados polo habitual efecto fin de semana no número de probas PCR realizadas, o seu número segue sendo relevante -máis de 3.400 o domingo, fronte ás máis de 5.000 do sábado e as máis de 4.000 do venres- e así e todo, as cifra de novos casos diarios tende á moderación. Son 209 na última xornada e a media semanal de positivos por día segue na contorna dos 240.

Os novos positivos equivalen a máis do 5% das novas PCR, limiar fixado pola OMS para o control da epidemia, tras dous días por baixo

Estes 209 novos positivos equivalen ao 6% das probas PCR feitas en Galicia no último día. Isto supón volver estar por riba do limiar do 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia nun territorio determinado. Nos dous días anteriores, con máis probas PCR, os datos galegos estiveron un chisco por baixo do 5%. 

Coma sempre, en calquera caso, cómpre ler este indicador con cautela porque, en ausencia de datos abertos e dunha serie histórica pública do Sergas, non é posible afirmar que todos os casos e probas novas sexan do mesmo día e tampouco é coñecido cantos dos novos positivos foron detectados mediante outras técnicas diagnósticas. Ademais, é relativamente habitual que cada paciente precise máis dunha proba.

A hospitalización segue en máximos da segunda vaga

Os maiores incrementos de novos positivos en semanas anteriores séguense reflectindo tamén nas cifras de hospitalización. Este luns o dato de persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 sitúase en 249, dúas máis. Delas, 28 están na UCI (+2) e as restantes 249 (igual que o día previo) en unidades ordinarias de hospitalización. 

As cifras de hospitalización seguen, con 249 persoas ingresadas con test positivo, por baixo da primeira vaga

Isto implica que se rexistraron cando menos 10 hospitalizacións novas (o incremento de dúas, máis os 8 falecementos), pero poden ser máis, dado que este dato varía en función das altas e o Sergas non o publica. As cifras de hospitalizacións seguen, non obstante, moi por baixo das semanas da primeira vaga nas que se rexistraban cifras de novos casos diarios semellantes ás actuais.

As altas continúan permitindo baixar os "activos"

Por áreas sanitarias, a peor evolución segue sendo a de Pontevedra-O Salnés

As altas, tanto hospitalarias como epidemiolóxicas (persoas illadas a domicilio que pasan a dar negativo) inflúen de xeito determinante no dato de hospitalizacións e sobre todo, no de "positivos activos", que vén sendo o indicador de referencia para a Xunta dende o comezo da epidemia. Esta cifra volve baixar por terceiro día consecutivo, o cal non sucedía dende xuño, por mor da suma de ata 218 "curacións" -ata un total de 15.440- e queda en 4.264 persoas. [Autos xudiciais revelan datos do coronavirus por concellos que a Xunta se nega a publicar]

Por áreas sanitarias, único nivel territorial para o que a Xunta ofrece información, as altas impulsan pronunciadas baixadas de casos "activos" nas de Santiago-Barbanza (-30) e Lugo (-19) e outras máis leves na da Coruña-Cee (-7) e Vigo (-5). A peor evolución nesta variable é un día máis a de Pontevedra, que con 33 "activos" máis xa supera á área de Ourense, que aumenta en 9. A que máis casos activos por cada 100.000 habitantes continúa tendo é, en calquera caso, a área de Lugo, con 249.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.